
Sobre este punto, salientou as enormes dificultades que están a padecer as empresas para transportar os seus produtos e que fan inviables os seus negocios.
Ao longo da súa intervención, o titular do Goberno galego insistiu tamén en que a sociedade galega merece contar con información fiable, completa e en tempo real sobre as causas e consecuencias desta catástrofe. Debe saber, dixo, canto antes os motivos do colapso, os prazos que contempla o Goberno central para a reconstrución e as alternativas que se lle darán ás empresas, que é o máis urxente. Deste xeito, pediu o mesmo nivel de dedicación para solucionar o acontecido no tramo entre Galicia e o Bierzo que se tivese ocorrido noutro punto de España.
Nese senso, cómpre lembrar a proposta formulada onte pola Xunta de conformar un grupo de traballo para analizar a situación e dispoñer dunha canle de comunicación fluída.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.