
Será un total de 37 millóns de euros o que o goberno autonómico destinará a promover as enerxías renovables, o autoconsumo e o almacenamento enerxético entre particulares, empresas, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas para mobilizar 98 M, favorecer aforros económicos de 10 M ao ano e reducir as emisións anuais de CO2 en 33.100 toneladas, o equivalente a plantar 1.655.000 árbores.
Para empresas
Estas axudas permitirán impulsar instalacións para autoconsumo, así como o almacenamento no eido empresarial, podendo ser beneficiarias delas as empresas, incluíndo as de servizos enerxéticos; os xestores de polígonos industriais; as persoas xurídicas ou agrupacións de empresas que realicen actividades económicas; as entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades económicas; e comunidades enerxéticas locais.
Son destinatarios destas axudas tanto o sector servizos como outros sectores produtivos, para realizar proxectos de autoconsumo con enerxías renovables con ou sen almacenamento (preto de 17,2 M); e apoiarase o almacenamento en instalacións de autoconsumo existentes tanto no sector servizos como noutros sistemas produtivos con 2,6 M.
Con estas axudas, de concorrencia non competitiva e financiadas a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, prevese mobilizar 60 millóns de euros, conseguir aforros anuais de 65.000 MWh/ano, así como a redución de emisións de 23.000 toneladas de CO2 ao ano, equivalente á acción de 1.150.000 árbores, e aforros económicos anuais de 7 M na factura eléctrica.
Novas convocatorias que se activan en decembro
Un total de 11,5 M vanse destinar para fomentar o autoconsumo eléctrico a partir de enerxías renovables cunha convocatoria que terá por destinatarios os particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. Tamén de concorrencia non competitiva, a intensidade da axuda varía en función da instalación, pero calcúlase que poida permitir aforros nas facturas enerxéticas de 2,6 millóns de euros ao ano e mobilizar 28 millóns en investimento.
Así mesmo, vaise activar unha convocatoria de renovables térmicas dirixida ao sector residencial para apoiar proxectos de aerotermia, xeotermia, biomasa ou solar térmica. Cunha dotación de preto de 5,7 M, a intensidade da axuda tamén é moi variable pero os apoios poden chegar aos 13.500 euros no caso de instalacións xeotérmicas de circuíto pechado. Con estas axudas agárdase mobilizar ao redor de 10 M e aforros económicos de 500.000 euros ao ano.
Estas dúas últimas liñas abriranse ao longo do mes de decembro e as peticións de axuda presentaranse directamente polo solicitante, agás no caso de persoas físicas que non realicen actividades económicas ou comunidades de propietarios, que o farán a través de entidades colaboradoras.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.