Noticias

Galicia contará en 2023 cun Centro de fabricación de terapias avanzadas para elaborar fármacos innovadores contra o cancro

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta porá en marcha, no vindeiro ano, o Centro de fabricación de terapias avanzadas (CAR-T) de Galicia para elaborar novos fármacos innovadores contra o cancro e fomentar a atención personalizada dos pacientes, cun investimento inicial de 2,5 millóns de euros. Na presentación da Estratexia de xestión do cancro en Galicia para os vindeiros seis anos (2022-2028), no Hospital Lucus Augusti de Lugo, Rueda destacou que a iniciativa do Centro activárase en 2021, a pesar de que nos atopabamos en plena pandemia, e que este ano se contrataron as obras e o equipamento necesario. Agora, os Orzamentos 2023 darán un pulo definitivo para financiar as prazas de persoal e facer que o centro poida entrar en funcionamento xa no 2023.

Este é un dos dous proxectos innovadores da Xunta que suporán “un antes e un despois co que ten que ver co tratamento do cancro”. O outro é a construción, en Santiago de Compostela, dun centro de protonterapia –unha técnica menos invasiva na loita contra os tumores– que fai que Galicia aspire a ser pioneira en ofrecelo a pacientes da sanidade pública, tanto aos galegos como aos de Castela e León e, previsiblemente, os de Asturias. Trátase dun proxecto moi relevante, tendo en conta que só hai dous hospitais privados en toda España que dispoñen deste tratamento.

“Hoxe podemos dicir que está máis preto de ser unha realidade, nos Orzamentos do ano 2023 xa vai unha partida de 10 millóns de euros para iniciar a obra do Centro de protonterapia”, que comportará un esforzo “absolutamente rendible e absolutamente necesario” de 28,5 millóns ata 2025”, destacou Rueda.

Detección precoz

O presidente da Xunta afirmou que a meta que se persegue é “lograr que cada vez menos galegos enfermen de cancro e os que enfermen, aumentar a súa curación, a súa atención e a calidade de vida dos enfermos e das súas familias”. Para acadalo, puxo en valor os tres piares da Estratexia de xestión do cancro de Galicia, como son a prevención, a mellora asistencial dos pacientes e a aposta polo futuro e innovación, como se está facendo cos avances antes mencionados.

No capítulo da prevención, búscase controlar os factores de risco, incidir no diagnóstico precoz e afondar nos estilos de vida saudables. “Un diagnóstico precoz é, moitas veces, sinónimo dunha vida salvada”, alertou o presidente, e anunciou que o Goberno galego reforzará este capítulo cunha suba de ata un 70 por cento de diñeiro público no orzamento de 2023, ata chegar a un investimento de 2,6 millóns de euros.

Destacou, ademais, que a prevención verase reforzada coa creación do Observatorio de Saúde Pública de Galicia e lembrou que a nosa Comunidade é pioneira na introdución de cribados poboacionais, dando “pasos de xigante” na detección precoz de cancro de mama –implantado hai 30 anos–, o programa de cribado en cancro colorrectal, ou o programa de detección precoz do cancro de cérvix, iniciado hai tres anos en Lugo, e que se quere estender a todas as áreas sanitarias de Galicia no 2023.

R., 2022-10-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES