Noticias

Galicia iniciará o novo curso con todas as medidas de seguridade necesarias e co alumnado maior de 12 anos vacinado

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, participou en Madrid na Conferencia Sectorial convocada polo Ministerio de Educación e FP para abordar o protocolo do curso que está a piques de comezar. Á súa saída do encontro, o representante da Xunta destacou que Galicia está preparada e iniciará o novo curso con todas as medidas de seguridade necesarias e máis certezas, grazas á vacinación e á experiencia adquirida no pasado ano académico 2020/21.

Fixo fincapé, así mesmo, en que estamos nun escenario completamente diferente ao de setembro do ano pasado, dado que o alumnado maior de 12 anos en Galicia terá a pauta completa na semana do 13 ao 19 de setembro, coincidindo co inicio de curso e tamén está vacinado o profesorado. Neste sentido, destacou que a campaña de vacinación dos rapaces iniciouse con moito éxito, cunha resposta masiva por parte do alumnado.

O titular do departamento educativo do Goberno galego propuxo na reunión de hoxe que, sen baixar a garda en ningún momento, as medidas se vaian revisando durante en curso en base ao nivel de vacinación e á evolución sanitaria, o que permitirá introducir progresivamente cambios en cuestións como por exemplo a mobilidade nos centros, actividades e extraescolares ou saídas. Neste sentido, destacou a necesidade de que o sistema educativo evolucione ao mesmo paso que o resto da sociedade na súa saída da pandemia. “Isto vai ir en beneficio do benestar do conxunto da comunidade educativa e da recuperación da vida cotiá no sistema”, sinalou, poñendo en valor “a responsabilidade e a exemplaridade de todos os seus membros no cumprimento das normas ao longo do curso pasado, que permitiu que os centros fosen lugares seguros”.

De feito, o total de membros afectados pola covid ao longo do curso 20-21 foi dun 3,7% do total dos integrantes da comunidade educativa, por debaixo do conxunto da poboación galega. Ademais, preto do 90% dos casos positivos rexistrados xa se atopaban en situación de corentena preventiva no momento de seren diagnosticados, o que reflicte que os sistemas de prevención e detección precoz empregados ao longo de todo o curso funcionaron de xeito correcto.

Román Rodríguez lamentou, unha vez máis, a falta de compromiso do Ministerio de Educación e FP, que non transfire fondos para que as CCAA fagan fronte aos sobrecustos que a pandemia supón no relativo á adquisición de material (máscaras, xel...), o reforzo da limpeza ou a contratación de profesorado, entre outros. Tal e como fixeron tamén todas as comunidades, insistiu en que os fondos europeos previstos non responde ás necesidades inmediatas do sistema.

Recuperar espazos como bibliotecas

Galicia cumpriu xa o ano pasado co obxectivo de acadar a presencialidade nas aulas, reto que se propoñen este ano o Ministerio e a maioría das comunidades autónomas, que non puideron conseguilo no curso 2020/21. En calquera caso, e dado que a distancia en Secundaria se reduce a 1,2 metros segundo o marcado polo Goberno Central, o conselleiro confiou en que se poidan recuperar moitos dos espazos –como bibliotecas ou salas de usos múltiples– que foron empregados o ano pasado para que todo o alumnado puidese asistir a clase de xeito presencial. “O obxectivo é recuperar a maior normalidade posible de xeito progresivo na vida dos centros e da comunidade educativa”, sinalou o conselleiro

Debate serio e sen contradicións

Román Rodríguez explicou que Galicia traballa con evidencias, coñecemento e investigación, sempre en coordinación e co aval das autoridades sanitarias e do Comité Clínico. Engadiu, ademais, que este novo curso se vai seguir mantendo en funcionamento o Comité Educativo, formado por membros e expertos da comunidade escolar, que avalía e toma decisións sobre os principais asuntos en materia de ensino no marco da pandemia.

Así as cousas, no transcurso da reunión o conselleiro incidiu na necesidade de que os protocolos e as medidas de seguridade sanitarias e a súa evolución ao longo do curso escolar se aborden no marco dun debate serio sempre en diálogo constante coas CCAA.

As mellores ratios de España

A este respecto, chamou a non caer en mensaxes contraditorios arredor de cuestións como as distancias de seguridade e as ratios, lembrando que as ratios nas aulas están fixadas polo Goberno central e non cambiaron nin coa pandemia nin coa nova lei educativa recentemente aprobada. Ademais, matizou que en Primaria as medidas se manteñen sen cambios respecto do curso pasado a través dos grupos burbulla.

Como apuntou, Galicia ten, xunto con Estremadura, a mellor ratio alumno/profesor de España con Estremadura (9,2 fronte á media estatal de 11,3) e o 70% das aulas de Infantil e Primaria galegas está por debaixo de 20 alumnos.

R., 2021-08-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES