
Desde o punto de vista da demanda, no segundo trimestre do ano produciuse unha forte reactivación do consumo dos fogares galegos, cun alza do 23,4%; así como do consumo das administracións públicas, que aumentou nun 8,2%, máis do dobre que no conxunto de España. Ademais, a formación bruta de capital rexistrou un crecemento do 17,8%.
No que respecta á oferta, os servizos e a industria tiveron os maiores aumentos, cun 19,8% e 18,7%, respectivamente; mentres que a construción se incrementou nun 9,3%. Tan só rexistrou taxas negativas o sector primario, debido a que foi o que menos sufriu o impacto da pandemia o ano pasado.
Ademais, os datos da contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- tivo un crecemento do 26,7%, sete puntos por riba da media de CC.AA., o que supuxo un incremento de 18.381 postos de traballo respecto do trimestre anterior.
Este comportamento positivo do emprego permite crecementos en todos os sectores, sendo os maiores na construción (36,8%); e nos servizos (29,6%), salientando un avance do 53,8% na rama de comercio, transporte e hostalería. Pola súa banda, na industria os postos de traballo equivalentes a tempo completo creceron un 23,3% e no sector primario un 2%.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.