Noticias

A Filmoteca de Galicia estrea os catro filmes de 'Cinema en curso' realizados por preto de 90 estudantes de primaria e secundaria

O Salón Teatro de Santiago recibiu os preto de 90 alumnos dos catro centros de Primaria e Secundaria que participaron na edición 2021-2022 do programa Cinema en curso para a estrea das pezas audiovisuais que realizaron xunto aos cineastas Ángel Santos, Xacio Baño e Otto Roca. A Xunta promove o desenvolvemento na nosa Comunidade desta iniciativa pedagóxica internacional a través da Filmoteca de Galicia e no marco do Plan Proxecta + para a innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.

O alumnado dos CEIP de Tenorio en Cercedo-Cotobade e A Rúa de Cangas, na provincia de Pontevedra, e do CPI O Cruce de Cerceda e do IES O Mosteirón de Sada, na da Coruña, foron recibidos, xunto aos seus profesores, por Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais; Mónica García, da Filmoteca de Galicia e coordinadora de Cinema en curso en Galicia, e Nuria Aidelman e Laia Collel, da asociación A Bao A Qu e directoras deste proxecto internacional, que vai xa pola súa 17ª edición coa implicación de centros de Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, País Vasco, Alemaña, Chile e México.

Pezas documentais

Asistiron, así mesmo, os tres realizadores que traballaron cos estudantes nestas catro pezas documentais, que parten da investigación sobre a contorna máis próxima e a súa posta en valor para, a través do cine, aprender a mirar e a apreciar a realidade doutro xeito. Cada un dos grupos levou a cabo a súa propia produción cinematográfica, rotando tanto nas funcións artísticas como nas técnicas.

Ángel Santos acompañou neste proceso creativo os 28 estudantes de 6º de Primaria do CEIP de Tenorio e os 23 do mesmo curso do CEIP A Rúa que participaron este ano en Cinema en curso. O alumnado de Cercedo-Cotobade filmou Entre camiños como un retrato da vila de Tenorio e do día a día das súas xentes, desde o amencer ata o solpor, deténdose así mesmo nos principais oficios da zona.

Pola súa banda, os estudantes de Cangas presentaron Mar de baixura, unha fita sobre este tipo de pesca no porto do Morrazo, na que seguen os mariñeiros desde que saen a faenar ata a descarga do peixe e a súa venda na lonxa.

No caso do CPI O Cruce de Cerceda, o director Xacio Baño colaborou con 16 alumnos de 2º da ESO e cos seus profesores na rodaxe de Ata pronto, adeus. A emigración é o tema central desta peza a través das vivencias dos avós que marcharon hai anos deste municipio coruñés na procura dun porvir mellor e dos novos veciños que chegan agora á vila para construír o seu futuro.

Por último, Otto Roca traballou canda 22 rapazas e rapaces de 4º da ESO do Mosteirón, en Sada, no documental Da madeira ao mar sobre a carpintaría de ribeira do porto de Lorbé, unha das últimas de Galicia. Na súa fita, retratan todo o proceso de construción dun barco de madeira, ademais da actividade xeral do propio porto.

R., 2022-06-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES