Noticias

Galicia comparte con expertos internacionais en Portugal o modelo galego de éxito na xestión do pasado curso ante a covid

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, pronunciou na localidade portuguesa de Braga o relatorio inaugural do XVI Congreso Internacional Galego-Portugués de Psicopedagoxía, organizado pola Universidade de Minho e a Universidade da Coruña (UDC), onde compartiu ante expertos internacionais o modelo educativo de éxito levado por Galicia no pasado curso marcado pola covid-19. O conselleiro repasou como se ten adaptado o ensino galego nos últimos meses cando a Xunta tivo que axilizar unha resposta planificada para o primeiro curso presencial nunha pandemia.

Isto permitiu sacar adiante o curso grazas a unha serie de decisións urxentes cun único obxectivo “acadar a máxima seguridade nas aulas e que a crise sanitaria non derivase nunha crise educativa”, expresou.

Neste sentido, apuntou como unha das mellores decisións tomadas a de apostar por manter un ensino practicamente ao 100% presencial en todos os niveis educativos, incluíndo a educación obrigatoria, o Bacharelato e case plena tamén na FP, fronte a outros modelos doutras comunidades autónomas ou países como o portugués que se incorporaron á presencialidade máis tarde. “Non foi un proceso doado, pero foi posible habilitando as condicións sociosanitarias necesarias para blindar o entorno académico e grazas ao intenso e extraordinario traballo do conxunto da comunidade educativa”, expresou.

Durante o relatorio recordou medidas implementadas durante o pasado curso académico como a creación dos equipos covid en cada centro galego para a divulgación e posta en marcha dos protocolos no entorno educativo; a creación da ferramenta Educovid, para favorecer o rastrexo de positivos, ou o importante reforzo de recursos humanos e loxísticos. Tamén se referiu a medidas de organización académica para lograr a continuidade da docencia no escenario dixital, a medidas específicas docentes e pedagóxicas de atención educativa así como a posta en marcha de ferramentas como o órgano asesor Comité Educativo, “para manter os piares do noso sistema como son a calidade e equidade”, expresou.

Galicia está preparada

“Sobre o curso pasado, podemos dicir que cumprimos os obxectivos”, reiterou o conselleiro quen salientou, ademais, que os resultados demostran que as aulas foron lugares seguros ao longo do curso 20-21 cun 3,7% de incidencia en educación, por debaixo da media de persoas contaxiadas no conxunto da poboación galega.

Incidiu, igualmente, en que a situación epidemiolóxica nos centros rexistrou unha evolución parella á do conxunto da sociedade constatando que os sistemas de prevención e detección precoz empregados ao longo de todo o curso funcionaron de xeito correcto e as aulas non foron vectores de contaxio.

Este modelo de éxito, dixo, é agora un aval para afrontar o novo curso con garantías coa intención de que “sexa un curso de transición e que o ensino vaia recuperando progresivamente a normalidade en liña co resto da sociedade”, indicou. A este respecto sinalou que Galicia está preparada e os avances na vacinación e a situación sanitaria serán tamén claves para ir revisando as medidas, como así o trasladou á ministra de Educación. Apuntou tamén que o sistema educativo galego disporá este ano de todos os recursos humanos e materiais para garantir a seguridade sanitaria e blindar a calidade.

R., 2021-09-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES