Noticias

Galicia aproba un teito de gasto non financeiro para 2023 de 12.599 M€, o máis alto da historia da Comunidade

A Xunta vén de aprobar un límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2023 de 12.599 millóns de euros, o máis alto da historia da Administración autonómica, para atender as prioridades dos galegos. Concretamente, o teito aprobado hoxe no Consello extraordinario sitúase un 8,2 % por riba do orzamento do presente exercicio, o que permitirá elevar a capacidade financeira da Comunidade en 958 M€. Esa marxe adicional destinarase a desenvolver os eixes expostos no debate de investidura: traballo, familia e futuro. Galicia é a primeira comunidade autónoma que adopta esta decisión.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a aprobación dun límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2023 de 12.599 millóns de euros, o máis alto da historia da Administración autonómica, para atender as prioridades dos galegos. Concretamente, o teito aprobado hoxe no Consello extraordinario da Xunta sitúase un 8,2 % por riba do orzamento do presente exercicio, o que permitirá elevar a capacidade financeira da Comunidade en 958 M€.

Segundo explicou o titular do Goberno galego, esa marxe adicional destinarase a desenvolver os eixes expostos no debate de investidura: traballo, familia e futuro. É dicir, a seguir creando postos de traballo de calidade e manter os existentes; a ofrecer máis oportunidades para as familias galegas –especialmente as que están nunha situación máis vulnerable— e a cimentar un futuro mellor para toda Galicia.

Nesa liña, Rueda fixo referencia a que Galicia é a primeira comunidade autónoma que adopta esta decisión, malia as incertezas da inflación sen precedentes, as enormes incógnitas no mercado enerxético ou a evolución da guerra de Ucraína. “os poderes públicos debemos ser fonte de certezas, non de máis inseguridade”, manifestou.

Por ese motivo, abundou, a Xunta deu hoxe un paso máis de cara á aprobación en tempo e forma dos orzamentos de 2023 para que Galicia siga presentando unhas contas solventes, rigorosas e axustadas á realidade dos ingresos, como desde 2009. “Galicia debe seguir sendo a comunidade líder en prudencia financeira”, sostivo, ao tempo que recalcou que mentres moitas economía domésticas afrontan dificultades no seu día a día, non se entendería que as administracións tivesen unha política de gasto inzada de alegrías. “A Xunta vaille dar un uso responsable a cada euro público, do primeiro ao último”, engadiu.

Apoio a familias e empresas

Este teito de gasto abre o ciclo de aprobación dos orzamentos do vindeiro exercicio coa previsión de que sexan aprobados polo Consello o vindeiro mes de outubro e, unha vez validados polo Parlamento, entren en vigor o 1 de xaneiro de 2023. Serán unhas contas que apoien as familias, sectores e empresas máis vulnerables ante a inflación; que garantan seguir prestando uns servizos esenciais de calidade; impulsen os proxectos financiados con fondos Next Generation; e que sirvan para desenvolver o Plan estratéxico de Galicia 2022-2030 e avanzar cara a unha Galicia máis sustentable, ecolóxica, climaticamente neutra e máis dixital.

Un ano máis, a Xunta de Galicia cumpriu co establecido na Lei galega de disciplina orzamentaria de 2011 e aprobou o teito de gasto non financeiro, que agora será remitido ao Parlamento para o seu debate e posterior autorización. Este límite establece o máximo gasto que se pode acadar no proxecto de Lei de orzamentos xerais de Galicia.

Este teito está conformado por 12.469 millóns de euros de recursos non financeiros (recursos do sistema de financiamento, fondos finalistas e outros recursos non financeiros). Dentro deles, a partida máis importante é a dos ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico, que ascenderá a 9.402 millóns de euros, un 23,3 % máis respecto do importe para 2022.

A segunda partida dos recursos non financeiros recolle os ingresos propios, por importe de 938 millóns de euros. E as transferencias finalistas ordinarias, que ascenden a 1.444 millóns de euros, inclúen os fondos estatais e fondos europeos. Estes fondos europeos corresponden ao último ano de execución do marco financeiro 2014-2020 e ao primeiro ano de execución do marco operativo 2021-2027.

Por último, e no que se refire aos recursos de carácter extraordinario, inclúense os fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia e os fondos React-EU, por un importe de 685 millóns de euros.

Ademais, Galicia vai continuar na súa senda de redución do déficit, sen superar a taxa de referencia do 0,3 %, o que permitirá empregar uns recursos adicionais por importe de 189 millóns de euros.

“En definitiva, para o vindeiro ano temos eses 12.600 millóns de euros que dimanan de máis ingresos ordinarios, máis ingresos estruturais, menos déficit e menos recursos extraordinarios”, sintetizou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, logo de salientar a dilixencia do Goberno galego na aprobación do teito de gasto, unha semana despois da celebración do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).

Cadro macroeconómico

Ademais da aprobación do teito de gasto, Corgos tamén explicou que a Xunta tamén actualizaou con “realismo e rigor” o seu cadro macroeconómico tendo en consideración as previsións do Instituto Galego de Estatística (IGE) e as circunstancias actuais do escenario económico.

Neste sentido, o Goberno galego prevé que Galicia, unha vez encadeados tres anos consecutivos de crecemento, recuperará no primeiro trimestre de 2023, e antes que a media de España, a riqueza prepandemia. Este crecemento permitirá seguir creando emprego, para chegar a finais de 2023 a unha taxa de paro por debaixo do 10 %.

R., 2022-08-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES