Noticias

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia mantén os recursos e incorpora melloras organizativas e tecnolóxicas

O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) procura minimizar o impacto dos incendios forestais, mediante catro liñas de traballo diferenciadas: prevención; detección, disuasión, investigación e medidas correctoras; extinción e formación. Entre as novidades do Pladiga 2022 están as melloras organizativas, o desenvolvemento da rede de vixilancia fixa, os avances tecnolóxicos, o impulso da Unidade de Investigación de Incendios Forestaise a actualización das parroquias de alta actividade incendiaria.

Neste ano vénse de crear o Sistema estrutural de mando operativo, que pretende liberar ao director técnico de extinción de cada incendio de tarefas secundarias, para que se poida centrar na coordinación do dispositivo, co obxectivo de mellorar a seguridade e eficacia da operación.

Por outra banda, a sectorización dos incendios permitirá xestionar máis eficazmente recursos e labores.

Rede de vixilancia fixa

A rede de vixilancia fixa contará este ano cun total de 148 cámaras (6 máis que o ano pasado) distribuídas en 74 localizacións, con tecnoloxía de última xeración, deseñadas especificamente para vixilancia forestal en exteriores, con movemento horizontal e vertical, rotación automática de 360º, zoom remoto, visión panorámica e altas capacidades de gravación.

Avances tecnolóxicos

Os sistemas de apoio á loita contra os incendios contará este ano con novas funcionalidades que melloran a predición na evolución do lume e a toma de decisións na súa extinción, como a reconstrución do lume (baseada en máis de 4000 emisoras), a xeración automática de perímetros de superficie afectada, ou a modernización dos centros de coordinación de Santiago (central) e Ourense.

Por outra banda, vénse de crear unha nova aplicación de formación que recompila todos os cursos ofrecidos ao persoal dedicado á extinción de incendios, material didáctico, circulares e outras comunicacións. Todo este material esta categorizado e personalizado en función de cada perfil profesional.

Unidade de Investigación de Incendios Forestais

Está proxectado tamén un decidido impulso da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO), que dende o pasado ano levou a cabo 242 accións de pescuda relacionadas cos incendios forestais, entre elas, varias postas a disposición xudicial de presuntos incendiarios.

Noticia
Parroquias de alta actividade incendiaria

O Pladiga 2022 define 35 parroquias de alta actividade incendiaria, o mesmo número que o ano pasado, se ben só 31 delas repiten respecto de 2021, porque catro parroquias saen do listado (Ribasieira en Porto do Son, Covas en San Cristovo de Cea, Soutipedre en Manzaneda e A Ponte en A Veiga), e outras catro entran (Meiraos en Folgoso do Courel, A Gudiña, O Pereiro en A Mezquita e Calvos en Calvos de Randín).

Estas parroquias serán este ano como novidade o escenario dunha serie de encontros que teñen como fin concienciar e sensibilizar a poboación sobre os danos que ocasionan os incendios e os riscos que representan para as persoas e para os bens, tanto forestais como non forestais, e como deben actuar ante un lume.

Medios humanos e materiais

A dotación de medios humanos e materiais é moi semellante á de 2021, e inclúe máis de 7.000 persoas (da Xunta e doutras administracións), 380 motobombas (13 renovadas este ano) e 30 medios aéreos. O Servizo de prevención de incendios forestais de Galicia recibirá da Xunta no período 2022-23 case 19 millóns de euros en vehículos (motobombas e todo terreos) e material (EPIs, motoserras, rozadoiras e outros equipos).

Formación e prevención

Segue vixente en 2022 o plan de formación aprobado o ano pasado para o período 2021-2024, que supón este ano a impartición de 29 cursos para persoal do servizo e para a poboación en xeral.

Por outra banda, o orzamento para prevención increméntase nun 13% ata chegar aos 33,1 millóns de euros, que permitirán actuar en máis de 58.600 hectáreas de terreo e en 5.780 quilómetros de pistas forestais e outras vías (un 16% máis que o ano pasado), e construír 111 novos puntos de auga e mellorar os 4.750 existentes.

Plans municipais antiincendios

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia preparou 259 plans municipais antiincendios para outros tantos concellos, o que supón preto do 75% dos municipios da comunidade. Destes plans, 186 xa están aprobados de forma definitiva.

A elaboración destes plans é competencia dos concellos (segundo a Lei 3/2007 do 9 de abril de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia), pero o goberno autonómico asumiu o traballo por medio dun convenio asinado pola Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e Seaga no ano 2018, e ao que están adheridos 273 concellos galegos.

R., 2022-07-12

Actualidad

Foto del resto de noticias (sandra-vilas.jpg) Tres candidaturas galegas optan como finalistas aos XVIII Premios Nacionales de Artesanía convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e a súa área de promoción da artesanía, Fundesarte. O torneiro Aitor Martínez (Tomiño) opta ao premio Produto, a artesá Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela), é finalista na categoría Emprendemento, e a Fundación Artesanía de Galicia competirá polo Premio Promociona Entidades Públicas co seu proxecto Artesanía no Prato, no que se busca incorporar a Artesanía de Galicia á gastronomía como soporte dos menús para incrementar a singularidade e a exclusividade da proposta resultante.
Foto de la tercera plana (economia-calculadora.jpg) O Consello deu luz verde nunha reunión extraordinaria ao Proxecto de lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para 2026, unhas contas nas cales a Xunta aposta por un reforzo sen precedentes do gasto social. Os orzamentos superan por primeira vez na historia a barreira dos 14.000 millóns de euros. En concreto son 14.240 millóns, un 2% máis que no 2025. Unhas contas que supoñen un incremento dun 3,1% nas políticas sociais, pero sen esquecer outros eidos claves para o avance de Galicia como seguir apoiando ao tecido produtivo da man da innovación. Por iso, a partida para I+D+i sube un 9% o ano que vén.

Notas

Promovida pola Facultade de Comunicación e a Fundación Carlos Velo, unha xornada conectará este mércores 22 as traxectorias vitais e creativas do cineasta galego Carlos Velo e o novelista mexicano Juan Rulfo. Aberta ao público, esta actividade terá como eixe o filme Pedro Páramo (México, 1967), no que Velo levaba a gran pantalla a novela publicada por Rulfo en 1955.Esta xornada completarase coas conferencias do catedrático da UDC José María Paz Gago e a escritora e profesora Marga do Val.
A Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) organiza, xunto co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, do 22 ao 25 de outubro, o XIII Congreso Docomomo Ibérico, baixo o lema 'A modernidade marítima. Arquitecturas e infraestruturas da paisaxe litoral, 1925-1975'. Esta última, caracterizada por ser o contacto entre dous medios tan dispares como o mar e a terra, é moi esixente e reclama unha coidada atención.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES