Noticias

Máis de 170.000 galegos se beneficiaron en 2021 da baixada fiscal no imposto de sucesións e do programa impostos cero no rural

Máis de 170.000 galegos se beneficiaron en 2021 da baixada fiscal da Xunta no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD) e do Programa Impostos Cero no rural. Concretamente, 125.971 galegos recibiron unha herdanza, en morte ou en vida, o ano pasado e non pagaron polo imposto de Sucesións e Doazóns grazas á rebaixa fiscal aprobada polo Goberno galego que deixa libre de tributación a máis do 99% dos contribuíntes cando reciben unha herdanza dun familiar directo. Por outra banda, 26.934 cidadáns galegos se beneficiaron do programa Impostos cero no rural.

A directora da Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), María Victoria González, destacou hoxe que máis de 170.000 galegos se beneficiaron en 2021 da baixada fiscal da Xunta no Imposto sobre Sucesións e Doazóns (ISD) e do Programa Impostos Cero no rural.

Na súa comparecencia na Comisión 3ª do Parlamento para presentar o informe anual da actividade da Atriga correspondente ao exercicio 2021, María Victoria González subliñou máis polo miúdo que 125.971 galegos recibiron unha herdanza, en morte ou en vida, o ano pasado e non pagaron nin un euro polo imposto de Sucesións e Doazóns grazas á rebaixa fiscal aprobada polo Goberno galego que deixa libre de tributación a máis do 99% dos contribuíntes cando reciben unha herdanza dun familiar directo.

Explicou tamén que 26.934 cidadáns galegos se beneficiaron do programa ‘Impostos cero no rural’, posto en marcha pola Xunta en 2016 co obxectivo de dinamizar o medio rural, promover a mobilidade de terras e fixar poboación nas zonas non urbanas. Ademais, outros 17.183 beneficiáronse das baixadas de tipos para as adquisicións de vivenda habitual con límite de patrimonio; a adquisición de vivendas por determinados colectivos (familias numerosas, persoas con discapacidade e mozos), e para a adquisición de vivendas situadas en parroquias que teñen a consideración de zonas pouco poboadas.

Aforro de 192 millóns de euros

Segundo consta no informe da actividade da entidade, grazas ás baixadas aprobadas pola Xunta no Imposto de Sucesións e Doazóns e no ITP-AXD, os fogares galegos aforraron no ano 2021 192 millóns de euros. Estes cartos son recursos que quedaron en mans das familias galegas co obxectivo de reactivar o consumo interno, evitar o despoboamento nas zonas pouco poboadas e manter íntegro o patrimonio dos fogares en caso de perda dun familiar directo.

María Victoria González tamén explicou que no ano 2021 o 94% das autoliquidacións revisadas pola Administración galega foron correctas e non precisaron modificacións, e só no 6% dos casos a Atriga modificou a autoliquidación presentada. Este indicador confirma que a inmensa maioría dos contribuíntes en Galicia pagan correctamente os seus impostos.

Atención aos contribuíntes

A directora da Atriga sinalou que a Axencia atendeu o ano pasado a un total de 281.490 contribuíntes. Do total, 154.907 foron atendidos de maneira presencial nos 47 puntos de información que a Axencia ten distribuídos por toda Galicia, e aos 126.583 restantes prestóuselle asistencia pola vía telefónica.

Neste marco, desde o mes de maio de 2021 os servizos que se prestaban mediante o sistema de cita previa completáronse coa posibilidade de poder solicitar unha cita para obter de maneira telefónica información tributaria xeral ou para a asistencia na confección on line dos modelos. Con este sistema, o cidadán pode escoller o día e o tramo horario no que quere ser chamado, o que garante que a súa solicitude será atendida en tempo en forma. Este novo servizo, permitiu atender durante o ano a máis de 4.900 persoas.

A partir dese mesmo mes, tamén se unificou a atención telefónica nun número único de Información ao contribuínte co fin de mellorar e facilitar o acceso dos cidadáns á información tributaria. Desde a súa creación e ata o 31 de decembro do ano pasado atendéronse un total de 68.939 chamadas.

Ademais, o ano pasado a Atriga universalizou a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, -a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito- todos os ingresos xestionados por este organismo, para evitar os desprazamentos ás oficinas bancarias. Dende a súa implantación no mes de agosto durante o 2021 efectuáronse 77.685 operacións.

Novidades 2022

Finalmente, a directora destacou que neste ano 2022 o seu organismo continúa avanzando coa finalidade de contribuír a garantir a prestación dos servizos públicos aos cidadáns e destacou algunhas das actuacións postas en marcha.

Neste marco explicou que a Axencia Tributaria de Galicia universalizou xa no 2021 a posibilidade de que calquera cidadán puidese aboar on line, a través da Oficina Virtual Tributaria e cunha tarxeta de crédito ou débito, todos os ingresos xestionados pola mesma, para non ter que desprazarse ás oficinas bancarias. Os datos para o que vai de ano 2022 son case 241.500 operacións. A isto hai que engadirlle que desde febreiro deste ano tamén se pode pagar fisicamente nas 5 delegacións territoriais da Atriga, no momento de presentar o imposto de xeito físico. Así mesmo, desde o pasado xuño implantouse o pago de débedas mediante xiro postal.

María Victoria González anunciou ademais a posta en marcha nos vindeiros meses dunha canle de atención preferente para maiores de 65 anos; da nova web do portal de Atriga, pensada para facela máis visual e fácil de utilizar para os usuarios; así como da app da ATRIGA que permitirá, de forma áxil e sinxela, opcións como pedir cita previa, o pago de taxas, a obtención de certificados de estar ao corrente coa Xunta ou a consulta de entidades colaboradoras.

R., 2022-09-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES