Noticias

Unha investigación identifica en Galicia cinco rexións de apelidos que se aproximan ás divisións eclesiásticas

A análise dos patróns que se observan na distribución dos apelidos ao longo dun territorio proporciona datos sobre movementos e características das poboacións. Baixo esta premisa, unha investigación da USC acaba de constatar que Galicia atópase dividida en cinco sectores segundo a “rexionalización dos apelidos”. Así o afirma na súa tese de doutoramento a investigadora María José Ginzo Villamayor, quen ademais constata que estes cinco grupos aproxímanse ás divisións eclesiásticas ou dioceses nas que tamén se divide a comunidade autónoma.

As semellanzas entre a estrutura de poboación identificada no estudo dos apelidos e estas divisións eclesiásticas deben ser interpretadas en detalle polos historiadores e demógrafos”, matiza Ginzo Villamayor. “Coa súa axuda poderase confirmar se a coincidencia na organización territorial destes dous tipos de información están relacionados con condicionantes históricos antigos”, engade. Con todo, a investigación evidencia que as rexións de apelidos descubertas son consecuencia de “relacións estreitas e duradeiras no tempo entre os poboadores que habitaban estas áreas”, sinala a investigadora.

Esta tese céntrase na introdución de novas técnicas estatísticas para o tratamento de datos e modelización en xeolingüística, concretamente, en datos de onomástica en Galicia. De xeito máis específico, a tese atinxe dous problemas principais: dunha banda, a construción de rexións de apelidos en Galicia; e doutra, o estudo e modelización de patróns espaciais e espazo-temporais dos apelidos. “Os apelidos poden ser utilizados como unha fonte de información para caracterizar a poboación dunha rexión”, explica a investigadora. A identificación de patróns de apelidos a través de medidas de isonimia é un problema que ten sido abordado por diferentes autores, constituíndo esta investigación da USC unha nova achega metodolóxica na que se botou man de datos obtidos do censo e cedidos polo Instituto Galego de Estatística.

A isonimia ou relación de igualdade que hai entre o significado de dúas ou máis palabras ou enunciados, está moi vinculada co concepto de diversidade en ecoloxía. Deste xeito, grandes valores de isonimia indican menor diversidade de apelidos —é o caso do sur de Lugo e da provincia de Ourense, dominadas principalmente por apelidos de tipo patronímicos, aqueles que designan ascendencia, filiación ou linaxe—, mentres que valores pequenos de isonimia implican maior diversidade —provincias da Coruña e Pontevedra, con gran presenza de apelidos toponímicos e apelativos—.

Asturias

A análise tamén profundou no caso asturiano a partir da información cedida pola Sociedade Asturiana de Estudios Económicos e Industriais. Así, a partir do estudo comparativo dos datos onomásticos e os datos lingüísticos, concluíuse que a rexionalización de apelidos en Asturias desemboca en catro rexións onomásticas, similares ás áreas dialectais tradicionalmente recoñecidas no dominio asturiano. Estes resultados viron a luz nun artigo na revista Journal of Linguistic Geography, do que tamén é coautor o investigador do Instituto da Lingua Galega, Xulio Sousa Fernández. Algo similar sucede no caso do catalán, na rexión formada polas comunidade autónomas de Cataluña, Comunidade Valenciana e Illas Baleares. “Noutros países, outros autores teñen chegado a conclusións semellantes entre estrutura de apelidos e variedades lingüísticas, non ocorre así no caso do galego”, matiza Ginzo Villamayor.

Novas técnicas

Tendo en conta que as medidas tradicionais xorden como adaptación de índices de biodiversidade clásicos, un primeiro obxectivo desta tese foi a adaptación e proposta de novas técnicas de medidas de biodiversidade ao contexto da onomástica. Realizáronse as adaptacións precisas, estudando mediante simulación o seu comportamento en distintos escenarios. “Revisáronse ademais outros índices de biodiversidade para avaliar a súa posible adaptación ao noso contexto de estudo”, explica a investigadora.

Nesta tese tamén se fai unha clasificación dos apelidos, empregando técnicas de web-scraping, rastreando dicionarios oficiais da lingua galega, española e portuguesa. A lingüística considera diferentes clasificacións dos apelidos en función da súa motivación, morfoloxía ou semántica. No marco desta tese, fixéronse estudos de migración acometendo os comportamentos dos apelidos e tivéronse en conta os fenómenos de urbanización en Galicia arredor dos anos 60-65 do pasado século.

“As investigacións desenvolvidas no campo da onomástica, ata a data, non teñen en conta a dimensión espacial e espazo-temporal da evolución dos apelidos”, sinala a investigadora. Fixando rexións administrativas, como por exemplo, concellos, pode facerse uso de métodos espaciais e espazo-temporais para a análise de datos de cálculo que permitan modelar o patrón subxacente á evolución dos apelidos. Con este obxectivo, faise uso de métodos de modelización xerárquica, empregados na epidemioloxía.

A tese titulada Técnicas estatísticas en xeolingüística. Modelización onomástica, dirixida pola profesora Rosa Crujeiras Casais, obtivo a cualificación de Sobresaínte Cum Laude. O tribunal estivo composto por Ana Pérez González da UVigo, Francisco Xosé Dubert García da USC e Raquel Menezes Mota Leite da Universidade do Minho.

R., 2022-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES