Noticias

O stand de Galicia rexistra o maior número de actividades en Fitur e esperta o interese dos operadores presentes na feira

O stand de Galicia rexistra o maior número de actividades en Fitur e esperta o interese dos operadores presentes na feira, xa que no expositor da Xunta celebráronse preto dun centenar de reunións profesionais e contactos con operadores de todo o mundo. Nos tres días nos que se desenvolveron as actividades para profesionais, previos á apertura para o público, a oferta turística de Galicia espertou a curiosidade e o interese de boa parte das axencias e operadores turísticos que buscan destinos axeitados para un tipo de cliente que prioriza a seguridade e a tranquilidade trala crise sanitaria. A oferta galega espertou sobre todo o interese de operadores de países europeos e americanos, pero tamén de Rusia ou China.

Nese sentido, Alfonso Rueda manifestouse satisfeito polo recoñecemento do traballo previo feito en Galicia, co seguro coronavirus ou campañas de dinamización como o bono turístico. “Acertamos con esa formulación e con ese traballo previo -asegurou o vicepresidente-. As axencias e os operadores dixéronos que este era o camiño”.

O responsable de Turismo na Xunta subliñou que a actividade no stand galego demostraba que, tralos meses duros da pandemia, o sector atopábase agora no seu “rexurdimento” e que, tal e como se calculaba desde a Xunta, o verán poderá ser moi bo para Galicia se a situación sanitaria o permite, sobre todo co pulo do dobre Ano Santo: “Temos moitos meses de Xacobeo por diante e iso vai ser moi positivo para Galicia”.

Desde o mércores 19 ata hoxe, no escaparate que Galicia levou a Fitur desenvolvéronse moitos contactos entre profesionais co obxectivo de pechar reservas en Galicia de cara ao verán. A oferta galega espertou sobre todo o interese de operadores de países europeos, como Francia, e americanos, como México ou Venezuela, pero tamén de Rusia ou China, o que favorecerá a recuperación do turismo internacional.

Na 41º Feira Internacional de Turismo no recinto feiral Juan Carlos I de Madrid, a Xunta participa cun stand de mil metros cadrados dividido en dez espazos expositivos dedicados a diferentes produtos e destinos turísticos. A área de Galicia na feira complétase con obradoiros de artesanía en vivo, actuacións musicais e un espazo de degustación atendido polos alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia.

A feira continuará aberta ata o domingo para o público en xeral, e no stand de Galicia, ademais da oferta turística despregada, haberá actuacións do DJ Mil, que mestura música electrónica e temas galegos, e de Najla Shami, compositora e cantante de nai galega que ofrecerá o seu repertorio de temas en galego.

Nese gran escaparate do turismo, Galicia reforza a súa imaxe como destino seguro, con iniciativas como o seguro coronavirus que, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, ten como obxectivo que os viaxeiros que se acheguen á nosa comunidade se sintan seguros coa cobertura dos seus gastos sanitarios, de aloxamento ou transporte ante un posible contaxio.

O seguro coronavirus busca tamén a recuperación do sector turístico, por iso a súa posta en marcha supón unha medida de apoio ás axencias de viaxes e ás empresas do sector, que poderán ofertar Galicia como destino seguro aos seus clientes.

Ademais, o Goberno galego ten en marcha iniciativas de fomento do consumo interno como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia, que tivo unha gran acollida ao esgotarse as tarxetas en só 12 horas, xunto coa reactivación do programa Elixe Galicia. Entre ambas iniciativas a Xunta prevé inxectar 10 millóns de euros no sector turístico para axudarlle na súa reactivación.

R., 2021-05-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (a-serie-clopen.jpg) A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia “Pajarito”, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
Foto de la tercera plana (golpes-bajos.jpg) O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.

Notas

Logo dos traballos desenvolvidos no Corro dos Mouros entre 2023 e 2025, a cuarta campaña de escavacións na parroquia de Santa María Madalena de Adai (Lugo), na propiedade da Asociación da Comunidade de Montes M.V.M.C. Vecinos de Adai, profunda agora en dous abrigos, un deles, coñecido como Pena Travesa, cun petróglifo con deseños complexos de cazoletas na parte superior da rocha.
A Universidade da Coruña acollerá o vindeiro 22 de outubro a IV Xornada Interuniversitaria Galega de Innovación Docente (XIGAID), un encontro que reunirá na Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC (ETSAC) profesorado das tres universidades públicas galegas para compartir experiencias, boas prácticas e propostas ante os novos retos da docencia universitaria.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES