
O circuíto das Feiras do Libro impulsado pola Xunta de Galicia e a Federación de Librarías de Galicia experimentou este ano un incremento tanto nas vendas como no número de librarías participantes nos eventos. Así o destacou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, durante a inauguración da Feira do Libro de Monforte de Lemos, a última do calendario de 2022.
No transcurso do acto celebrado na rúa do Cardeal, onde as casetas permanecerán ata o sábado 27, o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades explicou que as citas deste ano involucraron a un total de 90 librarías, o que supón un incremento do 26% en relación ao pasado ano. Ademais de contar cunha maior participación, as primeiras estimacións apuntan a que o volume de vendas acadado no conxunto destas citas tamén creceu máis dun 5% con respecto ao exercicio pasado, o que demostra que estamos nun gran momento para a literatura e o compromiso dos galegos coa lectura e o sector do libro, salientou.
En total, o circuíto de Feiras do Libro está composto por 13 paradas que inclúen preto de 900 actividades como sinaturas de libros, actividades infantís e presentacións, entre outras, que tiveron lugar nas máis de 130 casetas instaladas nas rúas de diferentes puntos de Galicia. No caso de Monforte de Lemos o programa de actividades comeza hoxe con Moncha Prieto como pregoeira e chegará ata o sábado 27 cunha trintena de iniciativas e a participación das librarías Agrasar, Cortizas e da Proencia.
Políticas públicas de apoio
O apoio a estas feiras enmárcase no compromiso do Goberno galego ao sector a través de distintas liñas específicas de axudas para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais e subvencións ás empresas editoriais que superan os 2M. Ademais, retomouse a promoción exterior das letras galegas a través da participación en festivais e feiras internacionais como a de Bos Aires ou iniciativas como as residencias literarias de intercambio profesional, entre outras.
A de Monforte de Lemos pon o broche final a un circuíto que ao longo dos últimos meses pasou por Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, O Porriño, Vilalba, Ourense, Vigo, Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro e Foz.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.