Noticias

Galicia viviu un mes de xuño moi húmido, con precipitacións que duplicaron os valores habituais

A Comunidade galega viviu un mes de xuño lixeiramente frío e moi húmido debido sobre todo a unha segunda quincena marcada polos episodios de carácter tormentoso e as chuvias persistentes. Así se desprende do avance do informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que durante este período as precipitacións rexistradas duplicaron os valores habituais e previsibles para esta época do ano. A anomalía pluviométrica, de feito, foi a principal característica de xuño, que climatoloxicamente non adoita ser moi chuvioso e, sen embargo, este ano pechouse no conxunto da Comunidade cun 102% máis de precipitacións do esperado.

A explicación a estes datos hai que buscala nas dúas metades diferenciadas que presentou o mes, cunha primeira quincena de predominio das altas presións e presenza de aire cálido en superficie, e as dúas últimas semanas, nas que o achegamento dalgunha borrasca con episodios puntuais de chuvias moi cuantiosas explican que a precipitación total acumulada en todo o mes estivese moi por riba do habitual.

En todo caso e tendo en conta o período de referencia 1981-2010, o comportamento do pasado xuño ten un precedente recente: o do ano 2018, cando a anomalía pluviométrica neste mesmo mes foi un 108% superior á media histórica.

Así mesmo e aínda que en xeral xuño foi un período húmido en Galicia, as maiores concentracións de chuvia déronse na metade septentrional e nas comarcas dos Ancares e do Xallas, con valores por riba dos 200 L/m2, é dicir, case o dobre que a precipitación media acumulada no conxunto da Comunidade (109 L/m2). Pola contra, os valores máis baixos concentráronse sobre todo no Baixo Miño, onde se quedaron preto dos 23 L/m2.

Termómetros algo baixos

En canto ás temperaturas, o informe mensual de MeteoGalicia conclúe que foi un período lixeiramente frío tendo en conta que a anomalía media da temperatura foi de apenas 0,38 graos menos con respecto aos valores do período de referencia.

Malia que os termómetros acadaron valores próximos aos que se poden considerar normais, cómpre subliñar tamén que o mes presentou unha variabilidade importante.

Así, durante as primeiras semanas predominou a calor e o tempo anticiclónico o que fixo que as temperaturas se situaran por riba dos valores históricos; pero a medida que avanzou o mes, a inestabilidade foi revertendo esta situación. De feito, os episodios de aire frío detectados a partir do día 17 anularon as anomalías positivas da primeira quincena, de xeito que xuño no seu conxunto acabou con medias por debaixo do habitual.

Por zonas, en moitas localidades galegas o mes foi incluso frío, destacando o leste da provincia de Lugo, a comarca da Coruña, as mesetas e gran parte da provincia de Ourense. A excepción foi a comarca ourensá de Verín, que viviu un mes cálido cunha temperatura media 1,1 graos por riba da habitual nesta zona.

R., 0000-00-00

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES