Noticias

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia pecha o novo catálogo de actividades do Plan Digitalent

O Plan para a Promoción do Talento Dixital de Galicia comeza o curso 2022/2023 con novas actuacións para todas as idades, cos obxectivos de espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os rapaces e rapazas, e impulsar a adaptación dos estudantes, titulados e profesionais aos novos perfís dixitais esixidos pola transformación tecnolóxica. O catálogo para o novo curso escolar pechouse hoxe nunha xuntanza de traballo presidida por Julián Cerviño Iglesia, o director da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia, na que participaron as empresas do Pacto dixital que colaboran co Plan. As propostas das empresas iranse incorporando á web Digitalent, á medida que se pechen datas e prazas de cada unha.

O director deu conta do balance do ano anterior, no que se celebraron ata 37 actuacións dirixidas aos distintos perfís da cidadanía e quixo agradecer ás empresas colaboradoras e ao Clúster TIC a súa labor e compromiso no fomento do talento dixital galego nos últimos anos.

Iniciativas lideradas pola Amtega

Entre as liñas do Plan para o próximo período, avanzáronse as propostas impulsadas pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, como a renovación do programa Tecnólog@ por un día, unha iniciativa liderada pola Amtega que acada xa as seis edicións celebradas dende 2018. O catálogo do curso 2021/2022 acollerá dúas novas edicións desta actividade, coas que se seguirán a impulsar as vocacións STEAM e o interese nas novas profesións dixitais entre os rapaces e rapazas de secundaria e bacharelato.

A primeira quenda deste curso conta con máis de 50 prazas e terá lugar durante os meses de novembro e decembro. O alumnado participante poderá desfrutar dunha xornada inmersiva nos centros de traballo das empresas TIC que colaboran co programa, Altia Consultores, DXC Technology, NTT Data, Quobis, Satec ou Televés, ou visitar as instalacións da Amtega no GaiásTech.

Doutra banda e como novidade este ano, destaca a próxima posta en marcha do programa Mentoring FP, unha iniciativa conxunta da Axencia e a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades impulsada no marco da Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 e da Estratexia Galicia Dixital 2030

Trátase dunha actuación que ten por obxectivo facilitar a entrada no mercado laboral dos estudantes de Formación Profesional dan man dos expertos e profesionais das empresas colaboradoras, que titorizarán aos participantes a través dun Plan de Mentoring personalizado, acompañándoos na identificación de saídas profesionais adaptadas ao seu perfil ou asesorándoos na posta en marcha dun proxecto emprendedor.

Mentoring FP acada xa as 30 prazas confirmadas por Altia Consultores, DXC Technology, Inetum, NTT Data e Satec, dirixidas ao alumnado de Grao Superior e Cursos de Especialización de Formación Profesional da familia de coñecemento Informática e Telecomunicacións.

Ademais, a Xunta de Galicia segue a poñer o foco na atracción e retención do talento dixital galego e continúa a traballar en Retorna Dixital, un espazo web que recolle as ofertas de emprego do sector TIC de Galicia, ofrecendo aos galegos e galegas retornados ou que se atopan no exterior oportunidades de desenvolver a súa carreira profesional na nosa comunidade.

Con esta actuación, a Axencia autonómica, en colaboración coa Secretaría Xeral de Emigración no marco do programa Galicia Retorna, busca xerar un espazo de encontro en constante actualización entre o sector tecnolóxico galego e os perfís dixitais especializados emigrados para así reducir a fenda entre a demanda e a dispoñibilidade de talento tecnolóxico en Galicia.

Consulta toda a información e detalles para participar nesta e outras iniciativas do catálogo do Plan no espazo web Digitalent.

R., 2022-10-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (20261016-xunta.jpg) O xurado dos Premios da Cultura Galega 2026 reuniuse hoxe en Santiago de Compostela para outorgar os recoñecementos desta edición. A xuntanza, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo presidida polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. Ao remate do acto, fíxose público o fallo nas distintas categorías propostas, resultando galardoados María Solar, en Letras; Almudena Fernández Fariña, en Artes Visuais; a compañía Elefante Elegante, en Artes Escénicas; a Asociación Galega de Empresas Musicais, en Música; Alfonso Zarauza, na categoría Audiovisual; Espazo Lectura, en Lingua; o Obradoiro de Gaitas Seivane, en Patrimonio Cultural; e o Festival EmigraSON, en Proxección Exterior.
Foto de la tercera plana (apoio.jpg) O obxectivo desta rede de recursos é acompañar ás persoas con discapacidade ao longo da súa vida, desde os primeiros anos ata que se fan maiores, ofrecendo respostas axeitadas a cada etapa e a cada necesidade. Desde o ano 2016, o número de unidades de atención temperá aumentou ata as 57. Estes servizos públicos e gratuítos dirixidos a nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade son fundamentais para detectar, previr e actuar ante trastornos de desenvolvemento. A Rede galega de atención temperá na actualidade chega a máis de 200 concellos e a 6.000 familias.

Notas

A Cátedra Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, dirixida por María do Cebreiro Rábade Villar e Fernando Cabo Aseguinolaza, acaba de publicar Cartas de Alejandra Murguía de Castro a Ángela Santamarina (1916-1925), un epistolario que recupera a voz dunha muller durante moito tempo eclipsada polas figuras dos seus pais e que achega novos datos sobre a familia Murguía-Castro e, de maneira moi especial, sobre a vida e a obra de Rosalía de Castro.
O Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC e a Facultade de Informática da UDC, recoñeceu os mellores traballos presentados na súa novena edición, destacando a excelencia investigadora e a innovación tecnolóxica en distintos ámbitos das tecnoloxías da información e das comunicacións. Este congreso consolídase como un espazo de intercambio de coñecemento e presentación de resultados científicos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES