Noticias

Megumi Shiozawa, a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense e a Rede Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos de Vigo recibirán o 8 de Marzo as Medallas Emilia Pardo Bazán

Celebrarase a cerimonia de entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán, que na última edición recoñeceron a Megumi Shiozawa —a título póstumo—, á Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense e á Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, nun acto previsto este 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. O Goberno galego propón celebrar o acto de entrega nos xardíns do Pazo de Meirás polo seu simbolismo e a vinculación do mesmo coa escritora Emilia Pardo Bazán que dá nome aos galardóns e loitou pola igualdade nos seus tempos. Para iso xa solicitou ao Goberno central o uso das instalacións para a celebración da cerimonia.

As medallas recaeron na súa última edición, tal e como se deu a coñecer no Consello da Xunta o pasado 17 de decembro, en Megumi Shiozawa a título póstumo, na Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) e na Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo.

Con esta iniciativa, o Goberno galego quere enxalzar o labor que as premiadas desenvolven ou desempeñaron a favor da igualdade entre homes e mulleres para construír unha sociedade máis igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade. A coincidencia da entrega na data na que se conmemora o Día Internacional da Muller non persegue máis que facer énfase nese recoñecemento.

Megumi Shiozawa, que recibirá a medalla a título póstumo, foi presidenta da Casa Galicia Xapón, axudando a estreitar as relacións entre Galicia e o país nipón. Destacou pola súa traxectoria como muller emprendedora e dinámica. Co seu labor, ademais de servir de canle entre dúas culturas, contribuíu a impulsar o emprendemento feminino, sendo unha pioneira na apertura do mercado de oriente para os galegos e galegas e que intensificou os vínculos entre Xapón e Galicia.

A Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) naceu no ano 1998 e conta na actualidade con 64 entidades de mulleres rurais asociadas, distribuídas por toda a provincia, o que lle imprime unha base social ampla e variada e se traduce en miles de mulleres beneficiarias das súas actividades. Forma parte do Consello Social Provincial de Ourense e do Consello Galego de Benestar.

A Asociación Rede Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo, pola súa banda, atende as demandas cotiás das mulleres, prestándolles apoio e asesoramento de xeito directo, especialmente mediante a intervención directa coas mulleres vítimas de violencia de xénero, poñendo o foco na importancia do acompañamento social das mulleres vítimas de violencia de xénero e na súa recuperación psicosocial e laboral.

A Xunta creou en 2019 as Medallas para o recoñecemento de accións relevantes a favor da igualdade entre mulleres e homes. Poden ser destinatarias das mesmas persoas ou colectivos, entidades ou institucións de carácter público e privado que coa súa traxectoria ou labor contribúan no desenvolvemento na nosa comunidade de accións relevantes neste ámbito. Cada ano outórganse tres condecoracións, todas elas de carácter exclusivamente honorífico.

Coa entrega faise recoñecemento público ademais ás medidas desenvolvidas en Galicia en prol da igualdade efectiva, axudando á sensibilización social, á visibilización dos talentos e das capacidades das mulleres e para que se recoñeza a traxectoria vital e profesional de persoas e entidades comprometidas con erradicar as discriminacións de xénero e coa construción dunha sociedade máis igualitaria.

Estes galardóns levan o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e do feminismo, e polo seu carácter reivindicador da educación das mulleres, tendo incorporado en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.

R., 2021-03-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (gnight-2026.jpg) Medio milleiro de investigadoras e investigadores e máis de 150 actividades científicas nas sete cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Así se celebrará en Galicia a sexta edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras, G-Night 2026, unha actividade na que a comunidade científica galega une talento e esforzos co obxectivo de achegar a ciencia á cidadanía e espertar vocacións científicas, ao tempo que se ofrecen propostas de lecer científico, cultural e educativo para toda a familia.
Foto de la tercera plana (20260916-xunta.jpeg) A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central medidas estruturais de apoio ao sector agrogandeiro. Do mesmo xeito, esíxese que se teña en conta a realidade de cada territorio á hora de levar a cabo estas actuacións, que deben executarse de xeito urxente. Así o trasladou a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na Conferencia Sectorial celebrada en Madrid, na que se dirixiu ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, para facer estas reclamacións. Alí, reafirmou tamén o compromiso do Executivo galego con este sector.

Notas

A colaboración entre a UDC, a USC, a UVigo e o Sergas permitirá reforzar a prevención, facilitar a detección temperá de situacións de malestar emocional e garantir a continuidade asistencial cando sexa necesaria. O documento nace do traballo conxunto de profesionais das tres universidades e da Administración sanitaria, integrando a experiencia práctica e a evidencia científica.
Berenguela de Castela, María de Molina, Inés de Castro, Leonor de Guzmán, María de Padilla ou Catalina de Lancaster son algunhas das mulleres que protagonizan 'Señoras de Castilla. Reinas y damas medievales en la literatura peninsular', a exposición que pode visitarse na Facultade de Filoloxía e Tradución. A mostra percorre a vida e a fortuna literaria de catorce figuras femininas da nobreza da Baixa Idade Media.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES