Noticias

140 millóns de euros para o ensino e 2.095 docentes para blindar a seguridade sanitaria e a calidade educativa neste curso

A Xunta reforza o ensino galego cunha inxección económica adicional de case 140 millóns de euros e a contratación de 2.095 docentes para este curso 2021/22 co fin de facer fronte ás necesidades derivadas do contexto de pandemia e blindar a seguridade sanitaria así como a calidade do sistema educativo. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, ante o Pleno do Parlamento de Galicia, nunha comparecencia a petición propia na que debullou, de xeito pormenorizado, as principais medidas do Goberno da Xunta para este curso “de transición” grazas á boa marcha da vacinación, pero que “con todo -matizou- non debemos baixar a garda”.

Segundo explicou, o “feito diferencial” da vacinación e a experiencia acumulada e o bo funcionamento no curso pasado “sitúanos ante un novo momento” no que Galicia “está preparada” para afrontar os retos deste curso, cun sistema organizado “tendo en conta criterios pedagóxicos de calidade, demográficos e de xestión responsable dos recursos”.

Neste contexto, Román Rodríguez recalcou que o ensino galego vai contar “con todos os recursos necesarios” tanto no que atinxe a profesorado como á dotación orzamentaria extraordinaria, para afrontar o terceiro curso escolar da pandemia.

Contratación de profesorado

No que atinxe ao profesorado, o titular de Educación avanzou que este ano haberá un total de 2.095 contratacións para atender as “necesidades reais” do sistema, o que, en palabras do conselleiro “supón un importante esforzo económico e organizativo” por parte da comunidade autónoma ao non contar desta vez con transferencias do Estado para as necesidades da covid, xa que os fondos europeos -segundo explicou- non poden destinarse á contratación do profesorado específico de adaptación.

Estas 2.095 contratacións concrétanse en 1.250 profesores de reforzo do Plan Recupera, 220 docentes para asegurar os grupos burbulla nas etapas de Infantil e Primaria, 290 docentes para atender a oferta de ESO, Bacharelato e FP, 225 novos para atender os desdobres destas etapas de Secundaria e, como novidade por primeira vez neste curso, tamén se incorporan outros 110 profesores para reforzar a dixitalización do ensino (a través do Plan Dixital de Centro) e a rede de orientación.

Así pois, o ensino público en Galicia terá este ano máis profesores que no último curso prepandemia, e nun contexto en que hai 6.000 alumnos menos no sistema. Factores como a demografía, a flexibilización das medidas sanitarias (co paso do 1,5 ao 1,2 metros de distancia en secundaria fixado no protocolo estatal) e a falta de recursos específicos por parte do Ministerio “condicionan o escenario respecto ao pasado curso, que lembremos foi totalmente excepcional e atípico”, explicou o conselleiro. “Malia á falta de compromiso real e de concreción do Goberno central, imos preservar os estándares de calidade do noso sistema educativo e os recursos necesarios para garantir a seguridade nas aulas, como xa fixemos no curso pasado”, reiterou ante a Cámara autonómica.

Reforzo orzamentario

Ademais, a contía de reforzo para facer fronte ás necesidades derivadas do contexto covid neste curso elévase a un total de 139,9M€. Deles, a partida máis elevada -un total de 82,1 millóns- están destinados ás adaptacións esixidas e neles inclúense os 10M€ do Fondo de Reserva de Garantía Educativa, que se incrementa nun 40% respecto ao pasado curso.

Outros 43,8 millóns corresponden a fondos europeos dirixidos a avanzar nas competencias dixitais, á modernización da Formación Profesional e ás unidades de acompañamento; e os 13,9 millóns restantes empréganse na contratación dos 1.250 profesores de reforzo no marco do Plan Recupera, unha acción específica para a atención educativa a aqueles alumnos cuxo aprendizaxe se viu resentido pola pandemia.

Fronte ás críticas dos grupos da oposición, a quen emprazou a que recoñezan “o que funciona ben”, Román Rodríguez puxo en valor o traballo “rigoroso e responsable” da Xunta de Galicia “para afrontar este novo curso académico coas maiores garantías” aínda que “sen baixar a garda en ningún momento”.

Resultados da última década

Así pois, o Goberno da Xunta vai seguir dotando o sistema educativo galego de todos os recursos que sexan necesarios para impulsar o modelo de calidade afianzado na última década, con resultados obxectivos como a redución á metade da taxa de abandono escolar, o liderado nos principais ránkings como Pisa ou mesmo os informes do Ministerio, e a mellor ratio de alumno por profesor de España. Nesta liña, Román Rodríguez recalcou que a proba “máis evidente” da aposta de Galicia pola educación pública é que “estamos no grupo de cabeza das comunidades autónomas con máis gasto público por alumno”.

