
A maiores, Feijóo salientou entre os obxectivos que marca esta estratexia a promoción dunha sociedade innovadora, competitiva, solidaria e cohesionada así como favorecer os valores diferenciais de Galicia como motores de desenvolvemento. E, ademais, pretende garantir unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do Goberno para desengancharnos da débeda pública no orzamento do ano 2025 e volver ao déficit cero, dixo.
Nesa liña, este Plan Estratéxico conta con cinco eixes transversais que marcarán a Galicia de 2030: o reto demográfico e o benestar; a Galicia verde e sostible; a competitividade e o crecemento; a cohesión social e territorial, e a gobernanza.
Durante a presentación do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, subliñou que este Plan prevé que Galicia reducirá a ratio débeda/PIB en cinco puntos nesta década, ata o entorno do 13%.
Durante a súa intervención, o titular de Facenda e Administración Pública sinalou que as metas a acadar en 2030 son a converxencia plena con España en termos de renda bruta dispoñible per cápita dos fogares, rebaixar en 4 puntos a taxa de paro, reforzar a saúde e a calidade de vida, consolidar o sistema educativo entre os mellores de España, avanzar cara á neutralidade climática, aumentar o peso das enerxías renovables, potenciar o peso do sector industrial e mellorar a competitividade, favorecer unha Galicia dixital e innovadora, continuar reducindo a taxa de exclusión social, e garantir unha Galicia sen fendas de xénero.
En definitiva, o Plan Estratéxico 2022-2030 é máis que un plan de Goberno, pois é unha estratexia para todas as galegas e galegos, que foi amplamente consensuado coa sociedade civil durante tres roldas de participación de expertos e representantes de todos os sectores produtivos, e que será remitido ao Parlamento para o seu debate.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.