
Galicia conta con máis afiliacións e con menos persoas en paro na evolución anual e mensual. Os datos publicados hoxe, en palabras da directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, dan conta da boa evolución do mercado laboral galego e da súa fortaleza.
O número de parados -150.062- é o máis baixo nun mes de abril de toda a serie histórica (1996) e o menor desde o verán do ano 2008. Ademais, a caída na evolución anual do -11,81% é tamén a maior desde 1996. Con respecto a abril de 2021, o desemprego tamén cae nas principais variables: nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores económicos, liderando o descenso a industria (-15,47%), seguido da construción (-14,47%), dos servizos (-12,29%) e da agricultura e a pesca (-7,35%).
Tamén hai menos persoas en paro entre os colectivos prioritarios para a Xunta: as mulleres, menores de 30 e parados de longa duración. As mulleres e menores de 30 anos en paro acadan o menor número nun mes de abril de toda a serie histórica de datos (2006); e con respecto aos parados de longa duración, que caeron nun -22,23%, acadan a cifra máis baixa nun abril desde 2009.
Na evolución anual, as afiliacións crecen nun 3,19% gañando 32.033 cotizantes nun ano. Deste xeito, Galicia suma 1.033.997 afiliacións, unha cifra que non se rexistraba nun mes de abril desde hai 13 anos (abril 2009). Así mesmo, aumenta a contratación indefinida (+264,18%) e a tempo completo (+0,19%).
Evolución mensual
Con respecto a marzo de 2022, o paro tamén baixou en Galicia, nun 1,78%, con 2.734 persoas menos rexistradas e as afiliacións creceron nun 0,54%. A contratación indefinida aumentou nun 32,36%.
Segundo Zeltia Lado, os bos datos do paro rexistrado do mes de abril, xunto coas cifras da EPA, constatan a fortaleza do noso mercado laboral. Galicia, en palabras da directora xeral, está a crear máis emprego e de maior calidade, pese á pandemia, pese á crise enerxética, pese aos efectos da guerra e pese á incerteza e inseguridade dun Goberno central que sigue sen dar solucións.
A Xunta, explicou Lado, está a impulsar o emprego, intentando axudar, dunha banda, a que os autónomos e pequenas empresas se manteñan, crezan e xeren emprego; e, doutro lado, está a apoiar aos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego.
Especificou que aos 613 millóns de euros en axudas dirixidas ás actividades e sectores económicos máis afectados pola pandemia, súmanse 26 millóns de euros que a Consellería de Emprego e Igualdade activou nos tres primeiros meses do ano en apoios para autónomos e pequenas empresas. E, en paralelo, estamos executando os Plans Emprega Muller, Xuventude e Discapacidade-Exclusión Social, dotados con máis de 127M para incrementar as oportunidades laborais das persoas máis desfavorecidas, engadiu.
A directora xeral, por último, referiuse aos apoios á formación que a Xunta destina aos traballadores e traballadoras a través do Plan galego de formación para o emprego, que en 2022 refórzase cun 77% máis de investimento, ata chegar aos 117M, para seguir impulsando unha formación dual e flexible, axustada ás necesidades do tecido produtivo.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.