Noticias

Galicia conta cun 93,6 % do alumnado con necesidades educativas especiais escolarizado en centros ordinarios

O sistema educativo galego sitúase, un ano máis, como o máis inclusivo de España. Segundo os últimos datos da estatística de alumnado con necesidade específica de apoio educativo sobre o curso 2020/2021, publicadas polo Ministerio de Educación y FP, o 93,6 % do alumnado galego con necesidades especiais está escolarizado en centros ordinarios. Isto supón que 16.695 estudantes que precisan apoio específico estudan en centros que non son de Educación Especial, o 72 % deles en colexios e institutos públicos. Esta porcentaxe sitúa ao noso ensino moi por riba da media nacional, do 82,9 %, e mesmo case 4 puntos por riba da seguinte CCAA, Navarra.

O sistema educativo galego conta cunha rede de preto de 4.000 profesionais para a atención á diversidade en centros públicos, composta por especialistas en Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, coidadores e demais profesionais específicos. Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade atende a diversidade do alumnado a través de diferentes iniciativas como os contratos-programa, que contan cunha liña específica de fomento da inclusión nos centros educativos.

Por outra banda, ao abeiro do Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe 2021-2025), a folla de ruta que guía a actividade das bibliotecas escolares galegas, desenvólvese o programa Biblioteca inclusiva, a través do que o pasado curso 783 centros de infantil e Primaria recibiron unha dotación extraordinaria para fondos inclusivos, que se sumou a outra dotación extraordinaria para adquirir materiais e recursos inclusivos nos centros de Educación Especial. Ademais, está previsto poñer en marcha novas iniciativas que promovan a accesibilidade a estes espazos a todos os membros da comunidade educativa.

Así mesmo, Galicia conta con diversas ferramentas para a prevención, detección precoz e tratamento da diversidade, como son os protocolos específicos dirixidos a favorecer a inclusión educativa de alumnado con trastorno por déficit de atención e hiperactividade, con trastorno do espectro de autismo (TEA), con discapacidade auditiva ou para a intervención psicoeducativa da dislexia e outras dificultades específicas da aprendizaxe.

No que atinxe aos recursos, ademais de facilitar os que cada centro precisa en función das necesidades de cada alumno, dáse cobertura de transporte a 363 alumnos e de comedor a 498 estudantes de centros de educación especial que non son públicos a través de convenios con diferentes entidades.

Estratexia Galega de Inclusión Educativa

O Goberno galego está a preparar a futura Estratexia de Inclusión Educativa co fin de avanzar na consolidación dunha escola plenamente inclusiva na que se dea resposta ás necesidades e ás capacidades do conxunto do alumnado. Para tal fin, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade manterá unha colaboración estreita e un diálogo aberto coas familias, entidades e colectivos implicados e cuxo resultado final determinará as liñas de actuación neste ámbito para os vindeiros anos.

R., 2022-05-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES