Noticias

Xaneiro remata como o mes máis seco da última década, con máis de vinte xornadas anticiclónicas continuadas

O mes de xaneiro en Galicia pechouse como un período máis seco da última década, con máis de vinte xornadas anticiclónicas continuadas. Esta é unha das principais conclusións que recolle o Informe climatolóxico mensual, elaborado por MeteoGalicia e presentado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada pola meteoróloga Ana Lage. Tal e como explicou Vázquez Mejuto, o primeiro mes do ano resultou moito máis seco do agardado a principios de mes, cando as borrascas aínda circulaban preto de Galicia.

Non obstante, na xornada 10 comezaron a entrar as altas presións dende o sur, que quedaron instaladas ao norte da península Ibérica e persistiron -sen apenas variacións- ata final de mes, impedindo a chegada de borrasca do Atlántico, é dicir, as chuvias.

Esta situación anticiclónica deixou unha temperatura media -para o conxunto de estacións que compoñen a serie rexional- de 8,4 ºC, é dicir, 0,4 ºC máis respecto da media 1981-2010, polo que “esta diferenza positiva permite considerar o primeiro mes do ano como cálido”, aclarou Vázquez Mejuto, quen indicou que un precedente similar atópase no mes de xaneiro de 2012.

A conselleira tamén destacou “os amplos contrates térmicos día/noite”, sobre todo nas zonas interiores da Comunidade, como Xinzo de Limia ou Verín, onde se acadaron temperaturas por debaixo dos -10 ºC e nas horas centrais do día acadaron valores próximos aos 15 ºC.

Precipitacións

Ángeles Vázquez sinalou que as chuvias no mes de xaneiro estiveron un 64% por debaixo do valor climático normal, tal e como se extrae dos rexistros de precipitación das dezaseis estacións meteorolóxicas representativas. Á vista deste descenso, xaneiro considérase moi seco e hai que botar a vista aos primeiros meses de 2017 (-62%) e de 2012 (-68%) para atopar un precedente similar.

Así, a media acumulada de chuvia en Galicia para xaneiro foi de 58 L/m2 e destaca o contraste entre a zona oeste de Galicia (con valores locais de 130 L/m2) e varias comarcas da provincia de Ourense, onde se rexistraron os valores máis baixos de precipitación -unha media de 15 L/m2-, incluso nalgunha localidade da comarca de Valdeorras non se chegou aos 5 L/m2.

Por último, engadiu que este contraste tamén é manifesto nos días de chuvia rexistrados nas cidades galegas. A modo de exemplo, explicou que en Ourense se contabilizaron tres xornadas de chuvia, cando o valor climático habitual son 11, fronte ás 8 de Pontevedra, sendo 15 a media climática.

MeteoGalicia, un referente

A conselleira de Medio Ambiente salientou que MeteoGalicia é un organismo referente climatolóxico e científico, a nivel nacional e europeo.

Destacou que desde a súa posta en marcha -no ano 2000- experimentou unha evolución constante, non só coa ampliación e mellora da rede de observación meteorolóxica galega -con 157 estacións de rexistro e 1.104 sensores repartidos por todo o territorio- senón tamén pola información meteorolóxica que ofrece á sociedade.

Nese sentido, avanzou que -nas vindeiras semanas- MeteoGalicia presentará o seu novo modelo de predición, co que facilitará información sobre a previsión do tempo, as precipitacións, a temperatura ou o vento nunha escala de resolución dun quilómetro.

R., 2022-02-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES