Noticias

Galicia confirma en outubro o ritmo de recuperación da demanda turística

Outubro confirmou o excelente ritmo de recuperación da demanda turística en Galicia, segundo os últimos datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con preto de 402.000 viaxeiros aloxados e máis de 754.000 noites, os hoteis galegos pecharon o mes pasado triplicando o dato do ano pasado, o que se traduce nunha recuperación do 95% da demanda turística dos hoteis galegos, 15 puntos mellor que o conxunto do Estado.

O comportamento do sector hoteleiro segue, ademais, situando a Galicia á cabeza da recuperación turística tanto en número de viaxeiros como de noites consumidas nos establecementos hoteleiros galegos no acumulado do ano, de xaneiro a outubro, situando ao noso territorio no segundo posto na comparativa nacional, só superados por Asturias.

Con máis de 5,6 millóns de noites e 2,7 millóns de viaxeiros no que vai de ano, o noso territorio mantén un comportamento 24 puntos mellor na demanda turística e case 16 puntos mellor na chegada de viaxeiros que a media nacional. Por segmentos, o mercado nacional supón case o 60% das noites, liderando o mercado hoteleiro en Galicia con preto de 3,4 millóns de noites, cifra histórica, mentres que o turismo interno supón o 27% e o internacional o 13% do total da demanda entre xaneiro e outubro.

Distribución por provincias

Co 44% nas noites hoteleiras a provincia da Coruña liderou o mercado turístico no mes de outubro, seguido de Pontevedra (35%), Lugo ( 13%) e Ourense (8%). As tarifas hoteleiras, que seguen estando entre as máis baixas do Estado, volveron mellorar este mes, o que contribuíu a seguir incrementando a rendibilidade deste sector, que no mes de outubro facturou algo máis de 27 millóns de euros.

R., 2021-11-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (autopista-ap9.jpg) A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, instou ao Goberno central a paralizar a suba dos prezos da AP-9 para 2027 e que os conxele como a Xunta fará coas autoestradas de titularidade autonómica. Allegue respondeu a unha interpelación sobre a situación da autoestrada no Parlamento autonómico, e apuntou que a suba prevista para AP-9 e AP-53 é dun 5% e un 4% respectivamente, o que as converte nas máis caras de España. Incidiu en que nesta lexislatura houbo un incremento dun 20% nos prezos mentres que nas da Xunta non houbo ningún aumento.
Foto de la tercera plana (agro-tractor.jpg) A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reclamou en Bruxelas 'financiamento suficiente, estabilidade e seguridade' para a nova PAC. Foi durante a súa intervención no evento da Coalición Agriregions, no Comité Europeo das Rexións, no que estivo acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño. Na organización da xornada tomou parte a Fundación Galicia Europa, que prestou apoio técnico á delegación galega na capital comunitaria para participar nesta reunión conxunta con membros do Parlamento Europeo e do devandito Comité das Rexións.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, organzia do 23 ao 27 de novembro a novena edición da Semana da Ciencia, a cita anual coa que pretende achegar o seu labor investigador á sociedade. Nesta ocasión, o programa centrarase nos retos e oportunidades de futuro que se abren nas áreas de investigación nas que traballa o persoal do IGFAE.
Ata o 12 de xaneiro de 2027 a Sala Alterarte, o espazo expositivo do campus de Ourense, acolle a mostra Glaciares a derreterse, da artista italiana Cinzia N. Rojas e comisariada por Vítor Nieves e Xosé Lois Vázquez. Na exposición, o público visitante pode ver unha proxección sobre o desexo glaciar. A mostra foi inaugurada contando coa participación da artista.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES