Noticias

O 99% das mortes por covid-19 en Galicia foron de persoas maiores de 50 anos

Durante o primeiro ano de pandemia, o 99% das mortes por covid-19 producíronse en persoas maiores de 50 anos, e máis do 70% eran maiores de 80 anos pese a representar menos do 9% da poboación galega. Co avance da pandemia e a xeneralización de probas PCR entre a poboación, a porcentaxe de casos detectados por grupo de idade é moi semellante practicamente en todos eles. Estas son algunhas das conclusións recollidas nun traballo realizado por investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela e do Sergas no que se analizan os datos dun ano de pandemia en Galicia.

O traballo foi publicado recentemente na revista International Journal of Environmental Research and Public Health co título One year of the covid-19 pandemic in Galicia: a global view of age-group statistics during three waves. Está asinado por Iván Area e Henrique Lorenzo (Universidade de Vigo); Juan J. Nieto (Universidade de Santiago de Compostela) e Pedro J. Marcos (director asistencial e neumólogo do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña, Sergas). Nel analízanse os datos, sempre referidos a Galicia, de persoas falecidas e contaxiadas e de ingresos en hospital e en unidades de coidados intensivos por grupos de idade e en distintos momentos da pandemia (na primeira onda, no ano completo e no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e os primeiros días de abril de 2021, coincidindo este último período co comezo da campaña de vacinación e a propagación da mutación británica do virus en Galicia).

Persoas falecidas

Na análise realizada, os investigadores sinalan que nun ano de pandemia case o 71% das persoas falecidas era maiores de 80 anos. Ademais, o 19% estaba no grupo de idade de 70-79; algo máis do 6% no grupo de 60-69 e un pouco menos do 3% no grupo de 50-59 anos de idade. Deste xeito, máis do 99% das mortes producíronse en persoas maiores de 50 anos. A porcentaxe de persoas falecidas respecto ao total de pasamentos, recóllese no estudo, decrece a medida que vai avanzando a campaña de vacinación nas persoas maiores de 80 anos. Das 10.836 persoas maiores de 80 anos que padeceron a doenza, os autores do traballo sinalan que 1643 delas morreron. “É dicir, morreu máis dun 15% das persoas maiores de 80 anos que enfermaron”, afirman.

Respecto aos datos de defuncións, os investigadores tamén subliñan como “resulta moi importante destacar que o máximo diario de persoas falecidas na primeira e na terceira onda teñen valores moi semellantes”.

Contaxios por grupos de idade

O estudo tamén abrangue os datos de persoas contaxiadas. Neste senso, os investigadores destacan que “durante a primeira onda da pandemia e no comezo do actual curso académico repetiuse en distintos foros que a covid-19 non afectaba ás persoas menores. A realidade é ben distinta”. Así, detallan, na primeira onda, os datos oficiais sobre a afectación nos grupos de idade de 0-9 e de 10-19 arroxaban unhas porcentaxes do 0,84% e 1,61% dos casos, respectivamente, é dicir, algo máis do 2% dos casos, cando estes grupos representan case o 16% da poboación. Porén, indican, se analizamos o sucedido desde o 1 de xaneiro de 2021 obsérvase que no grupo de 0-9 recolléronse o 7,93% dos casos (cando representan o 7,30% da poboación galega) e no grupo de 10-19 o 9,99% dos casos cando representan o 8,50% da poboación.

“Co avance da pandemia e a xeneralización de probas PCR entre a poboación obsérvase que a porcentaxe de casos detectados por grupo de idade é moi semellante”, indican os investigadores. O mito de que a COVID-19 non afecta ás persoas de menos idade queda claramente demostrado que non é certo”, afirman os investigadores. A extrapolación destas porcentaxes á primeira onda, engaden os autores do traballo, “indicaría que unha poboación duns 3000 contaxiados asintomáticos menores de 20 anos non detectados terían actuado como vectores de transmisión da enfermidade na primeira onda”.

Outro aspecto importante en relación cos novos contaxios analizados no traballo “é que o máximo de infeccións da terceira onda foi catro veces superior ao da primeira onda”, indican os seus responsables.

Ingresos nos hospitais e UCI

Un dos problemas durante a pandemia, apuntan os investigadores que realizaron o estudo, “é poder atender ás persoas que necesitan hospitalización”. Durante a pandemia, sinalan, “máis do 72% das hospitalizacións correspondeu a persoas maiores de 60 anos”. Esa porcentaxe foi superior durante a primeira onda, xa que o grupo de persoas maiores de 60 anos tivo foi algo máis do 76,17% das hospitalizacións. Porén, engaden os investigadores, “sen dúbida un dos principais problemas durante a pandemia é dispor de camas e recursos humanos nas unidades de coidados intensivos”. Neste senso indican como durante este ano de pandemia, case dous terzos dos casos correspondeu a persoas de entre 60 e 79 anos de idade. Ademais, se ben na primeira onda houbo 315 persoas ingresadas, durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 1 de abril o número de persoas que ingresaron nas UCIs galegas superou as 800.

R., 2021-05-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
A maior presenza de proxectos tecnolóxicos ou xurdidos da investigación universitaria entre as iniciativas de emprendemento seleccionadas é un dos aspectos destacados dá XIII Pont-Up Store. Promovido pola UVigo e organizado pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación Pont-Up Store, este encontro do emprendemento permite a 48 novas iniciativas empresariais dar a coñecer os seus produtos e servizos.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES