
Logo de salientar que esta iniciativa foi consensuada co sector, o presidente da Xunta sinalou que esta Estratexia perfila tres eixos fundamentais -mellora competitiva, transformación e diversificación- e oito eixos de acción.
Máis polo miúdo Feijóo explicou que o primeiro ámbito de actuación xira en torno á eliminación e redución das cargas administrativas e á creación dun marco axeitado de apoio. Trátase de promover proxectos tractores susceptibles de ser financiados por fondos europeos de recuperación; realizar un estudo para reducir cargas administrativas; impulsar unha maior coordinación entre ministerios ligados á industria; ou promover coa patronal do sector unha estratexia común para o futuro do naval e coordinar as actuacións dos Estados membros.
No tocante ao financiamento, habilitarase unha nova liña de garantías para apoiar a estaleiros e industria auxiliar na eólica mariña, potenciarase a liña de préstamos de liquidez ás empresas auxiliares; promoveranse liñas específicas para renovar a frota pesqueira galega e porase a disposición do sector fondos de capital risco para apoiar a súa consolidación e crecemento.
Ademais, segundo anunciou Feijóo, afondarase na cooperación entre estaleiros porque é fundamental para acadar economías de escala, para o acceso conxunto a proxectos e para áreas como a eólica mariña flotante, un eido no que Pymar e Navantia van colaborar. Nesta liña, tamén se incidirá na internacionalización e a busca de novos mercados a través, por exemplo, das antenas do Igape para entrar en mercados estranxeiros.
A maiores, apoiarase a dixitalización -con programas de axuda para implantar estaleiros 4.0- e a innovación a través de instrumentos financeiros dirixidos a aplicar novas tecnoloxías, optimizar a xestión e promover a descarbonización.
E, nesa liña, no eido da sustentabilidade, Feijóo fixo fincapé na aposta da Estratexia pola produción e uso do hidróxeno verde, pola reparación sustentable de buques, por un maior papel dos estaleiros en sectores ligados á enerxía alternativa e pola compra pública innovadora.
Finalmente, Feijóo incidiu na importancia de potenciar o talento mediante programas de capacitación profesional, da homologación de certificados de profesionalidade e dos plans de formación e reciclaxe de traballadores.
O presidente da Xunta concluíu aseverando que o obxectivo é que esta Estratexia, que se ensambla co Perte aprobado polo Goberno, reactive o sector naval en aqueles estaleiros con dificultades e que manteña a carga de traballo nos estaleiros que están traballando nas rías de Vigo, Pontevedra e Ferrol.
A Xunta iniciou hoxe nas residencias de maiores a campaña de vacinación fronte á gripe, que incorpora a vacina reforzada desde os 65 anos e busca chegar a 926.000 persoas de máis de 60 anos. En Galicia hai 926.000 persoas de 60 ou máis anos como poboación diana para a vacinación fronte á gripe, e ao redor de 549.000 maiores de 70 anos, que é a poboación diana para a que está indicada a inmunización fronte á covid. A campaña prolongarase ata o 31 de decembro, desenvolvéndose de xeito progresivo nos distintos colectivos e grupos de idade. Así, logo do arranque de hoxe nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o vindeiro día 13 de outubro incorporarase a vacinación infantil nos centros de saúde e nos 75 colexios.
O informe de balance do programa de axudas para a Atracción de Empresas a Galicia, unha liña xestionada pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape que se consolida como un piar estable dentro da estratexia económica do Goberno galego, reflicte que entre os anos 2024 e 2026, este programa permitiu a concesión de 74,08 millóns de euros en subvencións públicas, unha contía que impulsou a posta en marcha de 96 proxectos empresariais e que xerará un impacto económico total de 256,75 millóns de euros en mobilización de investimento privado.