
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe de relevo a transcendencia do proxecto Radar on Raia que converte á eurorrexión Galicia e norte de Portugal na área co observatorio do medio mariño con maior cobertura espacial de Europa. Nesta liña, a responsable autonómica fixo fincapé en que esta iniciativa supón un avance nos servizos de medición e predición do estado do mar grazas á ampliación da infraestrutura da rede de observación transfronteiriza coa introdución da tecnoloxía de radares de alta frecuencia.
Así o sinalou na inauguración do evento final do proxecto europeo Radar on Raia, coordinado polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e que naceu co fin de introducir melloras no eido da observación do medio mariño. A conselleira, que estivo acompañada pola directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, e pola directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, puxo este proxecto como exemplo das vantaxes que son froito da cooperación.
Ademais, Rosa Quintana incidiu no valor de Radar on Raia para a obtención de datos de utilidade na actividade investigadora relacionada co medio costeiro e en tarefas como o desenvolvemento de modelos predictivos para a interpretación dos fenómenos mariños.
A isto engadiu que este tipo de información tamén é de interese para a toma de decisións por parte das administracións públicas no desenvolvemento dos servizos relacionados coa protección do medio ambiente costeiro así como para a consulta por parte dos cidadáns. Nesta liña, destacou a valor da observación da dinámica costeira para levar a cabo a ordenación integrada e o aproveitamento sustentable dos recursos e tamén na protección do medio mariño.
A maiores puxo en valor a experiencia de Galicia neste ámbito pois leva máis de 30 anos tomando medidas das variables ambientais co fin de ter un mellor coñecemento da franxa costeira. Un coñecemento, afondou Rosa Quintana, que na actualidade se enmarca no Observatorio Costeiro da Xunta de Galicia, que forma parte do Observatorio RAIA e que consolida a posición da comunidade galega no panorama internacional da oceanografía operacional. Este traballo, salientou, permite afrontar retos nos eidos científico e tecnolóxico para garantir a biodiversidade e protexer os ecosistemas costeiros.
Radar on Raia
O proxecto Radar on Raia, coordinado polo Cetmar e do que forman parte socios galegos como o Intecmar e tamén nacionais como Portos do Estado, púxose en marcha no 2019 co fin de actualizar e estender fóra da fronteira de Galicia a tecnoloxía de radares de alta frecuencia do Observatorio Costeiro de Galicia, operativo desde 2011, e que forma parte do Observatorio RAIA. O obxectivo é convertelo nunha infraestrutura de observación transfronteiriza que permita mellorar o coñecemento da dinámica oceánica dun nivel local a rexional no Noroeste da Península Ibérica, mellorando a monitorización das correntes e da ondada, e desenvolvendo diferentes ferramentas para medir e predicir o estado do mar.
O Observatorio Transfroiteirizo RAIA naceu en 2008 para dar resposta á necesidade de información meteorolóxica e oceanográfica na marxe e litoral ibérica. Ao longo de diferentes proxectos cofinanciados polo Programa de colaboración transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (Poctep), desenvolvéronse unhas infraestruturas operacionais de observación e de predición océano-meteorolóxica na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, que son as que configuran o Observatorio RAIA. Deste Observatorio forman parte distintas entidades da costa Atlántica da Península Ibérica. Trátase dunha rede de observación costeira baseada en boias oceanográficas e meteorolóxicas, de ondada, mareógrafos e estacións meteorolóxicas.
A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.