
A representante do Goberno galego lembrou a importancia de que nas negociacións entre os Executivos comunitario e británico -para fixar as posibilidades de pesca de 2021 nas augas compartidas- se teña en conta a relevancia das especies accesorias de cara aos intercambios con outros países. O obxectivo é evitar dificultades para obter cotas adicionais de distintas especies como a rexistrada no caso da xarda despois da cesión de posibilidades de captura pola Unión Europea ao Reino Unido no acordo pesqueiro sobre o brexit.
Galicia demanda o incremento tanto das cotas provisionais asignadas ao primeiro trimestre do ano como para o conxunto de 2021 nas augas compartidas e lembra que como consecuencia do acordo do brexit o Executivo comunitario cedeu ao Reino Unido o 25% das posibilidades de pesca europeas a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos e medio. Para tratar de mellorar situación, explicou a conselleira do Mar, é clave poñer en valor os argumentos socioeconómicos e unha unidade de acción entre as comunidades autónomas e o Goberno central.
En canto ás cotas definitivas para o 2021, a titular de Mar incidiu na importancia de contar con cotas de especies para a súa cesión e intercambio con outros estados membros e manifestou a intención de Galicia de armarse de argumentos para trasladalos ao Executivo central mediante unha análise do impacto dos previsibles axustes de cotas nas principais especies de captura da frota que faena en augas do Gran Sol.
A comunidade galega defende ademais unha flexibilidade que permita ao sector pesqueiro afrontar as circunstancias derivadas da pandemia da covid-19 con medidas como o incremento da porcentaxe do 10% de flexibilización interanual da cota que autoriza a Política Pesqueira Común (PPC), é dicir, a cantidade que non se consumiu nun ano e que se pode pescar no seguinte.
Á espera de coñecer a proposta de cotas para 2021 nas poboacións de peixes compartidas co Reino Unido, Galicia considera clave mellorar as recomendacións do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES) en especies de alto valor para a frota galega como a pescada do norte, o rapante ou o peixe sapo, entre outras. O obxectivo, explicou Rosa Quintana, é evitar que se produzan recortes ou ampliar as subas así como maximizar as propostas para especies secundarias coma a cigala, a maruca, o ollomol e o alfonsino.
De feito, no caso de especies de augas profundas como o ollomol e o alfonsino, entre outras, Galicia leva tempo defendendo a eliminación dos TAC, pois son poboacións de peixes sen actividade dirixida, é dicir, accesorias da actividade pesqueira, polo que son de escasa relevancia de captura e sen riscos relativos á súa conservación pola rebaixa do esforzo pesqueiro realizado sobre elas.
Participación nas negociacións
A conselleira do Mar tamén volveu solicitar a presenza de Galicia -dentro da delegación española- nas rondas plenarias de negociación co Reino Unido posto que, ademais de ostentar a representación das comunidades autónomas españolas, posúe máis do 70% das cotas españolas nestas augas. Galicia entende que esa presenza podería darse ao igual que ocorre no caso de Escocia e ao tempo que tamén asisten aos encontros representantes do sector pesqueiro español, doutros sectores da Unión Europea ou das organizacións non gobernamentais (ONG).
Neste sentido, Galicia volveu demandar a súa participación directa nas negociacións -como xa fixeran previamente o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a titular de Mar- e lembrou que existen precedentes como a asistencia de Andalucía nas negociacións de acordos internacionais por parte da Unión Europea.
Acordo con Mauritania
O Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea tamén serviu para analizar a situación das negociacións entre a Comisión Europea e Mauritania para renovar o acordo pesqueiro entre as partes e sobre as que a conselleira do Mar trasladou a preocupación da frota galega. Neste sentido, Rosa Quintana lembrou que, como xa lle trasladou a semana pasada ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación nunha misiva, o sector pesqueiro galego está descontento coa actuación da Unión Europea nas últimas roldas negociadoras ao entender que a súa actitude é pasiva e que non ten vontade de chegar a un acordo.
A titular de Mar salienta que a celebración de encontros non presenciais pola alerta sanitaria pola covid-19 dificulta os contactos, pero lamenta a falla de avances polo que demanda que se dea un impulso ás negociacións e recorda a necesidade de acadar resultados antes da finalización da prórroga actual, que expira o próximo 15 de novembro.
Por iso, a comunidade galega pide que se negocie a posibilidade de incluír os cefalópodos no futuro acordo. Tamén solicita a resolución do problema derivado da consideración por parte de Mauritania do aceite de pescado como produto transformado, unha consideración que a frota galega entende arbitraria e carente de base e que xa ocasionou grandes perdas ao sector.
Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.