Noticias

Nace o Foro de Identidades e Disidencias Sexuais para identificar e dar resposta ás necesidades das persoas LGTBI

Foi presentado o Foro de Identidades e Disidencias Sexuais, un espazo pioneiro que permitirá actualizar a información sobre as necesidades das persoas LGTBI para darlles unha resposta axeitada -mediante os recursos e servizos que poidan demandar- e previr as condutas violentas contra o colectivo, co obxectivo de avanzar para lograr unha sociedade en igualdade de condicións e de oportunidades para todas elas. O traballo do Foro concluirá o vindeiro ano coa presentación dos resultados e dunha guía práctica que axudará a orientar actuacións e medidas para lograr a plena igualdade e a non discriminación das persoas LGTBI.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, presentaron hoxe o Foro de Identidades e Disidencias Sexuais, un espazo pioneiro, que, como destacou a conselleira, permitirá actualizar a información sobre as necesidades das persoas LGTBI para darlles unha resposta axeitada -mediante os recursos e servizos que poidan demandar- e previr as condutas violentas contra o colectivo.

A Consellería de Promoción do Emprego colabora nesta iniciativa co Consello da Cultura Galega co obxectivo de avanzar “para lograr unha sociedade en igualdade de condicións e de oportunidades para todas elas”, indicou Lorenzana.

“É preciso recoñecer que aínda hoxe en día as actitudes e condutas homofóbicas e transfóbicas están profundamente arraigadas na nosa sociedade, expoñendo cun enfoque negativo a moitas persoas homosexuais, bisexuais, transexuais e intersexuais”, indicou a conselleira, quen remarcou que afecta a todas as idades e lugares de residencia. “Coñecer en profundidade esta realidade e a situación actual, identificando e falando abertamente das necesidades fundamentais do colectivo para poder darlles un resposta e mellorar como sociedade, cunha metodoloxía activa, participativa e inclusiva, é un dos obxectivos deste Foro de Identidades e Disidencias Sexuais de Galicia”, remarcou.

O traballo do Foro concluirá o vindeiro ano coa presentación dos resultados e dunha guía práctica que axudará a orientar actuacións e medidas para lograr a plena igualdade e a non discriminación das persoas LGTBI.

A Xunta defende unha igualdade real e efectiva que, a través do Foro, se analizará desde prismas como a participación pública, a seguridade, a educación e a sanidade, o ámbito laboral, territorial, os servizos sociais e o idadismo, o pensamento e a cultura, a memoria viva e a diversidade e as violencias.

Os traballos do Foro artellaranse, así, en cinco eixos para debuxar “un mapa social e institucional completo que contará coa participación de universidades, persoal da administración, asociacións e colectivos LGTBI”, recalcou a conselleira. Todos estes interlocutores aportarán as súas necesidades e demandas coa finalidade de “obter un documento útil que permita contribuír a deseñar políticas públicas encamiñadas a previr a violencia LGTBIfóbica, en calquera das súas manifestacións, e alcanzar a plena igualdade de oportunidades para calquera persoa na nosa contorna”, engadiu Lorenzana.

Aproveitando a ocasión, a titular de Igualdade anunciou que o próximo 13 de xuño, inaugurarase no IES Rosalía de Castro de Santiago, a exposición divulgativa sobre evolución histórica do movemento LGTBIQ+, outra das accións que se enmarcan no acordo de colaboración entre a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Consello da Cultura Galega.
Compromiso reforzado

Galicia garante o principio de igualdade trato e de non discriminación por razón de orientación sexual e identidade de xénero e artella medidas para previr, corrixir e eliminar as discriminacións nos sectores público e privado, desde hai anos, a través da lei 2/2014 pola Igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais de Galicia, sendo a primeira comunidade cunha lexislación neste eido.

A comunidade conta ademais co Observatorio contra a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero, outra iniciativa pioneira que se constituíu en 2018. “Un órgano colexiado, con carácter consultivo e de participación social, aberto a todas as organizacións que desexen unirse para sumar esforzos na loita contra a discriminación por razón de orientación sexual ou identidade de xénero”, incidiu a conselleira, quen lembrou que tras aprobarse o seu regulamento de funcionamento o pasado ano, este mes de xuño realizarase unha nova convocatoria.

A Xunta celebra cada ano, por outra banda, acordos de colaboración coas principais entidades representativas das persoas LGTBI na comunidade (Arelas, Casco, Nós Mesmas, Alas, Les e Pvlse LGTBIQ+), dotados con 6.000 euros para cada entidade, un importe que se duplicou en 2021.

R., 2022-06-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-ouyeah-2026.jpg) A edición 2026 artéllase arredor dun formato expandido, con varias datas e localizacións ao longo da provincia, convertendo cada encontro nunha peza dun ecosistema cultural máis amplo. O 6 de xuño, en Expourense será a cita inaugural co rock lendario de Loquillo, o magnetismo vintage de Kitty, Daisy & Lewis e o fenómeno galego do momento, The Rapants. O 31 de xullo, na Praza da Veracruz do Carballiño a banda Burning, ofrecerá un concerto gratuíto; e o 4 de outubro, no Pazo de Deportes Paco Paz, o festival culminará o regreso de Luz Casal a Ourense. Loquillo, icona indiscutible do rock estatal con case cinco décadas de traxectoria, chega en plena xira do seu último traballo Corazones Legendarios, cun directo que revisita os grandes éxitos dunha carreira tan influente como extensa.
Foto de la tercera plana (emprego_4.jpg) Galicia pechou o primeiro trimestre deste ano con máis poboación empregada que hai un ano. Neste sentido, os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) publicados hoxe e relativos ao primeiro trimestre deste ano reflicten unha suba de 28.000 persoas ocupadas en relación ao ano pasado, lixeiramente superior á do conxunto do Estado e acadando, con 1.178.100, a cifra máis alta nun primeiro trimestre desde 2008. Ademais, a comunidade rexistra a maior taxa de emprego (49,30) nun primeiro trimestre en 18 anos e unha taxa de paro menor (8,96) que no conxunto de España (10,83). Ademais, as taxas galegas de paro feminino (9,51) e xuvenil (24,30) tamén son máis baixas que no conxunto do Estado.

Notas

Un estudo realizado por persoal investigador do grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) e da Universidade de Cambridge, coa colaboración doutras institucións europeas como o Instituto Karolinska, propón unha nova forma de entender como se dana e tamén como se repara o cerebro.
Protección fronte as estafas; patrimonio artístico; impostos; ou intelixencia emocional e saúde física son algúns dos contidos aos que, entre os meses de abril e xuño, poderá achegarse a poboación maior de 50 anos dos 11 concellos galegos aos que chegarán este curso as Mareas de Coñecemento. Este proxecto itinerante de formación universitaria naceu ao abeiro do Programa de Maiores (PUM) da UVigo no ano 2018.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES