
A Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da Fundación Artesanía de Galicia, organiza o próximo sábado 20 de agosto a segunda edición do encontro Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra, co obxectivo de impulsar a comercialización dos produtos da marca Artesanía de Galicia e a difusión dos oficios artesáns. A mostra estará aberta ao público nos pendellos do Santuario de Nosa Señora de Cadeiras (Sober) desde as 11:00 ata as 21:00 horas.
Artesanía de Galicia na Ribeira Sacra é un evento de comercialización directa e de divulgación dos oficios artesanais no que participan 22 obradoiros da marca Artesanía de Galicia. Os 19 expositores que comercializan as súas pezas neste evento representan 11 oficios diferentes: a marroquinería, a madeira, a elaboración de roupa, o pirogravado, a cerámica, o téxtil, a olería tradicional, a xoiería, os xoguetes, a bixutería e o vidro.
Os obradoiros que participan como expositores, moitos deles procedentes da zona da Ribeira Sacra, son os obradoiros de Monforte de Lemos Bisutetoka e En Lá; Artesanía Enxebre de Valdeorras (O Barco de Valdeorras); os obradoiros Artesanía Armaior e Enxógate, de Quiroga; Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra (Sober); Bangus (Ourense); os obradoiros Ceniza de papel e La Bellota Mágica, de Lugo; Mimacuir (Taboada); Senda Cuero (A Pobra de Brollón); Olería do Batán (Baños de Molgas); Noga Arts. Joyería de Autora (Santiago de Compostela); Soledad Mato (Oroso); Tejeluz, Arte en vidro (Boiro); Cerámica Castrexa de Castrolandín (Cuntis); Cabuxa (Tui); Blaurtopías (Vigo) e Ivindi (O Rosal).
Ao longo de toda a xornada celebraranse tamén tres obradoiros gratuítos e abertos ao público que se achegue ata os pendellos de Cadeiras, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. A Asociación Galega da Cerámica e outras artesanías A Escola (Gondomar) encargarase dun obradoiro de iniciación ao torno cerámico, dirixido polos artesáns Susana González, do obradoiro Terralume (A Coruña), e Antón Román (Gondomar), no que os asistentes coñecerán as principais características das pezas máis representativas da olería tradicional galega e elaborarán algunhas destas pezas en barro. Unha destas olerías, a de Gundivós (Sober), será o centro doutro dos obradoiros abertos ao público que se desenvolverán o sábado, e que estará impartido por Tomás López, un dos artesáns do obradoiro Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra (Sober). Por último, Guillermo Silvent, do obradoiro Artesanía Silvent (Caldas de Reis) encargarase dun obradoiro de remates de xoguetes de madeira.
A través desta iniciativa, a Xunta busca dar respaldo ao sector artesán galego na súa adaptación a novos hábitos de consumo e a novas fórmulas de comercialización dos seus produtos. Así mesmo, o feito de incluír obradoiros abertos para todos os públicos contribúe a achegarlle a artesanía á sociedade, especialmente aos máis novos, a visibilizar a marca Artesanía de Galicia, os oficios artesanais e a fomentar o relevo xeracional.
O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.