Noticias

Galicia reclama que a Conferencia de Presidentes aborde asuntos cruciais como o reto demográfico, o financiamento ou os fondos covid

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, reclamou hoxe no comité preparatorio da Conferencia de Presidentes celebrado en Madrid que no encontro dos mandatarios autonómicos que terá lugar en xaneiro nas Illas Canarias se aborden asuntos cruciais para Galicia como o reto demográfico, o financiamento autonómico ou os fondos covid. Rueda, que valorou positivamente a reunión previa para acordar os temas de interese que se abordarán na Conferencia de Presidentes, dixo que Galicia acudía a este encontro “con toda a vontade de chegar a acordos”, e reclamou que na axenda figuren as prioridades das comunidades autónomas, ao entender que esa é a finalidade da Conferencia.

A Xunta comparte con outros Gobernos autonómicos a esixencia dun reparto xusto dos fondos europeos, sobre todo no que ten que ver coa pandemia. Alfonso Rueda recordou que a crise sanitaria non rematou aínda e que é necesario que o Goberno central clarifique coas comunidades autónomas o reparto dos fondos “con claridade e flexibilidade”.

En relación cos retos que se presentan por mor da pandemia, o Goberno galego cre prioritario contar con máis medios para atender as necesidades sanitarias, sobre todo no que ten que ver coa Atención Primaria. “Por desgraza, a pandemia segue entre nós e os gastos van seguir producíndose”, recordou o vicepresidente primeiro da Xunta.

A maioría dos temas que Galicia considera prioritarios e que Rueda puxo sobre a mesa no comité preparatorio acordáronse hai uns días no encontro dos oito presidentes de comunidades autónomas que pactaron esta semana en Santiago unha declaración institucional sobre os retos que máis urxen nos seus territorios, como a cuestión demográfica ou a reforma do sistema de financiamento autonómico, ámbalas dúas cuestións estreitamente relacionadas.

Os presidentes de Galicia, Castela e León, Castela-A Mancha, Aragón, Estremadura, Asturias, A Rioxa e Cantabria pactaron tamén outras reclamacións, como a necesidade de ampliar os fondos covid, a de mellorar a asistencia sanitaria e a de defender prezos xustos ante a crise que sofren os sectores primarios, fundamentais na economía de Galicia.

R., 2021-11-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES