Noticias

A Xunta e o Goberno central apostan pola coordinación entre todas as administracións e entidades implicadas para garantir a axuda ás persoas desprazadas de Ucraína

A Xunta e o Goberno central apostan pola coordinación entre todas as Administracións e entidades implicadas para garantir a axuda ás persoas desprazadas de Ucraína. Así se acordou hoxe nunha reunión entre o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para abordar a crise humanitaria. Na reunión, a Xunta propuxo a creación dun plan nacional de recepción e acollida de persoas desprazadas procedentes de Ucraína que defina con claridade os protocolos que rexerán a súa chegada e articule e ordene os esforzos despregados polas distintas Administracións e entidades.

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, reafirmou o compromiso do Goberno galego coa poboación ucraína, pero pediu medios e coordinación para que as comunidades autónomas poidan facer fronte a esta emerxencia humanitaria e garantir as necesidades e os dereitos das persoas desprazadas. De entrada, o vicepresidente primeiro considerou “prioritario” habilitar con urxencia prazas de primeira acollida para as entidades que xestionan o sistema de protección internacional co financiamento necesario.

Rueda e García trasladáronlle a Miñones a necesidade de habilitar recursos económicos extraordinarios a disposición das comunidades autónomas e as entidades locais para que se repartan de forma solidaria os esforzos para ofrecer unha correcta atención sanitaria e educativa aos desprazados, así como promover a súa inclusión social e facilitarlles o acceso ao emprego.

Para acadar eses obxectivos, o Goberno galego considera necesario establecer canles fluídos de información en tempo real sobre o número de refuxiados que chegan a Galicia, a súa identidade e o lugar no que se aloxan para facilitar o seu acceso á sanidade e á educación en condicións de igualdade, así como medidas de protección específicas para os menores de idade, sobre todo, os non acompañados.

O Goberno galego considera necesario e urxente garantir o dereito á educación dos refuxiados e o acceso ao sistema de saúde, así como a posibilidade de que accedan a un posto de traballo, para o que considera necesario que as persoas desprazadas poidan homologar a súas titulacións. Tamén considera imprescindible que se adopten medidas que lles permitan acceder á cobertura sanitaria e farmacéutica.

Os representantes do Goberno galego incidiron tamén na necesidade de facer os cambios normativos necesarios para que estas persoas poidan acceder, en caso de necesitalo, ao ingreso mínimo vital e asegurarse así os medios para unha subsistencia digna mentres non poidan optar a un posto de traballo.

R., 2022-03-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES