
Galicia pechou setembro coa segunda cifra de paro (144.109) máis baixa de toda a serie histórica (1996) nese mes. A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, fixo hoxe na Coruña, na XII Feira de Emprego da Cámara de Comercio, unha valoración dos datos do paro rexistrado na que destacou que o desemprego baixou en Galicia no último ano nun -5,84% (-8.945 persoas).
O paro, tal e como resaltou, caeu nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores económicos liderando o descenso por sexto mes consecutivo a industria (-12,22%). O desemprego tamén baixou con respecto a setembro de 2021 entre os colectivos prioritarios para a Xunta como son os menores de 30 anos (-9,77%) e as mulleres (-6,23%).
Con respecto á evolución mensual, a subida do paro (+1,55%), xeneralizada tamén no conxunto do Estado, continúa coa mesma tendencia rexistrada outros anos no mes de setembro, no que finalizan moitos contratos estacionais.
En canto ás afiliacións, Galicia mantén a súa cifra de cotizantes por enriba do millón de persoas, cun incremento desde setembro de 2021 do 1,46%, un período no que a Comunidade galega gañou 15.117 afiliacións.
Estamos nesa senda na que Galicia mostra un comportamento estable, na que continúa descendendo o número de parados e estamos en cifras realmente históricas en canto a desempregados, declarou a conselleira, quen se mostrou convencida de que o Goberno galego ten que seguir a apostar por políticas activas de emprego que fagan que non se destrúan os negocios e para que se creen novas empresas que é o que ao final consolida empregos de calidade.
A conselleira puxo en valor, neste sentido, a nova estratexia para o emprego da Xunta de Galicia, Xempre Contigo, coa que o Goberno galego prevé xerar máis e mellor emprego e quere facer máis accesibles, próximos e dinámicos os servizos de emprego.
Segundo puxo en valor Lorenzana, para cumprir estes tres obxectivos, a Administración autonómica está a poñer en marcha novas ferramentas, mecanismos e axudas para afianzar en Galicia o emprego de Galicia. Ao respecto, referiuse ao novo programa Xempre Emprendemento, con apoios dirixidos a pemes, autónomos e entidades de economía social que se poden solicitar desde hoxe. Inclúen achegas de ata 30.000 euros para apoiar investimentos realizados este ano por iniciativas empresariais que teñan iniciada a súa actividade desde o 1 de xaneiro de 2020 (ou máis tarde) e permanezan en activo.
A conselleira destacou, por outra banda, o apoio da Xunta ás persoas autónomas de Galicia, explicando que o Goberno galego, de cara a 2023, establecerá un escudo protector para máis de 25.000 profesionais autónomos con axudas de 1.200 euros anuais de media coa finalidade de que poidan facer fronte a incrementos das súas facturas. Isto suporá un investimento adicional para este colectivo de 30 millóns de euros.
O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.