Noticias

Galicia é a cuarta Comunidade Autónoma con máis número de profesionais de medicina familiar e comunitaria por 100.000 habitantes

Os datos recollidos polo Ministerio de Sanidade no 5º informe sobre Oferta e necesidade de médicos especialistas en España, indican que Galicia posúe un total de 116 facultativos por cada 100.000 persoas censadas na nosa comunidade. Así, a rede sanitaria pública galega situase considerablemente por riba da media nacional, de 87’4 facultativos/100.000 habitantes. Neste sentido, a relación de profesionais da Medicina Familiar e Comunitaria galega soamente se ve superada por tres comunidades; nomeadamente, Asturias con 127’5 médicos, Estremadura con 125,6 facultativos, e a Comunidade Foral de Navarra, que posúe 121,2 profesionais da medicina familiar, nesta ratio.

Segundo os datos achegados polas comunidades autónomas, en 2021 o número de Médicos de Medicina Familiar e Comunitaria do SNS ascendía a 39.666 profesionais, dos que o 91,3% estaban adscritos á atención primaria.

Déficit de médicos de familia no Sistema Nacional de Saúde

Así, nun contexto complicado de déficit de profesionais en todo o país, o Servizo Galego de Saúde sitúase como o cuarto mellor servizo sanitario no que atinxe á ratio de médicos de familia por 100.000 habitantes do Sistema Nacional de Saúde. A pesares disto, as perspectivas de que o déficit aumente nos vindeiros anos teñen movido á Xunta de Galicia a reclamar medidas urxentes ao Goberno de España, competente na formación sanitaria especializada.

Unha vez que Galicia leva anos cubrindo o 100% das prazas para formación de especialistas en medicina de familia acreditadas polo Ministerio, en novembro do ano pasado a Xunta solicitou ao Goberno a acreditación de 64 prazas máis, aumentando nun 45% a capacidade formativa de Galicia. Aínda que as prazas acreditaron cumprir cos requisitos, o Goberno de España denegou a solicitude de Galicia para incorporalas á convocatoria MIR deste ano 2022, polo que deberán esperar un ano máis para formar a novos especialistas.

Por outra banda, o conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, ten trasladado á ministra Carolina Darias, en reiteradas ocasións, outras medidas para paliar esta situación de déficit de profesionais que responden ademais a demandas do Parlamento de Galicia, como a convocatoria extraordinaria de máis prazas MIR, a tramitación preferente da creación dunha especialidade de medicina de urxencias que evite que estes profesionais ocupen prazas formativas de medicina de familia, ou a eliminación das limitacións nas taxas de reposición impostas polo Goberno de España, que impiden aos servizos de saúde autonómicos ofertar a totalidade das súas prazas vacantes.

De acordo ao informe do Ministerio de Sanidade, a especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria é a que achega peores datos no referido ao déficit de facultativos. Así, no ano 2019, a atención primaria converteuse nun tema de máxima prioridade para o Goberno Galego. Proba disto, foi a elaboración do documento “Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021”, aprobado no Consello da Xunta o 16 de maio do 2019, e que conta cunha dotación económica de mais de 103 millóns de euros para a súa execución. Ademais, posteriormente elaborouse un documento complementario titulado “Por unha Atención primaria vertebradora do sistema de saúde”, que tamén marca a folla de ruta a seguir neste nivel asistencial. En ambos casos, o Servizo Galego de Saúde segue a avaliar, de xeito mensual, o cumprimento do obxectivos establecidos nestes informes para acadar o 100%.

Xunto con estas medidas, a Xunta de Galicia vén de publicar a orde mediante a que se convoca 106 prazas de médicos na especialidade de atención primaria, por medio do sistema de concurso de méritos.

A esta modalidade de OPE para médicos, na que Galicia é pioneira, engádense outras medidas xa postas en marcha para reforzar os Recursos Humanos na atención primaria galega, e entre as que destaca a convocatoria doutros 73 procesos que permitirán a incorporación de 2.000 profesionais de diferentes categorías, con vínculo fixo.

Ademais, a Xunta vén adoptando tamén diversas medidas de reorganización para optimizar este servizo asistencial, como son a Instrución TAO, que permite ao persoal de enfermería asumir o seguimento de pacientes con tratamentos de anticoagulantes; a posibilidade de prescrición de pacientes crónicos por parte do persoal farmacéutico; a implantación de axendas de calidade para o persoal médico e de enfermería, a elaboración dos Plans de Saúde locais que dotan de maior autonomía aos centros de Saúde, así como outras melloras, como son a posta en marcha Plataforma CRM100, que permite a xestión das chamada que se reciben nos centros de Saúde; ou o Sistema Integral de Clasificación da Demanda en Equipo (XIDE), que contribuirá a optimizar o funcionamento do nivel asistencial máis próximo á cidadanía.

R., 2022-05-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-maiores.jpg) O 68,7 % da poboación galega de 16 a 74 anos dispón de competencias dixitais básicas ou avanzadas, fronte ao 61,4 % de 2025, o que supón un incremento relativo do 11,9 %. O 42,6 % da poboación galega de 16 a 74 anos ten competencias dixitais avanzadas, cinco puntos porcentuais máis ca en 2025, e o 26,1 % ten competencias básicas. Son datos publicados hoxe polo INE no informe sobre equipamento e uso das TIC nos fogares, analizados polo Observatorio da Sociedade da Información da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Foto de la tercera plana (circo-camino-2026.jpg) Foi presentada na Cidade da Cultura a iniciativa 'Circo no Camiño', que celebrará entre o 12 de novembro e o 6 de decembro a súa primeira edición, na que contará con artistas nacionais e internacionais. A proposta Circo no Camiño quere achegar as artes escénicas a diferentes localidades galegas relacionadas co Camiño de Santiago. Para isto avanza unha programación variada de espectáculos de circo, maxia, música, acrobacias, humor e animación de rúa dirixidos a todos os públicos, que se desenvolverán tanto nunha gran carpa como nas rúas.En concreto, a programación desenvolverase en catro localidades galegas: Verín, Lalín, A Estrada e Santiago de Compostela, onde se pechará a programación, entre os días 3 e o 6 de decembro.

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES