Noticias

A Xunta anuncia axudas de ata 10.600 € para as persoas autónomas que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade ou cambiar o sector do seu negocio

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Goberno galego axudará con apoios de ata 10.600 euros ás persoas autónomas que se encontren en situación de desemprego e desexen volver emprender tras ter que cesar a súa antiga actividade por causas económicas e a aquelas que teñan en mente cambiar de actividade económica para volver emprender nun sector emerxente. Para iso, o Consello da Xunta aprobou hoxe as bases coas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convocará o bono Nova oportunidade, que estará dotado con cinco millóns de euros. Con este crédito, o Goberno galego prevé poder beneficiar a preto de 500 persoas traballadoras por conta propia.

“É sabido que a pandemia da covid tivo un impacto moi significativo para moitos autónomos. Tanto que algúns tiveron que reoritentar a súa actividade, ou no peor nos casos, cesar definitivamente”, lembrou o titular do Executivo galego, quen por iso defendeu como “obriga das Administracións” que un colectivo tan importante para o tecido produtivo teña unha segunda oportunidade e poidan volver a intentalo.

O programa, que se publicará nas próximas semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG), inclúe dous tipos de financiamento: o bono Alta nova oportunidade para apoiar a posta en marcha do novo negocio cunha axuda de 9.000 euros; e o bono Formación e/ou Mentoring, dotado de 1.600 euros, para apoiar accións de formación de 40 horas como mínimo en xestión xerencial, comercial ou financeira, marketing dixital ou calquera outra que teña relación directa co negocio que se vai emprender; e/ou para acompañar os emprendedoras cunha persoa mentora. Os dous bonos son compatibles entre si, polo que a axuda deste renovado programa pode chegar aos 10.600 euros por persoa.

A crise provocada pola covid-19 obrigou ás persoas autónomas a pecharen os seus negocios ou a reorientalos, e a Xunta de Galicia quere facilitar o seu retorno ao emprendemento ou ao cambio de actividade.

Requisitos

Para os autónomos que volven emprender tras o peche da súa actividade exíxese, entre outros requisitos, estaren dados de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022; teren cotizado anteriormente a esta nova alta ininterrompidamente polo menos durante 3 meses durante a súa vida laboral no RETA ou calquera outro réxime especial por conta propia; estaren inscritos como demandantes de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo á nova alta no RETA ou en calquera outro réxime especial por conta propia; ou teren o domicilio fiscal nalgún concello galego e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia. Tamén se solicita que trasncorrese un período mínimo de dous meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.

Para as persoas que desexan cambiar a súa actividade para outro sector emerxente, os principais requisitos son estaren dadas de alta no Réxime Especial De Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional; teren cesado na súa actividade e iniciaren unha nova noutro sector distinto no período do 1 de xaneiro de 2022 ao 30 de outubro de 2022; teren cotizado, anteriormente a esta nova alta, de maneira ininterrompida polo menos durante 6 meses durante a súa vida laboral no RETA, ou en calquera outro réxime especial por conta propia; e teren o domicilio fiscal nalgún concello galego e desenvolveren a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

A realidade socioeconómica pon de relevo que non só é importante dinamizar e tratar de que se cree o maior número de empresas posibles, senón tamén deseñar os mecanismos necesarios para que os negocios creados poidan sobrevivir. Con esta acción búscase, polo tanto, a continuación das persoas emprendedoras no mundo empresarial e así poñer en valor a súa experiencia no emprendemento.

R., 2022-08-05

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES