Noticias

Máis de 3000 alumnos conclúen hoxe o reto dos '21 días co galego e +'

A terceira edición do programa de dinamización lingüística 21 Días co Galego e +, da Xunta de Galicia, conclúe hoxe o reto coa lingua galega ao que se sumaron hai tres semanas máis de 3000 alumnas e alumnos de educación Primaria, ESO, Bacharelato e FP con idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos, que se comprometeron a falar só en galego durante as 24 horas do día nas 21 xornadas de duración que marca a iniciativa, tanto dentro coma fóra da contorna escolar. Dez centros de ensino, un deles por primeira vez de Primaria, pechan así unha ampla e intensa programación desenvolta durante máis de 500 horas.

“Concluímos por terceira vez e con grande éxito de participación o programa, no que lle agradecemos o esforzo do profesorado, nomeadamente aos equipos de dinamización da lingua galega”, sinalou o secretario xeral de Política lingüística, Valentín García, quen destacou “o grao de implicación na iniciativa de toda a comunidade escolar e das familias, nun compromiso amplo co coñecemento, visibilización e dinamización social da lingua propia de Galicia, do que nos sentimos satisfeitos porque é o que se necesita para impulsar conxuntamente o uso do galego pola mocidade en todos os ámbitos máis alá destes 21 días que hoxe rematamos”. “Sodes o futuro da lingua galega, estamos orgullosos de vós”, concluíu.

Acompañárono na clausura oficial, mediante videorreunión, os coordinadores docente e técnico da iniciativa, Pilar Ponte e Roxelio García; así como o profesorado representante dos IES Perdouro de Burela, Miruca Parga; IES Taboada Chivite de Verín, Guimar Vázquez; e CPR A Inmaculada de Lugo, Manuel Barreiro, e alumnado participante.

Perfeccionar o galego dentro e fóra das aulas

21 Días co Galego e + é un programa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que ten como obxectivo que a xente nova fale máis o galego e que perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas. Na súa terceira edición, a iniciativa estendeuse de maneira piloto á etapa de Primaria, coa participación de alumnado de entre 3º a 6º de Primaria.

Como novidades salientables, xeneralizouse a participación de todas as materias no conxunto de centros, converténdose nun proxecto transversal, coa especial implicación no caso do IES Ramón Cabanillas de Cambados, no que os 21 Días co Galego e + se convertiron en eixe vertebrador do proxecto de centro para o curso escolar. A edición 2021 tivo unha especial colaboración e difusión cos medios de comunicación públicos para achegarlle o programa ao alumnado, ás súas familias e á poboación en xeral dado que a promoción do galego é un obxectivo para toda a sociedade.

Isto fíxose, por unha banda, cunha participación no programa Galicia por Diante da Radio Galega cunha sección diaria fixa durante os 21 días na que o alumnado de cada un dos centros, acompañado polo seu profesorado, tivo a oportunidade de expoñerlle á sociedade galega os proxectos nos que están a traballar e cos que contribúen aos 21 Días co Galego e +. E, por outra, mediante a colaboración do equipo do espazo da TVG #DígochoEu!, que mantivo encontros virtuais con nove dos centros e un encontro presencial sorpresa con outro.

Máis de 500 horas de presenza na Internet

A terceira edición dos 21 Días co Galego e + fíxose eco, como vén sendo habitual, do seu desenvolvemento no blog 21 Días co galego e +, desde onde foi seguido por todos os participantes, mentres que a canle de YouTube recibiu 244.615 impresións, tivo 63.823 reproducións, 144 subscricións e acumula 2.421 horas de tempo de visualización dos 224 vídeos colgados que foron realizados polo alumnado.

Canto aos perfís nas redes sociais, o de Facebook, que conta con 936 seguidores, recibiu no último mes 1.150 visitas cun alcance de 16.918 persoas, 9.215 interaccións coas publicacións e 15.169 reproducións de vídeo, mentres que o de Twitter, que suma 339 seguidores, elevouse ata as 72.900 impresións nos últimos 28 días e máis de 3.239 visitas ao perfil. Ademais, a conta de Instagram @21dcgemais interacciona con 573 seguidores e estreouse nesta edición unha conta de TikTok asociada ao programa.

Dunha experiencia de centro a toda Galicia

21 Días co Galego e + é unha iniciativa promovida pola Xunta de Galicia que ten a súa orixe en 21 Días co galego, unha experiencia que, baseada nos 21 días que se consideran necesarios na adquisición dun hábito, tivo os seus inicios no IES da Pobra do Caramiñal (A Coruña), da man da profesora de lingua galega e literatura Pilar Ponte.

A iniciativa, centrada no fomento da lingua oral mediante a asociación do galego coa modernidade, coas TIC e coas redes sociais, emprega unha metodoloxía baseada na aprendizaxe por proxectos e no traballo cooperativo e recibiu o premio da Cultura Galega 2019 da Xunta de Galicia na modalidade de Lingua.

Desde o curso 2018-2019, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade asumiu o proxecto como propio, no marco do seu Plan de dinamización da lingua galega na mocidade, para así facelo extensivo a outros centros de Galicia. Tras esta terceira edición, os 21 Días co Galego e + computan xa un total de 8931 participantes, nos 24 centros educativos que se sumaron ao reto do galego con alumnado de entre oito e 18 anos, abarcando todos os niveis educativos desde o ensino primario ata o bacharelato ou a formación profesional.

R., 2021-03-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-abanea-2025.jpg) O Festival Abanea celebrará entre o 16 e o 20 de xullo a súa cuarta edición cun programa de danza contemporánea de distintos estilos que distribuirá 15 funcións de nove compañías entre os concellos de Ames, Outes, Marín, Foz e Celanova. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, estenderá así a súa actividade de exhibición e dinamización ás catro provincias. A bailarina Andrea Castro presentou a primeira fase do espectáculo Lola y los lamentos, como artista seleccionada para o acompañamento bienal 2025–2026 co que o festival apoia procesos de creación de artistas emerxentes e que nesta edición terá como resultado a estrea de 'A mona de seda'.
Foto de la tercera plana (festival-hercules-brass.jpg) As diversas actividades do festival terán lugar do 28 de xullo ao 1 de agosto no claustro do Mosteiro de San Salvador de Celanova. A actuación que inaugurará a cita será a da Banda de Música de Celanova con James Morrison, un concerto único en España que terá lugar ás 20,30 horas. Ademais deste, subirán ao escenario a Boston Brass de Estados Unidos, Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos e pechará a edición o Hércules Brass Ensemble dirixido por Isabel Rubio e coa Boston Brass e Adam rapa como solistas. Así, os concertos complementaranse con cinco días de actividades formativas para un centenar de estudantes procedentes de distintas comunidades autónomas. Clases de alto nivel da man dalgúns dos participantes nas actuacións e un seguimento continuo e individualizado que garante un acompañamento pedagóxico para o alumnado.

Notas

O Campus Sur da USC será entre os días 19 e 21 de setembro o escenario do Festival Internacional Compostela Street, un dos encontros de cultura urbana e deportes extremos con maior impacto no Estado. O evento enmárcase na programación de benvida que a USC lle ofrece cada comezo de curso ao seu estudantado, e brinda os seus espazos para ser punto de encontro deportivo e cultural da mocidade, onde se xuntarán preto de 500 persoas.
230 investigadoras e investigadores noveis e experimentados participan estes xoves en venres no museo Marco de Vigo no 8º Annual Meeting do CINBIO, Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo. Baixo o lema 'Nanotechnology & Biomedicine: where science meets the future', o persoal investigador compartirá os seus coñecementos en ámbitos como a química, a física, nanotecnoloxía e saúde, co obxectivo de visibilizar as novas ferramentas para a medicina do futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES