Noticias

Os concertos de 'Atardecer no Gaiás' rematan con Futurachicapop e o DJ Kike Varela

Este venres 21 de agosto despídese a décimo quinta edición de Atardecer no Gaiás cunha dobre actuación protagonizada por Futurachicapop e o DJ Kike Varela. O ciclo de concertos gratuítos ao aire libre programou un total de 11 concertos este verán na Cidade da Cultura, con propostas musicais diversas de 16 artistas e grupos chegados de Galicia, Portugal, Chile, Málaga, Madrid e Berlín. A partir das 21,00 horas na Praza central do Gaiás, Futurachicapop despregará o seu electropop para marcar os ritmos de baile do último Atardecer no Gaiás. Sintetizadores, melodrama e humor caracterizan unha das voces máis orixinais do pop actual en español. Será un concerto para explorar as múltiples caras do amor e do desexo a través de himnos contaxiosos e confesionais como Yo lo quiero todo.

O compostelán Kike Varela collerá os mandos a continuación para poñer o ramo á noite coa súa particular mestura de electrónica e música tradicional galega. O DJ é ben coñecido nas pistas de baile do país, tamén en festivais, programas de televisión e incluso no estadio do Deportivo da Coruña.

A súa actuación no Gaiás contará con artistas convidados como o dúo de música trap Boyanka Kostova, ou Lontreira, na que será a única aparición en directo do grupo este ano. Ademais, acompañarano tamén sobre o escenario o gaiteiro Puga e a cantante Gloria Cespón, na súa interpretación en directo da Muiñeira de Chantada de Kike Varela, un dos dez temas en galego máis escoitados no Youtube en 2023.

Accesibilidade auditiva

Durante o concerto, a Cidade da Cultura habilitará un posto de accesibilidade auditiva onde se contará con intérprete de lingua de signos e tamén mochilas vibratorias equipadas con tecnoloxía para mellorar a experiencia musical de persoas xordas ou con perda auditiva.

Dotadas dun receptor FM que permite ás persoas sentir no seu corpo as vibracións da música, estes equipos facilitan que gocen dunha mellor experiencia durante o concerto ao tempo que melloran a calidade da escoita das persoas con audiófonos ou con implantes cocleares a través dun colar conectado á mochila que traslada á prótese auditiva o son limpo de ruído ambiente.

O emprego desta tecnoloxía supón un paso adiante na mellora da accesibilidade aos concertos de música do colectivo de persoas con discapacidade auditiva e enmárcase nas iniciativas impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da Lei de cultura accesible e inclusiva de Galicia.

Once solpores para todos os gustos

Atardecer no Gaiás mantense como unha das citas imprescindibles para gozar da música en vivo ao aire libre no verán galego. Con once xornadas e dezaseis artistas programados entre xullo e agosto, o ciclo, que volveu contar co patrocinio de Cervezas Alhambra, distínguese por buscar a variedade e a calidade na súa oferta, dando espazo tanto a artistas consolidados como a grupos emerxentes.

O talento musical de Galicia ocupou un lugar destacado nesta décimo quinta edición. Con The Rapants —que conseguiu encher ata a bandeira a Praza central da Cidade da Cultura— Eris Mackenzie, Dirty Suc, Lua de Santana, La Toñi, Melodiam, Mocho Gris, o DJ Kike Varela e os gañadores e gañadoras do certame Xuventude Crea 2024 nas categorías de música (Sara Gimeno, Lontras e o trío Slimak) sumáronse once bandas e artistas do país ao cartel.

A variedade de estilos que se escoitaron en Atardecer no Gaiás conecta cos obxectivos da campaña Para gustos, cultura, promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para levar máis de 3.400 actividades de 40 tipoloxías diferentes por toda Galicia ao longo do verán.

R., 2025-08-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES