Noticias

As persoas en paro poden inscribirse ata o 14 de febreiro nas novas lanzadeiras de emprego da Coruña, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela

O prazo de solicitude para participar nas catro novas lanzadeiras Conecta Emprego da Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e Vigo permanecerá aberto ata o próximo 14 de febreiro. A iniciativa, dirixida a persoas en situación de desemprego pretende axudar á inserción laboral de 120 galegas e galegos na presente convocatoria. A Xunta colabora no impulso das lanzadeiras coa Fundación Santa María a Real e a Fundación Telefónica. Estas plataformas destacan pola súa metodoloxía avanzada, moderna e cooperativa.

Trátase dun programa gratuíto de orientación laboral para guiar a persoas en situación de desemprego cara a reactivar a súa procura de traballo mediante a formación en novas técnicas e ferramentas, co obxectivo de que reforcen as súas competencias transversais e dixitais, para adaptalas ás demandas do mercado laboral.

As catro novas lanzadeiras da Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Vigo, estrearanse este febreiro e permanecerán operativas ata finais de xullo de 2022. Cada unha delas ofrece un máximo de 30 prazas que poden ocupar homes e mulleres que deben atoparse en situación de desemprego e ter idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos. As Lanzadeiras Conecta Emprego son ademais gratuítas e abertas a persoas con calquera nivel de estudos e experiencia profesional.

Nos últimos anos as lanzadeiras adquiriron unha vertente máis tecnolóxica e próxima á realidade, o que supón un valor engadido para axudar á empregabilidade das persoas participantes. Nesta ocasión celebraranse en formato mixto virtual e presencial.

Os interesados en participar poden realizar a súa inscrición de xeito presencial nas oficinas de emprego da Coruña (novo edificio Amizade na rúa Gregorio Hernández), Santiago de Compostela (rúa Ramón Piñeiro), Ourense (rúa Progreso) e Vigo (rúa López Moura); ou ben por vía telemática na web http://www.lanzaderasconectaempleo.es.

As persoas seleccionadas contarán co asesoramento durante todo o programa de especialistas en orientación laboral, ferramentas dixitais e contactos con empresas, que lles guiarán para mellorar a súa empregabilidade e perseguir a súa inserción.

Entre outras dinámicas, a formación centrarase na intelixencia emocional dirixida á prospección laboral, na actualización de currículos e simulacións de entrevistas de traballo e no uso de novas ferramentas dixitais, aplicacións e redes sociais para impulsar a súa procura de emprego na contorna en liña.

A experiencia da Xunta con estes instrumentos reflicte o éxito nos últimos anos nos que se conseguiu unha elevada porcentaxe de inserción laboral, obxectivo último destas iniciativas. Desde 2013 ata a actualidade, Galicia contou con 39 lanzadeiras que chegaron a 925 persoas en desemprego. Un 60% dos participantes mellorou a súa situación laboral ao atopar un traballo por conta allea, emprender, obter certificados de profesionalidade e aumentar a súa formación para abrir novas oportunidades laborais.

R., 2022-01-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES