Noticias

Galicia contará coa primeira Lei de ordenación do litoral co obxectivo de acadar o autogoberno pleno sobre a súa costa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta impulsará a redacción da que será a primeira Lei de ordenación do litoral de Galicia. Trátase, segundo explicou, dunha normativa que nace co obxectivo principal de buscar o autogoberno pleno e a ordenación da franxa costeira e de asumir o papel de xestión que lle corresponde no exercicio dunha das súas competencias exclusivas máis significativas e identitarias. 'Tal e como avalou o Consello Consultivo temos plena capacidade para a xestión do noso litoral. Ninguén coñece a costa galega mellor que os propios galegos', subliñou o titular do Executivo galego.

Fronte ás últimas medidas e reformas aprobadas polo Goberno central desde 2018, co fin de impoñer unha interpretación cada vez máis restritiva da Lei de costas, Rueda subliñou que a decisión avaliada hoxe polo Goberno galego quere dar certezas ás empresas e proxectos do litoral. Neste sentido, cómpre lembrar os cambios introducidos na duración das concesións no dominio público a través da Lei de cambio climático, ou a modificación neste verán do Regulamento de costas, que elimina na práctica a posibilidade de prórroga extraordinaria para as industrias do mar.

Igual que xa fan outras comunidades, Rueda explicou que o Goberno autonómico quere resolver cunha norma propia e adaptada á realidade galega os problemas que está a provocar esta situación desde o punto de vista da xestión da franxa litoral e do exercicio das políticas públicas autonómicas, xa que o criterio do Estado a este respecto “está a poñer en risco proxectos estratéxicos para a nosa comunidade, industrias clave para Galicia e mesmo o modo de vida de moitos galegos e galegas”.

En consecuencia, os obxectivos que busca a Xunta coa futura lei son regular a franxa litoral desde unha tripla perspectiva ambiental, social e económica, achegando ademais para a súa elaboración o coñecemento e a experiencia de quen mellor coñece a costa galega.

Así mesmo, a normativa promóvese para outorgarlles seguridade xurídica aos titulares de instalacións xa existentes no dominio público marítimo-terrestre ou que queiran implantarse nela, e definir para tal fin que actividades e usos pode albergar cada zona da costa a través dunha planificación por tramos segundo as características de cada unha.

Con estes obxectivos de partida, o Consello da Xunta de Galicia acordou hoxe someter á consulta pública previa durante un mes a elaboración da Lei de ordenación do litoral de Galicia. Unha vez finalizado este trámite, que comezará o día 16 de setembro, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda abrirá unha rolda de contactos con todos os sectores afectados pola regulación costeira para tentar buscar o máximo consenso ao redor do futuro texto normativo.

En todo caso e tendo en conta que hoxe se deu o primeiro paso para a elaboración da futura norma, o anteproxecto deberá incluír entre os seus contidos a definición e concreción da franxa costeira sobre a que Galicia ten competencia exclusiva e regulará o sistema de planeamento do litoral, dun modo xerarquizado e diferenciado, tendo en conta que non todas as zonas se poden planificar de igual xeito.

Así mesmo e con respecto aos usos e ás posibilidades de ocupación da costa, identificaranse as actividades estratéxicas e prioritarias para Galicia nesta franxa co fin de ordenar o seu desenvolvemento con espazos adecuados e garantindo a protección do litoral; xestionaranse as actividades permitidas, definindo os criterios para outorgar novas concesións e autorizacións; e regularanse os posibles cambios de uso na zona de servidume de protección co fin de recuperar edificacións costeiras tradicionais de gran valor para Galicia como elementos claves da historia e da fisionomía do seu litoral.

Tamén, e co fin de avanzar na simplificación administrativa, a futura lei regulará un procedemento integrado para o exercicio de actividades na franxa litoral, que permita obter nun único trámite os diferentes permisos ou autorizacións que sexan necesarios.

Aval do Consello Consultivo

Este verán, un ditame do Consello Consultivo de Galicia avalou a capacidade da Xunta para poder lexislar sobre cuestións relacionadas co exercicio das funcións que ten atribuídas no marco das súas competencias en materia de ordenación do litoral.

Ademais, a futura lei enmárcase na demanda trasladada en reiteradas ocasións e por diversas vías para que Galicia asuma, canto antes e como xa fixeron outras comunidades, as competencias plenas e efectivas sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre. De feito, o ano pasado, o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposición non de lei en que reclamaba este traspaso, co que se completaría a transferencia das competencias costeiras iniciada no ano 1985.

Para tal fin, as consellerías de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Mar abriron este verán unha fronte común cos concellos galegos do litoral, representantes da cadea mar-industria e con outras entidades vencelladas á costa para reclamar o traspaso das competencias aínda pendentes e unir forzas ante a intención do ministerio de aprobar o chamado Plan da costa libre, un documento estratéxico co que aspira a liberar o dominio público marítimo-terrestre a través dunha retirada paulatina e controlada da presenza humana na costa de aquí ao ano 2045.

R., 2022-09-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (incendios-xente.jpg) O Consello da Xunta analizou na súa reunión de hoxe un informe da Consellería do Medio Rural sobre o anteproxecto de Lei de loita contra os incendios forestais de Galicia (LLCIF), antes da súa remisión para consulta ao Consello Forestal de Galicia, cuxa reunión está prevista para mañá martes. A futura normativa prioriza reforzar a protección da poboación e a xestión integral do territorio. O presidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, lembrou que actual lexislación sobre incendios forestais 'ten case 20 anos' e 'cómpre actualizarla e adaptala aos novos tipos de lumes así como aos avances que houbo tanto na loita como na prevención de incendios'.
Foto de la tercera plana (tecnoloxia-cuantica.jpg) Galicia é a rexión que máis solicitudes presentou en Europa para participar en proxectos interrexionais de I+D+i. Así o indican os datos da Vanguard Initiative, alianza europea da que a nosa Comunidade forma parte, xunto a outras rexións, para estimular o crecemento europeo da I+D+i a través da colaboración entre territorios de distintos países e a especialización intelixente. Precisamente a Xunta vén de publicar a convocatoria VInnovate Galicia, unha liña de axudas para organismos de investigación e empresas que presenten proxectos con outras rexións. Para poder candidatar á convocatoria VInnovate Galicia da Xunta, cuxo prazo de presentación de propostas está aberto desde hoxe ata o 19 de outubro, os posibles participantes teñen que presentarse antes á fase europea.

Notas

A iTERRA Night 2026 achegará o 25 de setembro a investigación que se realiza dende o Instituto de Saúde Global e Desenvolvemento Sostible do Campus Terra da USC á cidadanía a través dunha tarde de ciencia, experimentación e aprendizaxe para diferentes idades. A iniciativa desenvólvese no soto da Praza de Abastos lucense como evento asociado á European Researchers’ Night, unha iniciativa das Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).
Os laboratorios do Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo (CINBIO), pertencente á Rede Cigus, volveron converterse nun espazo aberto á cidadanía coa celebración dunha nova edición da súa xornada de portas abertas, unha iniciativa integrada no programa de divulgación científica Ciencia con C de CINBIO. Máis de 80 persoas de diferentes idades participaron nesta actividade, deseñada para achegar a investigación que se desenvolve no centro ao público dun xeito participativo e próximo.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES