Noticias

Concedidas as medallas Emilia Pardo Bazán a Marijé Díaz, Zaza Ceballos e á Asociación Mirabal

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a concesión das medallas Emilia Pardo Bazán, uns galardóns cos que o Executivo galego quere poñer en valor a aquelas persoas que traballan a prol dunha sociedade máis igualitaria, xusta e solidaria. As persoas recoñecidas neste 2021 son a fundadora e presidenta entre 2001 e ata o seu falecemento en 2009 da Asociación Alar de Galicia, María Jesús Díaz Sánchez; a produtora, escritora e directora de cine, Zaza Ceballos; e a Asociación Mirabal; todas elas recibirán as Medallas Emilia Pardo Bazán na terceira edición destes premios. O xurado fallou estes galardóns o pasado mes de xullo.

María Jesús Díaz, máis coñecida como Marijé Díaz, recibirá a medalla a título póstumo. Fundou en 2001 Alar Galicia para loitar polos dereitos das persoas máis desfavorecidas, incidindo sempre no rostro de muller da pobreza e sempre loitando pola igualdade de xénero e potenciando os recursos das mulleres para acadar o empoderamento real. O seu labor estivo centrado na profesionalización da muller en aras de fornecer a súa autonomía. Na súa traxectoria profesional, ademais, elaborou varios informes e medidas de apoio contra a violencia de xénero e vítimas de violencia machista. Dirixiu, ademais, estudos de investigación social para sacar á luz a realidade das mulleres que máis sofren e proxectos de inserción social e laboral de mulleres en situación de precariedade, que é unha dobre carga na desigualdade que sofre a muller.

Zaza Ceballos, pola súa banda, é unha das pioneiras do sector audiovisual de Galicia. Produtora, escritora e directora cinematográfica galega, no ano 1985 comezou a traballar na Televisión de Galicia, ocupando diversos postos de responsabilidade. Tamén foi membro da comisión de expertos para a concesión das axudas da Consellería de Cultura e responsable de coproducións nacionais e internacionais, levando, ademais, a produción de series de televisión e de ficción documental. En 1998 fundou Zenith Televisión, onde actualmente é directora e produtora executiva de diferentes películas, entre elas, sobre Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou Rosalía de Castro. Tamén é profesora de creación no Mestrado de desenvolvemento e distribución de contido audiovisual, na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo.

Mirabal, tamén galardoada nesta edición cunha das Medallas Emilia Pardo Bazán, é unha asociación que leva traballando máis de 10 anos na atención a mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos e fillas, non só no ámbito municipal, tamén comarcal, prestando servizos nos concellos de Curtis, Oza-Cesuras e Pontedeume. O colectivo desenvolve un traballo integral de atención e acompañamento ás mulleres vítimas da violencia de xénero e os seus fillos e fillas.

Desde 2019

As Medallas Emilia Pardo Bazán constitúen unha iniciativa que a Xunta creou en 2019 para o recoñecemento de accións relevantes a favor da igualdade entre mulleres e homes. Poden ser destinatarias das medallas persoas ou colectivos, entidades ou institucións de carácter público e privado que coa súa traxectoria ou labor contribúan no desenvolvemento na nosa comunidade de accións relevantes neste ámbito. Cada ano outórganse tres condecoracións, todas elas de carácter exclusivamente honorífico.

Coas Medallas Emilia Pardo Bazán outórgase, polo tanto, un recoñecemento público ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva. A concesión das mesmas axuda á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria e xusta.

Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e do feminismo e polo seu carácter reivindicador da educación das mulleres, tendo incorporado en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.

R., 2021-08-04

Actualidad

Foto del resto de noticias (fp-soldador.jpg) O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Goberno autonómico prevé publicar antes de que remate o ano a nova normativa de desenvolvemento do decreto de FP, aprobado este ano, para actualizar os currículos destas ensinanzas e incorporar tres novas figuras docentes. Así se recolle nos informes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP , que abordan tanto esta nova regulación como o lanzamento da primeira convocatoria do selo Empresa comprometida coa FP dual, “un distintivo para recoñecer ás empresas máis implicadas con estas ensinanzas”, que acreditará o seu traballo e que implicará beneficios.
Foto de la tercera plana (ramon-pineiro-egeria.jpg) Lugo e Láncara acolleron do 5 ao 7 de novembro as II Xornadas Anuais de Pensamento Galego, dedicadas nesta segunda edición á figura de Ramón Piñeiro. O encontro, organizado por Egeria reuniu especialistas, investigadores e representantes do ámbito cultural e académico arredor do pensamento, a traxectoria vital e o compromiso coa lingua e a cultura galegas dun dos intelectuais máis relevantes do século XX. As xornadas inauguráronse o xoves 5 de novembro na Casa do Concello de Lugo coa participación da alcaldesa, Elena Candia, e a presentación da exposición bibliográfica 'Eu, Ramón Piñeiro' e da web ramonpineiro.gal (desenvolvida por GaliciaDigital).

Notas

O profesor da Facultade de Fisioterapia e investigador do grupo HealthyFit Pablo Campo é o coordinador dun proxecto que emprega a realidade virtual inmersiva e o exercicio terapéutico para promover a recuperación física e psicolóxica das e dos pacientes que se atopan ingresados tras someterse a tratamentos de terapia celular, como un transplante de medula ósea.
A raza Can de Palleiro demostrou unha constitución xenética singular e diferenciada con respecto doutras razas. Esta é unha das principais conclusións do estudo liderado polo catedrático da USC Paulino Martínez e cuxas conclusións se deron a coñecer nun acto que se desenvolveu na Facultade de Veterinaria de Lugo. Esta investigación xenómica para a caracterización e recuperación desta raza evidenciou que a diversidade xenética do Can de Palleiro sitúase no rango superior entre as razas estudadas.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES