Noticias

A produción do sector do mar aumentou un 50% desde 2011 e ten relación con máis do 90% das ramas de actividade da economía galega

A produción do sector do mar en Galicia subiu preto dun 50% desde 2011 ao superar os 5.500 millóns de euros fronte aos 3.700 millóns de euros de 2011 e ten relación con máis do 90% das ramas de actividade da economía. Destaca o gran crecemento da industria transformadora cunha produción de 4.300 millóns de euros, máis do dobre que na edición de 2011. As relacións comerciais con outros países supoñen unha achega importante ao valor global deste sector en Galicia, que fan que o volume económico xeral engadindo os produtos comercializados desde a comunidade rolde os 9.000 millóns de euros, incluíndo as importacións, o que supón a maior cifra da historia.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo que a produción do sector do mar en Galicia subiu preto dun 50% desde 2011 ao superar os 5.500 millóns de euros fronte aos 3.700 millóns de euros de 2011 e ten relación con máis do 90% das ramas de actividade da economía. Así o reflicten as Táboas input-output pesca-conserva galegas 2019, que hoxe presentou a conselleira en Ribeira e que foron elaboradas por encargo da Xunta polo equipo dirixido polos economistas Gonzalo Rodríguez e María do Carme García Negro, do grupo de investigación en Economía Pesqueira e Recursos Naturais Ecopesca da Universidade de Santiago de Compostela.

Na presentación, na que tamén participou Gonzalo Rodríguez, Rosa Quintana tamén destacou o gran crecemento da industria transformadora cunha produción de 4.300 millóns de euros, máis do dobre que na edición de 2011. Ademais puxo de relevo a capacidade do complexo mar-industria no comercio exterior pois as vendas realizadas fóra de Galicia manteñen unha tendencia positiva.

As relacións comerciais con outros países supoñen unha achega importante ao valor global deste sector en Galicia que, segundo reflicten as táboas, fan que o volume económico xeral engadindo os produtos comercializados desde a comunidade rolde os 9.000 millóns de euros, incluíndo as importacións, o que supón a maior cifra da historia. Un potencial, engadiu a conselleira, que tamén se ve na influencia do sector do mar no resto de actividades da economía pois 76 das 83 ramas da actividade económica galega teñen relación co sector marítimo-pesqueiro.

Toda esta información permite cuantificar, expuxo Rosa Quintana, que o mar e as súas industrias son a cuarta actividade con maior presenza na economía galega, cun peso no PIB que rolda o 5%. Isto é unha mostra de que o sector marítimo-pesqueiro ten un papel fundamental na vertebración do territorio pois esténdese por toda a costa e permite fixar poboación. Un exemplo claro é Ribeira, onde a actividade marítimo-pesqueira é vital, apuntou.

Ademais expuxo que esta panorámica socioeconómica da cadea mar-industria galega permite ao Executivo autonómico ter unha visión máis completa e actual da dimensión deste complexo e das súas múltiples interrelacións cos distintos sectores económicos ao tempo que facilita a toma de decisións estratéxicas en beneficio deste sector.

Neste sentido, Rosa Quintana destacou o gran valor destes datos para avanzar na necesidade de ter en conta os aspectos socioeconómicos en equilibrio cos biolóxicos e ambientais, para garantir o desenvolvemento sustentable da actividade. Unha aposta, sinalou, que deben asumir todas as administracións para evitar casos como o veto á pesca de fondo por parte da Comisión Europea que carece do aval de informes científicos.

Impacto do veto á pesca de fondo

A conselleira do Mar salientou que todos estes datos mostran a importancia que o sector do mar ten na economía de Galicia e o gran dano que pode facer nela o veto á pesca de fondo aprobado por Bruxelas en preto dun cento de zonas en augas comunitarias. Neste sentido, lembrou que hai arredor de 200 barcos de capital galegos afectados por esta prohibición, aos que se sumarían outros preto de 900 buques de artes menores que poderían acabar véndose afectados.

Rosa Quintana incidiu en que ese impacto, tendo en conta que a cadea mar-industria ten relación co 90% das ramas de actividade da economía galega, se notaría nos empregos directos e indirectos, nos salarios, no pago de impostos, na prestación de servizos á frota e noutros aspectos que contribúen a xerar unha actividade económica fundamental para as zonas costeiras da comunidade.

No caso concreto de Ribeira, o veto á pesca de fondo afecta directamente a arredor dunha trintena de buques entre arrastreiros de litoral e palangreiros de Gran Sol e a preto de 300 tripulantes. A estes habería que sumar unhas 25 embarcacións de artes menores potencialmente afectadas polo desprazamento de frotas, o solapamento de zonas ou a posibilidade de que a prohibición se amplíe no futuro a novas áreas ou artes de pesca.

Por último a conselleira subliñou que esta cuantificación é posible grazas ao traballo de Gonzalo Rodríguez e María do Carme García Negro e dos profesionais e empresas da cadea mar-industria que colaboraron na elaboración destas táboas coas súas respostas e aportando información.

R., 2022-09-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (20260608-parlamento.jpg) Tivo lugar a xornada 'Deputados por un día', na que os escolares galegos levaron ao hemiciclo as súas propostas para mellorar a sociedade. Os catro representantes dos colexios, un por provincia, compartiron na Cámara as súas reflexións sobre a convivencia, o tema arredor do que xira este curso o programa educativo Abraza tus valores, e a relación dos menores coas tecnoloxías. Participaron máis de 8.300 escolares de entre 4 e 12 anos de 83 centros públicos, concertados e privados de Galicia (Arquitecto Casas Novoa de Santiago, o CEIP Plurilingüe A Gándara, de Monforte de Lemos, o CEIP Plurilingüe Irmáns Villar, de Ourense e o CEIP Plurilingüe de Cerdeiriñas, de Piloño).
Foto de la tercera plana (vivenda-2023-02.jpg) A actividade levada a cabo pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) para protexer o medio ambiente e o patrimonio natural e paisaxístico galego permitiu o pasado ano a reposición da legalidade en 121 actuacións en toda Galicia. Estas reposicións foron resultado do labor do equipo inspector do organismo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, e repartíronse principalmente na provincia de Pontevedra, con 60 actuacións, seguida da Coruña con 30, Lugo con 21 e Ourense con 10.

Notas

O XX aniversario do Festival Arteficial segue collendo forma de xeito inmellorable. Tras os encontros e concertos celebrados a finais de mayo na provincia de Ourense, a organización fai un balance extraordinario da acollida do público. Cidades e espazos singulares como Auriense, El Pueblo, Secret Bridge e, de forma moi especial, a Granxa D'Outeiro, foron as testemuñas do éxito absoluto destas presentacións.
Dar resposta aos retos derivados do envellecemento da poboación nas áreas rurais da fronteira entre España e Portugal é o obxectivo central do proxecto Activa Rural Transfronteirizo, no que participan 17 institucións e entidades destes dous países, entre as que se atopa a Universidade de Vigo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES