
As reunións realizáronse coa finalidade de abordar asuntos de interese para os galegos tanto no ámbito económico como laboral.
A ordenación do litoral e a transferencia a Galicia destas competencias foi outro dos temas prioritarios da reunión polas consecuencias que ten sobre as empresas que se poden ver afectadas pola inseguridade xurídica ás que se vén abocadas logo de coñecerse a intención do Goberno central de limitar os seus usos. Rueda reivindicou tamén o apoio dos axentes sociais para reclamar o traspaso a Galicia desas competencias. Deberíamos poder traballar nese eido canto antes, dixo.
No encontro tamén se abordaron outros asuntos de interese como as consecuencias no eido laboral e económico da alza de prezos e da inflación, así como os problemas para atopar man de obra en sectores fundamentais para a recuperación da economía galega. Tamén incidiron na posibilidade de revisar os contratos públicos tendo en conta a repercusión da escalada de prezos nas obras e nos acordos laborais que competen ás Administracións.
Alfonso Rueda subliñou o ton positivo dos encontros e valorou que se tivesen producido dentro da normalidade a poucas semanas de ser nomeado presidente da Xunta, ademais de ratificar a súa intención de seguir mantendo o diálogo social con reunións periódicas cos distintos axentes e interlocutores sociais.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.