Ademais da posta en marcha de accións específicas vinculadas á pandemia, como o xa citado Plan Recupera, o conselleiro aludiu á necesidade de “seguir apostando por programas educativos que redunden na mellora do sistema” como a recén aprobada Estratexia Educación Dixital 2030, dotada con 120M€ nos tres primeiros anos con accións de impacto para acadar transformación tecnolóxica das aulas, a ampliación do libro dixital ata chegar a 55.000 alumnos beneficiados, a introdución da Intelixencia Artificial aplicada a todos os eidos e todas as etapas do ensino, ou o reforzo do plurilingüismo.

Referiuse tamén ao impulso da Formación Profesional, non só a nivel de infraestruturas -coa ampliación da rede de centros- senón tamén con máis prazas, cun incremento da oferta, con novos proxectos de FP Dual e con novos másteres de FP enfocados á especialización e máis valor engadido.

Doutra banda, a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a Xunta está a executar este verán un total de 557 actuacións por un importe de 30 millóns de euros, o que supón actuar en máis da metade dos concellos de Galicia. Esta cifra elévase a 86,5M€ se se teñen en conta o conxunto de obras executadas, recibidas ou licitadas neste ano. A este respecto, Román Rodríguez lembrou que este curso académico non se pechou ningunha escola unitaria, senón que abriron tres centros educativos en Lugo, Sanxenxo e Coirós.

Datos educativos

O sistema educativo galego está conformado por arredor de 400.000 alumnos (187.000 escolares de Infantil, Primeira e Educación Especial que comezaron as clases a semana pasada e outros máis de 200.000 estudantes de ESO, Bacharelato, FP e Réxime Especial que inician mañá a actividade lectiva) e conta cun arredor de 1.300 centros educativos sostidos con fondos públicos.

Ademais, no presente curso hai un total de 78.713 prazas de comedor escolar (1.653 máis que o curso pasado) e seguemos a ser a primeira comunidade do Estado canto a volume de alumno transportado (máis de 85.000 alumnos este curso, segundo datos estimados).

R., 2021-09-14

Actualidad

Foto del resto de noticias (bretana.jpg) O Foro Celta é unha iniciativa de cooperación intercéltica creada en 2023 en Bretaña co obxectivo de establecer un marco estable de colaboración entre nacións e rexións do arco atlántico europeo con tradición celta. A súa primeira edición celebrouse en Rennes, onde se adoptou a Declaración de Rennes, que sentou as bases da cooperación en ámbitos como a cultura, a educación, a mocidade, a innovación e o desenvolvemento sostible. Os membros fundadores do Foro foron Galicia, Asturias, Bretaña, Cornualles, Escocia, Irlanda e Gales. Nesta segunda edición, celebrada en Glasgow, incorporouse tamén a Illa de Man, reforzando así unha rede que busca dar visibilidade á identidade celta común.
Foto de la tercera plana (turismo-bici-02.jpg) Galicia supera por segundo ano consecutivo os 8 millóns de turistas aloxados en establecementos da comunidade. Segundo os datos feito públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística referentes a establecementos extra hoteleiros, o número de visitantes en 2025 pechouse cun rexistro global de 8,8 millóns de persoas, isto é un 7,3% máis que no ano 2024, cano do se rexistraron 8,2 millóns de turistas. Deste total, 7,3 millóns de visitantes aloxáronse en establecementos hoteleiros e extrahoteleiros de Galicia, rexistrando un incremento do 2,4%. O número de noites superou os 13,5 millóns, un 2% máis que en 2024.

Notas

La obra de Osorio vuelve a la ciudad de Ourense después de más de 35 años para mostrarse en la Galería de Arte Visol, que desde 1996, sigue demostrando su carácter y marcada profesionalidad apostando por un arte de calidad tanto clásico como de vanguardia. La inauguración tendrá lugar el viernes 27 de febrero de 2026 a las 20.00 horas y se podrá visitar hasta el 27 de marzo en la calle Santo Domingo, 33.
O vindeiro sábado o Aquarium Finisterrae acollerá a VIII Feira Científica Isabel Zendal, organizada polo grupo de divulgación científica e innovación docente da Universidade da Coruña UDCiencia xunto cos Museos Científicos Coruñeses. Trátase dunha xornada de divulgación científica dirixida a todos os públicos, que combinará talleres participativos, xogos e actividades experimentais arredor da ciencia e o mar.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES