Noticias

Galicia será pioneira en regular una certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria

Galicia será a primeira comunidade autónoma española en regular unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria. Será a través da Lei da calidade alimentaria, en cuxa tramitación avanza a Xunta, completando os pasos previos ao seu sometemento ao Consello Económico e Social de Galicia. Hoxe, o Consello do Goberno galego coñeceu un informe da Consellería do Medio Rural sobre este texto, que se prevé levar ao Parlamento antes de que remate este ano 2022. Con esta iniciativa trátase de actualizar o marco normativo galego referido ao impulso da calidade dos produtos alimentarios que se producen ou comercializan na nosa comunidade.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe que Galicia será a primeira comunidade autónoma española en regular unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria. “Unha cuestión que cada vez máis o consumidor ten como un valor engadido”, apuntou tras a reunión semanal do Consello do Goberno galego.

Será a través da Lei da calidade alimentaria, en cuxa tramitación avanza a Xunta, completando os pasos previos ao seu sometemento ao Consello Económico e Social de Galicia. Hoxe, o Consello do Goberno galego coñeceu un informe da Consellería do Medio Rural sobre este texto, que se prevé levar ao Parlamento antes de que remate este ano 2022.

Rueda explicou que con esta iniciativa trátase de actualizar o marco normativo galego referido ao impulso da calidade dos produtos alimentarios que se producen ou comercializan na nosa comunidade. Os principais obxectivos da nova lei son, segundo debullou o máximo mandatario autonómico, “dar un novo pulo á excelencia dos nosos produtos, incrementar o seu atractivo e éxito no mercado, impulsar o desenvolvemento local, é dicir, o emprego e a actividade no rural, e achegar todas as garantías de calidade aos consumidores”.

Ao tempo, tamén se quere fomentar, potenciar e garantir a produción de alimentos de calidade diferenciada en Galicia e regular o funcionamento dos consellos reguladores como entidades de xestión de figuras de protección da calidade diferenciada. Nesta liña, búscase establecer as obrigas dos operadores do sector en relación coa súa actividade como produtores, elaboradores e comercializadores de produtos alimentarios. “Son algunhas das novidades, en definitiva, dunha nova lei que pretende reforzar a produción dos nosos produtos de calidade, darlles un novo impulso no mercado, unir forzas cos produtores e ser máis eficaces contra as prácticas fraudulentas”, valorou o presidente.

Calidade diferenciada

Neste sentido, a nova norma recolle a regulación do fomento e do desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada -como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas-, que recoñecen uns altos estándares de calidade e permítenlles ás persoas consumidoras recoñecer no mercado estes produtos con maior valor engadido. Inclúe, ademais, a definición da calidade estándar e da calidade diferenciada (en función de se as características cualitativas dun produto son consecuencia do cumprimento de requisitos obrigatorios ou de normas de carácter voluntario) e especifica as competencias e organización administrativa ao respecto, coa Axencia Galega da Calidade Alimentaria como responsable da promoción e do control da produción agroalimentaria galega con calidade diferenciada. Desta forma, os produtos co logotipo específico implican que están elaborados de acordo a criterios de calidade, de respecto ao ambiente, de protección dos traballadores e da cidadanía e que xeraron unha renda axeitada para todos os elos da cadea de valor. Neste contexto, a futura lei consagra e potencia esta Axencia como eixo fundamental de toda a calidade alimentaria de Galicia, asumindo moitas e importantes funcións que non estaban reguladas ata agora na normativa, xa que esta entidade -creada no ano 2018- non existía na anterior lexislación.

Entre as novidades da futura lei figuran a creación de dous novos órganos de consulta e participación do propio sector. En primeiro lugar, o Consello Alimentario de Galicia, un órgano colexiado de asesoramento, apoio e proposta para os asuntos referidos á ordenación, promoción, fomento e desenvolvemento da calidade alimentaria na nosa Comunidade. En segundo termo, a Mesa da Calidade Alimentaria Diferenciada de Galicia, que servirá de asesoramento e impulso do sector alimentario da calidade diferenciada.

Así mesmo, a norma regulará de maneira innovadora a promoción de marcas de garantía sectoriais e dunha marca global para toda a produción alimentaria galega que conte con requisitos de calidade específicos. Por outra banda, o anteproxecto regula -de xeito máis extenso que na lexislación actual- o sistema de autocontrol das persoas operadoras, as medidas de fomento da calidade alimentaria e a promoción do cooperativismo no sector alimentario. Ao mesmo tempo, avoga de xeito importante pola compra ou contratación pública verde de produtos alimentarios, como instrumento mediante o cal as autoridades públicas poderán adquirir produtos e servizos alimentarios cun impacto ambiental reducido, atendendo así mesmo a criterios sociais e de calidade diferenciada.

Cómpre destacar, ademais, que con esta norma Galicia se converte na primeira comunidade autónoma española que regula unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria. Así, a Xunta aposta por establecer un sistema de certificación da sustentabilidade baseado nun conxunto de normas encamiñadas a garantir o respecto ao ambiente, á calidade e á seguridade alimentaria, á protección das persoas traballadoras e á cidadanía, e unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor, especialmente no caso dos operadores primarios. A adhesión a este sistema de certificación será voluntaria e será recoñecible cun logotipo específico.

Consellos reguladores

Con respecto aos consellos reguladores, deféndese unha adaptación ao novo marco legal afondando na súa profesionalización, especialmente no caso dos de menor tamaño, na procura da súa consolidación como eixos fundamentais da calidade diferenciada galega. Así, establécese que a Axencia Galega da Calidade Alimentaria apoiará estas entidades para avanzar nese proceso de maior profesionalización, co obxectivo final de impulsar a calidade diferenciada galega como referente de calidade e valor engadido.

Cómpre sinalar tamén que a futura lei recolle unha revisión do catálogo de infraccións e do procedemento sancionador, adecuándoo á realidade actual, tendo en conta -entre outras cuestións- o cada vez maior volume de vendas que se realizan a través de páxinas web e mediante o comercio electrónico. Nesa liña, prevese que o réxime de infraccións e sancións se aplicará tamén ao viño e aos produtos derivados da uva e do viño e, en particular, ao vinagre de viño, á augardente de bagazo e ao mosto, excluídos na actual lexislación autonómica. Así mesmo, inclúese un réxime de infraccións e sancións específico no ámbito da clasificación de canais de gando vacún e porcino, non previsto ata o de agora.

A través desta nova norma búscase actualizar a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, para dar resposta aos cambios experimentados na produción e comercialización alimentaria, á incorporación das novas tecnoloxías e de diferentes formas de comercialización, así como ao incremento dos intercambios entre estados. Nesa liña, cómpre acometer unha adaptación da normativa á nova situación, establecendo medidas que permitan mellorar o control dos alimentos destinados á comunidade galega ou procedentes dela.

Ademais, tamén se produciron cambios no marco legal comunitario e español en materia de regulación da calidade alimentaria, que fan preciso proceder a esta nova regulación. Nesa dirección, é necesario sistematizar nunha única disposición a complexa normativa na materia da calidade alimentaria, para dar unha maior seguridade xurídica aos operadores e axentes que actúan na nosa comunidade, ao tempo que se dá resposta á demanda da cidadanía, cada vez máis interesada en acceder con todas as garantías a produtos alimentarios de calidade, sustentables e de proximidade.

R., 2022-09-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (camino-cunchas.jpg) A Biblioteca de Galicia inaugurou a exposición 'Ano Santo: o rexurdimento dun Camiño para todos e todas', que percorre a evolución do fenómeno xacobeo desde 1954 ata a actualidade. A través de máis de 45 pezas dos fondos custodiados no Gaiás, desde libros, folletos e periódicos ata calendarios e vídeos, a mostra bibliográfica permite ao visitante achegarse a un acontecemento determinante nas últimas décadas da historia económica, social e cultural de Galicia, desde a perspectiva da documentación impresa e visual.
Foto de la tercera plana (pesca-azul.jpg) A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro cos responsables en materia pesqueira de Cantabria, País Vasco, Asturias e Andalucía para crear unha fronte común na defensa do sector pesqueiro ante a ameaza que supón o veto á pesca de fondo para o seu futuro. As comunidades do Cantábrico e Andalucía analizaron as repercusións que esta medida pode ter na frota e constataron a necesidade de traballar unidos na defensa dos intereses dos buques que faenan no caladoiro nacional e en augas comunitarias.

Notas

'A igualdade formal pode parecer conseguida pero a real é unha tarefa que está por conseguir'. Así se pronunciou o reitor da USC no acto inaugural da Feira de Emprendedoras que reúne no Teatro Principal a 'entidades con liderados feministas, creadas moitas delas por mulleres referentes, imprescindibles para a consolidación dun tecido empresarial de gran valor engadido', coas futuras xeracións de emprendedoras.
A igrexa de Santiago da Coruña acolleua presentación da obra 'O Camiño inglés: unha ruta xacobea medieval no século XXI', que constitúe o primeiro volume da colección Camiños do Mar publicada polo Servizo de Publicacións da Universidade da Coruña, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Asociación de Concellos do Camiño Inglés.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania