Noticias

O uso problemático de Internet e das redes sociais afecta a un de cada catro adolescentes en Galicia

Un de cada catro adolescentes en Galicia usa de forma intensiva e sen supervisión Internet e as redes sociais; ademais, un de cada cinco podería 'ter un certo enganche' aos videoxogos, segundo o informe que presentou este martes 8 de febreiro UNICEF Comité Galicia, coa colaboración da USC e do Consello Xeral de Colexios de Enxeñaría en Informática (CCII), baixo o título 'Impacto da Tecnoloxía na Adolescencia en Galicia. Relacións, Riscos e Oportunidades'. O estudo recolle as opinións de máis de 3.000 adolescentes de 19 centros de Ensino Secundario Obrigatorio de Galicia, dos que o 90,8% conéctase a Internet todos ou case todos os días.

Aínda que recoñecen que a Rede lles pode facer sentir alegría (97,9%), diversión (82,9%), tranquilidade (81,9%) ou apoio e comprensión (71,5%), do informe despréndense tamén conclusións e datos preocupantes. Aqueles/as adolescentes que fan un uso problemático da Internet ou que poderían ter unha posible adicción aos videoxogos presentan niveis máis baixos de integración social e familiar, benestar emocional e satisfacción coa vida, tal e como evidenciaron os responsables do informe.

O documento foi presentado este martes na Facultade de Psicoloxía nun acto que contou coa participación de Antonio Rial, profesor da USC e responsable do estudo; Irene Marín, coordinadora de UNICEF Comité Galicia; e Fernando Suárez, presidente do CCII, que dirixiu o soporte tecnolóxico do estudo. Na mesa redonda posterior, conducida por María Solar, xornalista e escritora, toman parte Belén Montesa, psicóloga e experta en adolescentes; Fernando Lacaci, presidente da Confederación de ANPAS Galegas; Andrea Herrero, profesora de secundaria e directora do IES Praia Barraña, Boiro; e dous adolescentes, Beatriz e Martín, membros dos Consellos Locais de infancia e adolescencia de Teo e Nigrán, respectivamente. Inauguraron o acto Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC; Myriam Garabito, presidenta de UNICEF Comité Galicia; e o propio Fernando Suárez en representación do CCII.

Redes sociais

Non estar presente en redes sociais é un feito excepcional para os estudantes galegos da ESO: o 97,9% está rexistrado nalgunha rede social e o 80,5%, de feito, está rexistrado en tres ou máis redes sociais. Aínda que cómpre resaltar, tal e como subliña o informe, que seis de cada dez teñen máis dun perfil nunha mesma rede social, perfís que utilizan selectivamente para familia e coñecidos ou para grupos de iguais. Así, cinco de cada dez, un 53,6%, contactaron con descoñecidos a través de Internet, chats ou redes, e un 54,1% aceptou a descoñecidos en redes sociais. As prácticas do sexting e o ciberacoso son cada vez máis habituais, sendo identificadas polos propios adolescentes como os principais riscos que presenta a tecnoloxía: catro de cada dez dos enquisados asegura recibir algunha vez mensaxes de contido erótico/sexual, un de cada dez recibiu –a través de redes, chats, Internet ou videoxogos– unha proposición sexual por parte dun adulto, e dous de cada dez poderían estar a sufrir ciberacoso.

“É evidente a xanela de oportunidades que as novas tecnoloxías ofrecen a mozos e adolescentes, vantaxes para o seu desenvolvemento e aprendizaxe como o acceso a información a través de aplicacións e plataformas especializadas ou a axuda que pode ofrecerlles na construción de relacións sociais. Con todo, queda patente que tamén implica unha serie de riscos que non debemos obviar e que quedan retratados nas preocupantes cifras de sexting, contacto con descoñecidos ou ciberacoso resultantes do estudo”, afirmaron os responsables do informe no acto de presentación que se desenvolveu na Facultade de Psicoloxía da USC.

Videoxogos

Os videoxogos constitúen, de acordo con este estudo, unha importante canle de socialización e interacción social, a través da cal os adolescentes coñecen xente e fan amigos. Para seis de cada dez adolescentes é a súa principal canle de lecer e entretemento, aínda que cinco de cada dez recoñecen xogar a xogos non recomendados para a súa idade. En relación á supervisión parental, só tres de cada dez pais se fixa no PEGI (Pan European Game Information, sistema europeo de clasificación de videoxogos por idade). Tamén preocupan o xogo e as apostas en liña, xa que se estima que 3.000 estudantes de ESO en Galicia fixérono algunha vez na súa vida; o 45,5% deles di que a súa motivación foi gañar diñeiro. E, aínda que un 22,6% das persoas enquisdas asegura ter discusións cos seus pais, nais ou coidadores pola tecnoloxía polo menos unha vez á semana, o informe constata que só ao 34,9% lles poñen límites ou normas os seus pais sobre o uso da Internet e/ou as pantallas.

Neste sentido, e á vista dos resultados do informe, a loita contra o acoso escolar e o ciberacoso debe ser unha prioridade, debido a que se detectaron taxas de vitimización sensiblemente máis altas que as que ofrecen as estatísticas oficiais, tal e como subliñan os responsables do estudo. É necesario tamén tomar medidas para reducir as preocupantes cifras de sexting, contacto con descoñecidos ou posibles casos de grooming, así como abordar o uso problemático das redes sociais e posibles adiccións a videoxogos. “O uso problemático da Internet e as redes, así como a frecuencia ou intensidade do xogo afecta ao día a día dos adolescentes e das súas familias, xa que impacta directamente no seu benestar emocional e na súa saúde mental”, resaltou Antonio Rial Boubeta. “Por iso, este informe pretende non só ser un diagnóstico de base do actual uso que os adolescentes galegos fan da Internet, as redes sociais e, por extensión, as TRIC, facendo fincapé nas posibles condutas de risco, usos problemáticos e/ou potencialmente aditivos, senón promover que os dereitos da infancia sexan unha realidade na contorna dixital”, concluíu Rial Boubeta. “Por iso, e para construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa, temos que actuar dende todos os sectores da sociedade: familias, educadores, os propios nenos e adolescentes, as Institucións, o Goberno e a industria tecnolóxica”, remarcou Myriam Garabito.

Entre estas recomendacións do informe, que velan por salvar, protexer e impulsar á infancia tamén na contorna dixital, destaca a necesidade de que as familias conten con ferramentas e apoio para poder exercer o seu labor educativo e de acompañamento; promover a importancia do sistema educativo como ámbito clave para adquirir as pautas e ferramentas necesarias para manexarse en Internet; que os propios adolescentes reciban a información necesaria tanto para poder comprender os riscos como para poder denunciar situacións de abuso; contar con políticas máis contundentes por parte das institucións para a protección dos nenos e a súa imaxe na rede; e que a industria tecnolóxica garanta a protección dos adolescentes a través de, por exemplo, recomendacións claras de uso e privacidade.

Campaña #EducaTRIC

Con motivo da presentación deste informe, UNICEF Galicia pon en marcha unha campaña de sensibilización dirixida aos propios adolescentes, familias, educadores, institucións e industria tecnolóxica co obxectivo de visibilizar os riscos aos que se enfrontan os rapaces e rapazas na contorna dixital. Baixo o cancelo #EducaTRIC, personalidades públicas galegas do mundo da cultura, a sanidade e o deporte quixéronse sumar á campaña e traballar para construír unha contorna dixital segura, saudable e equitativa.

R., 2022-02-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (camino-cunchas.jpg) O Camiño de Santiago bateu un novo récord ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano, que adoita ser a principios de xuño. A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido. Esta cifra enmárcase dentro da boa tendencia desta ruta de peregrinación, que en 2023 xa bateu os rexistros históricos a pesar de non ser Ano Santo. Cómpre destacar que esta ruta de peregrinación está cada vez máis desestacionalizada e diversificada. De esta maneira, a afluencia de peregrinos segue medrando fóra de tempada alta; e que cada vez hai un reparto máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. Así, se en 2004 o resto de rutas que non eran o Camiño Francés representaban só o 24% dos peregrinos, agora esa cifra incrementouse ata o 53%.
Foto de la tercera plana (videnda-igvs-02.jpg) A Xunta de Galicia vén apostando durante os últimos anos pola rehabilitación de inmobles residenciais, ofrecendo medidas directas para reforzar o parque público de vivendas, pero tamén concedendo diversas axudas económicas, tanto a particulares como a comunidades de veciños e entidades promotoras. Dentro destas liñas de actuación, en abril de 2019 aprobouse a que foi a primeira Lei de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que promovía a recuperación e rehabilitación do patrimonio xa construído.

Notas

A resolución de problemas asociados á alta xeración de residuos agrícolas e forestais, que se acumulan cada vez en maior medida debido ao abandono do medio rural e que causan unha gran cantidade de incendios. Con este obxectivo lanzouse na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o proxecto europeo Valorización integral de residuos agroforestais: novas biorrefinerías multiproduto escalables (Newpower). Liderado desde a Universidade de Vigo e cun orzamento total de 1,3 millóns de euros, aúna once socios de Portugal, Francia e España.
A Xornada Power Up Videoxogos Aplicados e Persuasivos, organizada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña xunto coa Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, a través do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, amosou múltiples aplicacións que se abren co uso dos videoxogos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES