Noticias

O uso de internet crece nun ano un 21% entre as persoas de Galicia de 65 a 74 anos

Galicia crece en todos os indicadores de uso das TIC e reduce a distancia coa media estatal. Destaca especialmente o crecemento de uso e contratación entre os colectivos de persoas de máis idade e nos municipios de menos habitantes. Segundo os datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2021, o 90,2% dos galegos usa internet, rexistrando a menor diferencia coa media estatal do rexistro histórico. Por idades o 100% dos galegos de 16 a 34 anos empregan internet, por riba da media estatal, e o crecemento máis importante rexistrouse no tramo de idade de 65 a 75 anos cun 21% fronte ao 5,2% de crecemento estatal.

Ademais, segundo a análise realizada polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), máis do 93% dos fogares galegos teñen servizo de internet contratado, unha porcentaxe que se mantén en todos os concellos de máis de 10.000 habitantes e que nos concellos de máis de 100.000 xa supera o 95%. O crecemento máis desatacado prodúcese nos municipios con menos de 10.000 habitantes, que por primeira vez superan a barreira do 90% de fogares con internet contratado

Respecto ao equipamento, o 78,7% dos fogares galegos contan con algún tipo de ordenador, experimentando un crecemento do 9,2% no último ano fronte ao incremento do 2,8% da media estatal. Ademais,

Comercio electrónico

O 52,5% da poboación galega mercou a través de internet nos últimos tres meses, un crecemento do 11,2% respecto ao ano anterior fronte ao crecemento do 2,6% que experimenta a media estatal. Este pulo ao comercio electrónico localízase especialmente nas persoas de máis idade, xa que crece un 43,2% no tramos de 55 a 64 anos e case se triplica no de 65 a 74 anos.

Os datos do INE constatan que as compras a través de Internet superan o 68% entre as persoas de 16 a 34 anos e acadan o seu valor máis elevado entre as persoas de 35 a 44 anos cun 73,7%.

Administración dixital

Con respecto aos indicadores de administración electrónica, un 70,7% dos internautas galegos comunicáronse coas Administracións a través de Internet, experimentando un crecemento do 7,6% no último ano. Cabe salientar que un 56,8% é un usuario avanzado no ámbito da administración dixital e envía formularios cumprimentados a través de Internet.

Tele Escola. Nenos de 6 a 15 anos

Tele Escola é un módulo novo incorporado polo INE nesta edición. Este concepto refírese á asistencia a clase ou realización doutro tipo de actividades docentes, a través de Internet (de forma total ou parcial), impartidas por parte dos profesores habituais do seu centro educativo e referidas ao curso académico (neste caso 2020/2021) mediante o uso de medios e sistemas informáticos, telemáticos e de telecomunicación desde un lugar diferente á escola.

O 92,6% dos nenos/as galegos de 6 a 15 anos conviven en fogares que dispoñen dos medios ou recursos suficientes (Internet, equipamento informático,...) que farían posible a asistencia a clases ou actividades de Tele Escola.

O 44,8% dos nenos/as galegos de 6 a 15 realizaron ou asistiron a clases ou actividades en liña de forma total ou parcial no tres últimos meses. Pola súa banda, o 46,9% non asistiu a estas clases aínda tendo recursos no fogar, xa que non eran obrigatorias ou non se impartían no seu curso académico 20/21.

R., 2021-11-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES