
A Xunta de Galicia programa este verán 300 actividades familiares, xuvenís e infantís coa campaña Tece Redes en galego, o novo repositorio de proxectos dixitais e servizos presenciais creado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, que o Goberno galego pon en marcha cun orzamento de máis dun millón de euros.
A programación, na que participan ata 150 entidades e que chegará a diferentes localizacións da Comunidade, foi presentada hoxe polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que apuntou que os proxectos impulsados encherán o verán de Galicia de actividades dirixidas case na súa totalidade ao público familiar, infantil e xuvenil, xerando así un contorno de complicidade na transmisión da lingua no seo da familia e dando a coñecer o galego desde un punto de vista lúdico.
Ademais do representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, no acto de hoxe tamén participaron membros dalgunha das entidades que forman parte da iniciativa como o técnico e xestor da empresa Mr. Misto Miguel Eiré, que proxectará o filme Bella e levará a cabo espectáculos de circo máxico; a xestora da empresa Urdime Cristina Fiaño, que organiza o espectáculo Festa Miúda e o actor e director Inacio Vilariño, da empresa Fantoches Baj, responsable do espectáculo O tranvía Leonardo.
A nova campaña TeCe Redes acolle tanto os proxectos presenciais como dixitais, que complementan a oferta no Portal da Lingua, como os mixtos, nos que se mesturan ambas modalidades, ou os que se realizan presencialmente. Todos eles inclúense no coñecido programa de dinamización do uso da lingua galega FalaRedes, en activo durante o ano.
Entre as accións programadas, moi pronto poderemos gozar do cine na rúa con filmes como a produción galega Valentina ou Bella e o circo máxico, dirixido a nenas e nenos e no que se trata o tema da amizade no contexto da igualdade de xénero e a diversidade.
Os máis cativos tamén se divertirán cos espectáculos O tranvía Leonardo, con monicreques e música; Toupiciencia Show e Lendo a Ciencia: Festiencia & Festiletras, nos que se fomenta a divulgación científica en galego; O porco de pé, que leva ao teatro a novela de Vicente Risco, ou Xela contra o dragón Traga-verbas, espectáculo que trata a importancia do uso cotián da lingua galega e da conservación da nosa identidade.
Picadiscos Marifaltri, Festa Maimiña, Viaxe á prehistoria. Unha aventura inmersiva na procura das nosas orixes, As Armadanzas, Ghop! e Falando a música chegan con espectáculos de música, baile, contos, obradoiros e teatro para que toda a familia comparta, escoite e se divirta en galego.
E a familia de irmáns máis coñecida polos nenos e nenas galegos, Os Bolechas, percorrerán as nosas rúas con distintos shows de monicreques, pasacalles e actividades interactivas.
Máis actividades para este verán
As entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística, ademais destas accións presentadas, contaron con moitas outras actividades da man do FalaRedes, que desde primavera entretivo o tempo de lecer dos máis pequenos e da mocidade con máis de 40 sesións de oito actividades variadas e que continúan durante o verán.
Grazas a esta campaña as rúas de Galicia encheranse de actuacións musicais da man de artistas galegos de renome como Lucía Pérez, Xacarandaina, SÉS, María do Ceo, Terbutalina, Susana Seivane, A Roda, A Banda da Loba, Roi Casal, Antonio Barros e Ialma, Antonio Luz, os grupos DOUS-Fernando Abreu & Pablo Carrera e o de Percusión ODAIKO e o espectáculo Queiman Folki do Bruxo Queiman. Tamén se realizarán os concertos do xa coñecido ciclo Novas Músicas en Galego no marco do festival Go!Go!Zo! Xacobeo 21-22 que terá lugar este setembro no Monte do Gozo.
A sexta edición de 6coreógrafas acollerá dúas estreas: Trés bien, de Marta Alonso Tejada, un dúo de danza contemporánea de rúa interpretado por María de Vicente e Inés Santos que explora o esforzo de sosterse e permanecer xuntas, e BenQuererme, un solo de de Fran Sieira, que combina danza tradicional e contemporánea para reflexionar sobre o autocoidado emocional e o amor propio. A programación completarase con Suit(e), de Furia Sotelo, un diálogo entre a danza de Nuria Sotelo e o violonchelo de Millán Abeledo, e Bipedestrucción, da compañía navarro-galega Disiden.cia, unha peza de rúa para todos os públicos que aborda desde o humor a identidade, a diversidade e a importancia da comunidade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Goberno autonómico vén de autorizar na reunión desta mañá o envío ao Consello Consultivo de Galicia do decreto polo que se crea o Rexistro de autorizacións e concesións no dominio público marítimo-terrestre (DPMT). 'Isto vai situar Galicia á vangarda en transparencia e xestión do litoral', indicou. 'Imos habilitar un sistema para que a cidadanía poida coñecer en todo momento os usos e autorizacións vixentes na costa galega', salientou o presidente sobre un Rexistro, concibido para incorporar progresivamente as autorizacións e concesións no DPMT e que permitirá sistematizar e ampliar a información dispoñible sobre as actividades autorizadas, o que resulta fundamental para avanzar na planificación, protección e xestión integrada da costa galega así como reforzar a seguridade xurídica das actividades e proxectos.