Noticias

Galicia participa na elaboración dun catálogo estatal de referencia de políticas e servizos en materia de violencia contra as mulleres

O Goberno galego está a tomar parte no grupo de traballo para a configuración dun catálogo estatal de referencia de políticas e servizos para atender ás vítimas desta lacra. A elaboración do catálogo, que se someterá a permanente actualización, constitúe para a Xunta un avance e exemplo da cooperación entre o Ministerio de Igualdade, as comunidades autónomas e as entidades locais a través da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP). Consolidar un marco de colaboración permanente que garanta a prórroga e permanencia das medidas derivadas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, é unha das máximas da comunidade galega.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu hoxe o pleno do Observatorio Galego da Violencia de Xénero, ante o que puxo en valor a continuidade do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero que reclamara Galicia e que acadou o pasado xullo o acordo unánime (a excepción de Asturias) de todas as comunidades. O Goberno galego está a tomar parte, tal e como relatou, no grupo de traballo para a configuración dun catálogo estatal de referencia de políticas e servizos para atender ás vítimas desta lacra.

A elaboración do catálogo, que se someterá a permanente actualización, constitúe para a Xunta un avance e exemplo da cooperación entre o Ministerio de Igualdade, as comunidades autónomas e as entidades locais a través da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP).

Tal e como lembrou Lorenzana, consolidar un marco de colaboración permanente que garanta a prórroga e permanencia das medidas derivadas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, foi unha das máximas coas que a comunidade galega defendeu ante a Conferencia Sectorial de Igualdade a continuidade desta ferramenta. “O Pacto é un instrumento eficaz para coordinar as políticas para loitar contra esta lacra social, un eixo prioritario para a Administración autonómica galega que incrementou este ano o seu orzamento nun 22% ata os case 18 millóns de euros”.

Galicia, a través do Pacto de Estado, está a xestionar 40 millóns de euros repartidos en cinco anualidades (2018-2022). Para este ano conta con preto de 8 millóns de euros.

Inserción laboral das vítimas

Na xuntanza do Observatorio de hoxe, por outra banda, a Consellería informou dos programas de inserción laboral para vítimas da violencia de xénero que desde 2019 ofrecen incentivos á contratación destas mulleres por parte dos concellos; e desde 2021 tamén a través das entidades e cooperativas sen ánimo de lucro. Un total de 400 traballadoras afectadas por esta lacra acadaron un contrato neste tempo.

A Xunta, tal e como se trasladou ao pleno, considera fundamental o acceso ou reincorporación das vítimas ao mercado laboral como medida para avanzar na súa recuperación e independencia socioeconómica.

I Plan galego contra a trata

Tamén se presentou ao Observatorio hoxe o I Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual que terá vixencia entre os anos 2022 e 2024. “Nace como un instrumento programático que aglutina as actuacións para loitar contra esta lacra social cun enfoque abolicionista da prostitución e de recoñecemento e defensa dos dereitos das vítimas”, manifestou a conselleira.

O documento foi resultado do traballo colaborativo das entidades que integran a Rede Galega contra a Trata, e incluirá medidas para a prevención, educación e sensibilización social; para o reforzo da detección, identificación e proteccións ás vítimas; ou para o fornecemento dos recursos de atención integral, entre outras.

O Observatorio participará na supervisión da execución deste plan, polo que se constituirá un grupo de traballo que terá por obxectivo, por unha banda, impulsar accións para a eliminación da publicidade relacionada coa prostitución e co comercio sexual en medios informativos e soportes publicitarios e, por outra, a elaboración de estatísticas sobre a magnitude da trata como lacra na comunidade.

Na xuntanza de hoxe elevouse tamén a criterio dos integrantes do Observatorio a elaboración dunha declaración institucional con motivo da próxima conmemoración, o 25 de novembro, do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller e a proposta dun minuto de silencio para esa data en memoria das vítimas.

R., 2022-09-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES