Noticias

A Xunta solicitará unha reunión con Endesa para concretar alternativas que dean continuidade á central das Pontes

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta vai solicitar unha xuntanza con Endesa na que participe o grupo de traballo por unha transición xusta nas Pontes —que integran, ademais da Administración autonómica, o Concello, os sindicatos e representantes da industria auxiliar e dos transportistas—, para concretar as alternativos que permitan manter a actividade e o emprego na central das Pontes.

“Necesitamos solucións concretas, realidades”, dixo Conde logo de reunirse co grupo de traballo local nunha xuntanza que cualificou como “positiva”. “Seguimos traballando conxuntamente e, sobre todo, cunha visión compartida”, apuntou, e a Xunta “manterá a súa actitude construtiva e positiva” para que os proxectos que están neste momento sobre a mesa se poidan traducir en solucións concretas.

Nese sentido, asegurou que este esforzo conxunto tamén se vai dirixir a que o Goberno facilite os diferentes fondos europeos que poidan habilitar actuacións concretas en materia de formación ou en forma de axudas para as empresas a través dos fondos de transición xusta. Ao respecto, adiantou que o Executivo central terá “toda a colaboración da Xunta” desde o grupo de traballo local para identificar os criterios e as diferentes alternativas.

“Tanto a Xunta como o Concello, os sindicatos, os transportistas e a industria auxiliar estamos de acordo en que é o momento de pasar ás concrecións, ás solucións realistas para dar unha alternativa”, afirmou Conde. “Imos seguir implicados como ata o de agora”, apostilou.

R., 2021-07-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES