Noticias

Sete viveiros industriais impulsarán a implatación e consolidación de empresas na nosa comunidade

En concreto, contruiranse novos viveiros en Cospeito, Bóveda e Baleira (Lugo), así como na Veiga e no Carballiño (Ourense). Tamén en Val do Dubra (A Coruña) e Dozón (Pontevedra). Estarán apoiados a través de axudas autonómicas que suman 1,68 millóns de euros e que alcanzarán un investimento total de 2,3 millóns. Xunto con estas axudas, a Xunta de Galicia tamén concedeu 3,25 millóns de euros para impulsar a mellora das infraestruturas dos polígonos empresariais de 38 concellos galegos para acondicionar viais, instalar sistemas de seguridade e vixilancia, xestionar residuos e depurar augas, entre outras actuacións.

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, apoiará a creación de sete viveiros industriais a través de axudas que suman 1,68 millóns de euros e que alcanzarán un investimento total de 2,3 millóns.

Tal e como destacou a secretaria xeral de Industria, Paula Uría, estas infraestruturas contribuirán a “favorecer a implantación inicial e consolidación de empresas nos concellos beneficiarios”. Uría, que subliñou que conseguiron a axuda todos os concellos emprendedores que a solicitaron -cinco en total-, explicou que suporán un “apoio importante para novos empresarios durante as primeiras etapas de actividade e para a implantación de empresas”.

En concreto, contruiranse novos viveiros en Cospeito -que tamén recibiu axudas para a mellora do parque empresarial-, Bóveda e Baleira (Lugo), así como na Veiga e no Carballiño (Ourense). Tamén en Val do Dubra (A Coruña) -ao que se lle concedeu ademais apoio na orde de parques empresariais- e Dozón (Pontevedra).

Cospeito contará cun viveiro de empresas cunha superficie de 877,44 m2 que englobará tanto o uso administrativo -cun bloque de oficinas e zona de reunión-, como o industrial -con tres naves destinadas ao aluguer aos emprendedores interesados-. Recibe 240.000 euros de axudas.

Bóveda obterá 239.999 euros para un viveiro de 661,83 m2 que se dividirá en catro despachos, zonas de servizos comúns e un taller de formación práctica. En canto a Baleira, apoiarase a construción dun edificio de dous pisos de 677,62 m2 cunha planta baixa para iniciativas empresariais e zona de servizos e outra superior destinada a oficinas. Disporá de 240.000 euros de axudas autonómicas.

A Xunta tamén destina 240.000 euros ao Concello da Veiga para a construción dunha nave cunha superficie útil de 505,61 m2 dividida en catro áreas. O Carballiño recibirá un apoio de 239.787,66 euros para a implantación dun viveiro de 351,63m2 dividido en tres naves para iniciativas empresariais e unha parte para servizos comúns.

No Val do Dubra, o proxecto ten por obxecto a construción dunha infraestrutura cunha superficie útil de 390,21 m2, con seis naves contiguas, cinco para as actividades empresariais e outra para servizos comúns. Recibe 240.000 euros de axudas.

Finalmente, Dozón contará con 240.000 euros para unha nave de 459,94 m2 dividida en dúas partes, cada unha para acoller unha iniciativa empresarial con oficina, baños e zona industrial.

Xunto con estas axudas, a Xunta de Galicia tamén concedeu 3,25 millóns de euros para impulsar a mellora das infraestruturas dos polígonos empresariais de 38 concellos galegos para acondicionar viais, instalar sistemas de seguridade e vixilancia, xestionar residuos e depurar augas, entre outras actuacións.

Con estas dúas liñas de apoio, o Goberno galego aposta por fortalecer o tecido industrial afincado en Galicia, mellorando a súa competitividade; así como modernizar as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade. Pretende ser, ademais, un impulso para a captación de investimentos en Galicia.

R., 2022-08-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES