Noticias

O Courel contará cunha comisión interdisciplinar para deseñar un plan de recuperación integral

Constituíuse unha comisión interdisciplinar co obxectivo de deseñar un plan de recuperación integral do Courel tras o incendio acontecido o pasado mes de xullo, e que definirá as tarefas de rexeneración dos espazos naturais danados e a tramitación das axudas para as persoas que se viron afectadas polo incendio. Ademais de responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Concello de Folgoso do Courel, tamén formarán parte da comisión representantes do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), do xeoparque mundial Unesco Montañas do Courel, da reserva da biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel, profesionais de diversos eidos e membros da asociación de veciños.

A Xunta constituíu unha comisión interdisciplinar co obxectivo de deseñar un plan de recuperación integral do Courel tras o incendio acontecido o pasado mes de xullo.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, insistiu hoxe na súa visita ao Concello de Folgoso do Courel, na que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, na necesidade de comezar canto antes tanto coas tarefas de rexeneración dos espazos naturais danados como coa tramitación das axudas para as persoas que se viron afectadas polo incendio.

Nesa liña, a comisión constituída hoxe estará integrada por diversos expertos en varias materias co obxectivo de que as medidas e accións que se acometan sexan froito dunha visión e perspectivas globais. “Trátase de non deseñar medidas illadas, senón de definir unha folla de ruta a seguir no futuro para acadar esta recuperación”, aseverou a conselleira.

Así, ademais de responsables da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e do Concello de Folgoso do Courel, tamén formarán parte da comisión representantes do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), do xeoparque mundial Unesco Montañas do Courel, da reserva da biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e do Courel, profesionais dos eidos da bioloxía, do paisaxismo e da arquitectura, así como membros da asociación de veciños.

Liñas de axudas

A Xunta ten xa en marcha varias liñas de axudas encamiñadas a mitigar os danos causados polo lume tanto nos tecores da zona como nas vivendas afectadas.

Deste xeito, os tecores contarán cun financiamento de 300.000 euros para recuperar hábitats cinexéticos e instalacións destruídas. Tal e como recolle o Diario Oficial de Galicia, o custo subvencionable será dun máximo de 650 euros por hectárea, cun límite máximo por entidade de 30.000 euros ata o esgotamento do crédito dispoñible.

Cómpre lembrar que un 18% da superficie total dos tecores dos concellos de Folgoso do Courel, Samos, Quiroga, A Pobra do Brollón e O Incio se viu afectada polo incendio.

No que respecta ás axudas para rehabilitación e reconstrución de vivendas, xa está aberto o prazo para presentar as solicitudes logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. No caso de tratarse da residencia habitual, acadarán o 100% do custe, cun máximo de 122.400 euros e, se se trata dunha segunda residencia, serán do 100% cun límite de 61.200 euros, mentres que para enxoval doméstico o límite é de 15.000 euros para vivenda habitual e 5.000 para segundas residencias. Da convocatoria desenvolvida polo Instituto Galego de Vivenda e Solo quedan excluídos os inmobles en estado ruinoso ou abandonados antes dos incendios.

Segundo informou Ángeles Vázquez as primeiras valoracións realizadas estiman que no Courel se viron afectadas 11 segundas residencias e 1 vivenda habitual.

Para concluír, a conselleira incidiu en que “a situación á que nos enfrontamos require do esforzo de todos para abordar desde todos os puntos de vista as accións a acometer para rexenerar a Serra do Courel”.

R., 2022-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES