
Esta tarxeta pode adquirirse en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas nas catro provincias. Para empezar a empregala cómpre cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se aboarán as viaxes e posteriormente será reintegrado no dispositivo.
Na páxina web www.bus.gal pode ampliarse a información relativa a este dispositivo e as vantaxes que leva asociadas, así como o listado de todas as sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello, cos correspondentes horarios e rutas.
Na actualidade, máis de 80.000 mozos menores de 21 anos xa viaxan de balde nos autobuses interurbanos da Xunta a través do emprego desta tarxeta.
A área da Coruña alberga o maior número de dispositivos expedidos, contabilizándose case 22.850; seguida da de Vigo, con case 17.225 tarxetas distribuídas; e Santiago, con preto de 12.150. Na área de Ferrol, máis de 9.600 rapaces dispoñen desta tarxeta; na de Pontevedra, máis de 5.200; e na de Ourense, máis de 2.700.
A tarxeta permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas. A súa recarga pode efectuarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de xeito telemático mediante a banca móbil ou electrónica da citada entidade.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar actualmente para que os usuarios poidan levar esta tarxeta directamente no móbil e facer as recargas sen necesidade dun caixeiro.
Iniciativa social
A tarxeta Xente Nova é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos.
Posteriormente, ampliouse a cobertura ata os menores de 21 anos e desde xuño do ano pasado, o Executivo autonómico activou este incentivo na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra.
Esta iniciativa do Goberno galego, enmarcada no Plan de Transporte Público de Galicia, ten como obxectivos contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria, ao tempo que se fomenta o uso do transporte público e, polo tanto, unha mobilidade máis sustentable e limpa entre os máis novos.
A reposición dálle continuidade á aposta do Centro Dramático Galego por recuperar títulos do seu repertorio que manteñen a demanda do público máis alá da súa primeira exhibición. No caso de 'A serie clopen', as 33 funcións ofrecidas no Salón Teatro durante a súa estrea en 2025 reuniron arredor de 5.500 espectadores, antes de iniciar unha serie de representacións por outros espazos de Galicia e de Portugal. O regreso aos escenarios prodúcese despois do recoñecemento acadado pola produción nos Premios de Teatro María Casares, pois obtivo dous galardóns: Natalia Pajarito, como mellor actriz protagonista, e Marta Alonso Tejada, pola dirección de movemento.
O sábado 12 de setembro chegará un dos pratos fortes do ciclo: A Movida Viguesa e a Homenaxe a Golpes Bajos. Esta histórica xornada supón o regreso aos escenarios de artistas fundamentais para comprender a historia musical de Vigo e de Galicia. Bandas e músicos que naceron na cidade e que, desde aquí, conquistaron o panorama nacional e mesmo internacional. Reunir nun mesmo escenario a Golpes Bajos, Semen Up, Miguel Costas de Siniestro Total, Killer Barbies e Stoned at Pompei é moito máis que un concerto: é unha homenaxe a unha xeración irrepetible e a unha cidade que marcou unha época dentro da música española.