Noticias

O inventario forestal continuo, unha ferramenta para avanzar cara a un monte innovador, sustentable e xestionado activamente

O Inventario Forestal Continuo de Galicia ten como obxectivo establecer unha folla de ruta conxunta que permita, por unha banda, facer seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas, e por outra, crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe forestal continuado. Así, este documento dará cumprimento a unha das recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais, que sinalaba que era necesario crear un sistema de información e estatística forestal da nosa comunidade.

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor a importancia do Inventario Forestal Continuo para avanzar cara a un monte innovador, sustentable, ordenado e xestionado activamente ao abeiro do Plan Forestal de Galicia 2021-2040. Agradecendo o labor das universidades de Santiago e Vigo -que traballan coa Xunta desenvolvendo esta iniciativa- sinalou que o Inventario permitirá contar cun sistema de monitorización propio das masas forestais que constitúen o monte galego e da súa evolución.

Facendo fincapé no consenso e na colaboración como catalizadores do Inventario Forestal Continuo, o conselleiro lembrou que un 69% da superficie do territorio galego é forestal, polo que estamos -dixo- ante un sector clave para o noso rural. Deste xeito, segundo apuntou, coñecer a realidade desa superficie permitirá avanzar nunha mellora da súa xestión, facendo diagnoses adecuadas para a toma de decisións tanto públicas como empresariais.

Na súa intervención, o conselleiro recordou que o Inventario cumpre coa necesidade dunha actualización progresiva das medicións establecida polo Consello Forestal, así como coas recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais. Nesa liña, destacou que o obxectivo final é acadar unha política forestal planificada, comprometida, consensuada e verificable, mediante un proceso participativo no que estean presentes todos os estamentos interesados da sociedade galega, incluída a indispensable comunidade científica.

José González foi o encargado de inaugurar a xornada, acompañado do reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, e do da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa. Unha xornada na que os representantes das universidades explicaron as súas liñas de actuación no marco do Inventario, mentres o subdirector xeral de Recursos Forestais da Consellería, Jacobo Aboal, debullou as medidas do Goberno galego en materia de montes. Pola súa banda, Manuel Barcón, xerente de proxectos de Medio Rural e Mar da Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia, referiuse ao papel da Amtega no desenvolvemento dun sistema de apoio ás decisións en materia forestal con referencia catastral a partir da información de clasificación e delimitación das distintas especies. A clausura do acto correu a cargo do director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan.

Inventario Forestal Continuo

O Inventario Forestal Continuo de Galicia ten como obxectivo establecer unha folla de ruta conxunta que permita, por unha banda, facer seguimento da cantidade e do estado das masas arboradas, e por outra, crear unha estratexia de apoio ás decisións en materia de política forestal mediante un sistema de monitoraxe forestal continuado.

Así, este documento dará cumprimento a unha das recomendacións do Ditame da Comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais, que sinalaba que era necesario crear un sistema de información e estatística forestal da nosa comunidade, como mecanismo que permitise facer diagnoses axeitadas e ser unha ferramenta fundamental para a toma de decisións de políticas públicas ou empresariais relacionadas co sector forestal.

Deste xeito, a posta en marcha do Inventario axudará a aplicar o Plan Forestal de Galicia 2021-2040, aportando información continua e precisa sobre os recursos dos montes para valorar todos os aspectos de cada medida coa finalidade de mellorar a planificación e a xestión estratéxica, ambiental e económica.

R., 2021-05-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES